Última actualización o 1 / Outubro/ 2005
-Señor, señor, mire isto, esta máscara, autenticamente artesana, fágoas eu coas miñas mans.
En Teotihuacán, a trinta quilómetros de México DF, cae un sol de xustiza e os güeis ambulantes atacan a todo turista que estea por diante sen misericordia. O vendedor saca do seu bolso, cunha lentitude de gran dominio escénico, un paquete que desenvolve buscando marabillarme co seu interior. Aparece unha bela máscara ritual de cor esmeralda.
-¿Canto pides?
-600 pesos.
-Uf, nada, non estou interesado. Grazas.
Marchamos. O güei perséguenos.
-Espere, señor, espere. A ver, fágame unha oferta.
Unha sorte de cruce entre sentimento de culpa e progresismo solidario faime razonar de xeito comprensivo.
-Mire, 600 pesos por iso é excesivo. Pero, falando entre nós, vostede fágame o prezo que considere xusto, o que lle dea un beneficio axeitado.
O vendedor mírame coma se eu fora un extraterrestre.
-Non, señor, fágame unha oferta. Sen compromiso, o que vostede considere.
-Mire, eu non coñezo canto custan estas manufacturas…
-…auténticas, señor, auténticas, feitas con estas manciñas…
-Xa, auténticas, eu non sei o que custan. Pero o que lle digo é que me poña o prezo que considere xusto, non que me asalte. Paréceme ben que vostede gañe diñeiro: dígame un prezo de verdade e xa verei se llo compro.
-Non señor, dígame canto cre que vale e logo negociamos.
Quedo mirando para el e ríome. Seguimos camiñando. El continúa un rato remachando. A peza baixo a 450, logo a 400. 150 metros despois insiste esgarabellando no meu sentimento de culpa:
-Deixe algo no país, señor. Fágao pola economía mexicana. Mire que somos moi pobres, señor.
-Xa deixo.
-Sería a primeira venda do día, señor, eso dálle sorte.
-Non.
-¿Canto pagaría vostede?
-Nada.
-Tamén teño prata para facerlle un agasalliño á secretaria.
-Non teño.
-Ah. Para a sogra.
-Tampouco.
-Bueno, pois para a muller.
-Por favor, déixeo.
Pasa unha hora e media. O paisano aparece outra vez diante da Pirámide do Sol.
-¿Quere a máscara? 100 pesos.
-¿Pero mecago en todo, non me dixo antes 600?
O pinche güei encóllese de ombreiros.
-Antes non me fixo unha oferta, señor.
Nas lóxicas precapitalistas, o prezo non é un valor fixo, senón o resultado dunha negociación e dunha conversa entre vendedor e comprador. Nesa conversa, o que se trata é de pór en valor o obxecto de acordo coas circunstancias persoais e externas do momento. A astucia, a escenificación da venda é algo que non dominamos. Por suposto, acabei comprando a condanada máscara e, non menos suposto, cunha sensación ben clara de ter sido timado.
Son os anaquiños de xustiza poética que quedan do vello sistema económico, díxenme.

Sé o primeiro en comentar