Lingua imperial

A lingua do poder é o galego. Nestas comunidades, o emprego da lingua é único, nada político, pero si cultural. O idioma é unha ferramenta que se emprega a cotío, na que se fala cos empregados indíxenas, que se aprende á nova xeración como un xeito de manter a cohesión de grupo nun territorio tan propicio á mestizaxe. Resúltame estraño comprendelo dende o punto de vista da Galicia metropolitana. O poder fala en galego, coma os elefantes que entran nas cristalerías, de xeito un tanto despistado. En Veracruz, a comunidade emprega conscientemente o español como segundo idioma nas súas transacións. O servizo, os empregados escoitan ordes e berros na lingua de Pondal ata que os xefes se dan conta de que viven en terra estraña e extraen o español.

Non podo evitalo: quero sentirme por momentos como gringo e saber que é o que se percebe empregando a lingua do poder, rodeada no territorio monolingüe do español. Unha noite probo a empregar o galego nas discotecas cos locais de Veracruz. A estremada educación e discreción dos mexicanos –que recoñecen que, dalgún xeito, estás próximo a esta poderosa colonia- fainos comportarse como se nada ocorrera e ti foses tan comprensíbel como un tipo de Jalisco. Non podo deixar de sentirme suxo por trabar a comunicación por puro capricho. Descubro aliviado que carezo de gosto pola revancha lingüística.

O galego é un idioma físico: cando a colonia de Veracruz contesta ás chamadas de móbil, sáltalles nos beizos o puro acento caribeño:

-Bueno?

Pero cando fan unha confidencia de tequila, aparécenlles o deixe montañés do Suído.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *