
Campo de rugby moi coidado con favela ao fondo.
Aínda que non é a primeira vez que viaxo a América Latina, nunca tivera tempo de apreciar tan de preto a tremenda desigualdade social que morde ao sur. Nenos de once anos, no metro, cargados de paquetes de chicles:
Señores pasajeros….
…en esta ocasión…
…me dirijo a ustedes…
…para presentarles los nuevos chicles Mentamín…
“México é un continente”, afirma Luciano. O fenómeno é tan complexo e tan diversificado que tería que pasar horas describíndoo, pero dende a miña pura obxectividade subxectiva, o que vexo resúltame inaceptábel. O trauma nacional que provoca é tremendo: os ricos tentan impresionar aos foráneos con enormes fastos que provocan o efecto contrario ao que eles desexan, porque cando miras polos suntuosos balcóns, cun cosmopolitan na man, o que ves son favelas, nenas preñadas tirando de carriños, masas suburbanas de vivendas de paredes de naipes. E despois dá igual a milonga que che conten. As clases media e alta mexicanas seguen vivindo o seu propio conflito indentitario, entre a presión do norte estadounidense e o orgullo nacional aprendido na escola.
Esta enorme masa de pobres, herdeiros daquela horda de miseria escravizada durante os imperios precolombinos que os conquistadores aproveitaron, móvese ao redor de centros tecnolóxicos fastosos, nos laberintos de cemento nos que se amorean nas abas dos cerritos, deixando ofrendas de protección nas saias do Popocatepetl e pregando á virxe Guadalupe. Padecen de resignación indíxena e dunha lóxica de resistencia moi próxima á nosa retranca, baseada en dicirlle aparentemente a todo que si ao patrón güero -branco- e facer despois o que lles veña en gaña. O país ten poucos vínculos comúns que xunten a miserábeis, pobres, clase media, ricos e a multitude de masas migratorias, que parecen querer manterse a distancia todos entre si -como en case todas partes. A política continúa estendendo esa receita de unidade nacional tan propia do XIX que é a inxección de cores de bandeira nacional: os coches, os telladiños das chabolas, as prazas, os comercios ostentan verdes, brancos,vermellos. Lembro unha frase sabia e veterana do meu pai:
-Como se nota que aínda son países novos.
Non é difícil encontrar similitudes cun país tan milenario como Galicia. En México comeza a superposición de tempos antigos e atávicos sobre a modernidade, marcando unha fronteira real en América. Imos nun camionsito, un bus de liña. O condutor protéxese do sol colocando radiografías de cabezas, tibias e peronés no cristal lateral do coche. Tres irmanciñas indias, gordas, sentan na parte de atrás.
–Yo soñé esta noche como nuestro hermano se moría -di unha. As outras dúas suspiran.
–Virghensita, yo también– di outra- ¿y no llevaba vestido un hábito como de monje?
–Si, si, si y ay, hermanita, y yo también que no se me fue de la cabeza toda la noche, hasta no me atreví a decírselo a mi marido del miedo que me daba-confesa asustada a outra.
Unha cultura ancestral, mil rituais mestizos, unha tregua entre deuses e o desexo de ser Europa, todo contraposto. Unha moral desafiante. A cara bela, namoradeira, de México.

Aproveito as facilidades de permeabilidade social do viaxeiro: é de noite na terraza do Hotel Habita, no luxoso barrio de Polanco. Este edificio contemporáneo, deseñado cun estilo ecléctico e traslúcido, por Enrique Norten, é o punto de encontro con esa clase alta que podería pertencer a calquer cidade do mundo. Nesta terraza hai un DJ nunha esquina, unha piscina de tons azuis con auga que rebasa unha cara da fachada, luxosa madeira tropical e chemineas de pedra negra. Un proxector de vídeo debuxa enormes figuras de videoclip na fachada do rañaceos de enfronte, para disfrute exclusivo dos clientes do bar. Na esquina, unha barra de sushi, e máis alá, no horizonte, un skyline nocturno de altos rañaceos abertos na cidade. Grupos de mozas pijas vestidas de Carolina Herrera –as máis tradicionais- ou de Armani –as que traballan na tele, ou que estudaron en Europa-, brindan xuntas con Moët Chandon, mentres homes de negocios réndense desolados á evidencia da súa madurez e un par de directores de cine planifican a vindeira película de denuncia e realismo social.

ñ foi