o cazador de diamantes

aCando vin a Vidal souben que tiña unha historia detrás, un destes bos contos que escoitas á hora do café. Non había máis que miralo: uns sesenta anos, pel curtida, camisa aberta ata a metade do peito. Unha gran cadeira de ouro no pescozo, da que colgan as enormes gafas graduadas que emprega para leer. Leva tantos anos en América que o seu galego está cheo de cincuenta acentos diferentes.

Vidal chegou moi novo a Venezuela con gañas de levantar a riqueza. Pronto dedicouse ao tráfico de diamantes. Vidal e dous compañeiros asturianos voaban sobre a xungla venezolana e aterraban nun claro. A partir de alí internábanse na xungla ata o territorio das tribos. Ían cargados de colares, baratixas plásticas, fruslerías, que intercambiaban por pedras de diamante, Un asturiano conseguiuno cun diamante do tamaño dun puño polo que lle deron dous millóns de dólares cos que desapareceu case instantaneamente.

Non era un traballo doado: nese mundo perdido de tribos nómades de cazadores, Vidal e os seus compañeiros, acompañados por un intérprete local, penetraban naquela xungla espesa, sen sol, sen ruído. Alí no alto, sentados nas copas das árbores, distinguían aos vixiantes: indios pintados para a guerra, sentados nas pólas, coas frechas preparadas nos arcos, controlando os seus pasos. Comerciaban directamente cos desconfiados indíxenas; nunha aldea atoparon a un home da Coruña que tiña unha tenda na que só vendía sardiñas en lata. No calor abafante do trópico selvático, o desexo é incontrolábel.

-Aquelas indias eran presiosas, amigho. Esa coriña, esa cara, eses corpiños duros, todo o día espidas –Vidal regalaba os ollos.

Un dos asturianos non puido resistir a presión e botoulle a man a unha teta dunha india. Nada máis facelo, unha frecha inflamada en curare atravesoulle o peito e caeu fulminado no chan. Vidal e o seu compañeiro fuxiron escopetados; nunca máis volveron ver aos soldados das árbores.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *