A Julián Rodríguez: entregáronlle o día do seu cumpreanos unha caixa envolta en galas coa cabeza da súa muller dentro; Esteban Luján, oficial de policía: nunha operación especial detivo un camión con droga para Estados Unidos. Apareceron cinco camións que rodearon o retén policial e deles saíron cincuenta homes armados.
–Entre en razón, don Esteban. Vostedes os milicos son quince, e nós somos cincuenta. Un paso e estarán abalados –dixo o xefe da cuadrilla. Achegouno ao seu coche e amosoulle un maletín con dous millóns de dólares.
–Faga o favor de aceptarmo –dixo o narco- e prepare todo para que este camión pase a fronteira de Texas sen problemas.
Luján aceptou, evidentemente. Guillermo Bolaño, director de Seguridade pública: doce balazos no seu peito incorrupto. Fernando Cortés foi asasinado e enterrado polos seus captores: a familia confesárase sen fondos para afrontar o rescate. Dous días despois, un voceiro dos familiares comunicouse cos seus secuestradores: conseguiran o diñeiro pero non o entregarían ata que lles enviaran unha proba de que Cortés seguía con vida. Os secuestradores desenterraron o cadáver, sentárono nunha cadeira, suxeitárono e maquillárono para saír guapo na foto. O morto resucitou por obra e gracia dun maletín de dólares. Quince homes armados entran no Crowne Plaza de México e fanse fortes nos petos dos turistas norteamericanos. Salinas, un campesiño de Huatulco, degolado ao descubrir unha descarga de narco; catro homes espidos escapan por unha rúa, é un leve escarnio, unha mínima advertencia ante a sospeita de falta de lealdade. Nada vive o suficiente e non parece importar demasiado.
Un taxista:
-O PRI integrou o crime e a delincuencia no réxime, nun réxime de dependencias. A chegada do partido de Fox provocou un baleiro de poder e crearon as vendettas. Algúns barrios son puro escenario de combate.
Pode ter razón. Pero Europa deixoulle a América varias herdanzas terríbeis da colonia: o individuo como fin último, a toda costa, custe o que custe; a vida como un ben relativo, intercambiábel, procedente da sociedade escravista; das plantacións tamén se prodiga o gusto por un abundante séquito de serventes para tarefas mínimas, que queda compensado por un reparto equitativo de salarios mínimos. Esquemas compartidos por todo o continente dende o Yukon ata Terra de Fogo.

One Comment