
O Roxo: baixo, intelixente, calmo, enorme de corazón. Mexicanos e galegos chámanlle así: o Roxo, pronunciando o xis canonicamente. Na traseira do seu deportivo Mustang garda as luvas de boxeo. Na Casona da Condesa, un local de moda de Veracruz, tamén lle gardan a mellor mesa, esa etiqueta negra que quedou doutros días e as vistas ao skyline dos concertos. A música en directo é obrigatoria nesta cidade: os grupos dispoñen de inmensos repertorios e unha soberbia calidade de interpretación. O roxo coñece con precisión o perfil e a vida de toda esa fauna nocturna que toca alí diante, nese escenario case regalado para el:
a cantante de Nebula –nada que ver coa forza indomable coa que canta aí arriba, é recatada, tímida, silenciosa cando sae coas súas amigas,
as ofertas discográficas que lle ofreceron a Byron Barranco, un idealista backstreet local que se nega a meter as súas melodías pop no mercado e defende o P2P,
os detalles da filmación do videoclip de latino Gerry. Cando estás co Roxo, descobres a un mamut do staff de seguridade do local, discretamente camuflado entre a xente, detrás de nós, toda a noite; un camareiro, dende a outra punta da mansión, proxecta a súa lanterna sobre a túa copa para que esteas sempre abastecido. Amigo enorme dos seus amigos, o Roxo está pendente continuamente dos demais, coma un puma, e rise cando te caza nunha febleza. Observoute implacábel durante días.

One Comment