México D.F. é unha cidade encontrada consigo mesma. Na conurbación da capital federal, viven 40 millóns de persoas nun continuum de asfalto, casas baixas e contaminación. As casas son diminutas e a vida faise na rúa. Vexan se non: un millón de vendedores ambulantes autorizados móvense polas rúas da cidade. Continuamente seguimos a escoitar o discurso da delincuencia: non levedes o pasaporte ao zócalo, non andedes pola noite nas proximidades da praza Garibaldi. Collede un taxi para ir a tal ou cal sitio.
Pero camiño polas rúas coa mesma tranquilidade coma se me movera por Londres ou Madrid. Lembro de súpeto un anaco de Farenheit 9/11, de Michael Moore. O director recolle fragmentos das teles locais de Los Ángeles nos que se fala de asaltos, asasinatos, violacións, persecucións nun perigoso distrito de maioría negra na cidade. Desprázase por alí coa cámara mentres entrevista a un sociólogo. “Non é para tanto”, afirma o experto local, “hai intereses conservadores en crear o clima de violencia”.
A partir dese momento decido facerlle a mesma pregunta a todos os que me falan da violencia do DF:
-¿A ti asaltáronche algunha vez?
Observemos a resposta habitual:
-Ai, non, non, a min non.
Evidentemente, os índices de violencia neste país son elevadísimos, pero a penetración social do medo, a construción social da violencia como vertebradora social, aínda é maior. Lembroume unha situación máis próxima. O México cheo de perigos permite explicar a diferencia de clase, por exemplo, a desconfianza cara o outro e a lexitimación de determinadas situacións inxustas: non é o que a sociedade boa -das clases media e alta- se mesture coa baixa. Búscanse motivos de pólvora para xustificalo.

Be First to Comment