unha lei sentimental

-Teño tres amantes na costa, do norte ata o sur. Hai que andarse con coidado coa lei.

O enxeñeiro Lixinio, nativo da costa iucataneca, especula coa tecnoloxía de perforadoras para as plataformas petrolíferas que sostén Pemex, a empresa nacional de petróleos, no Caribe. Acaba de chegar dunha fugaz visita a Madrid pero volve nunha semana con varios empregados da súa consultora. Observamos ao noso redor nesta autoestrada aos soldados mexicanos trasladando a compañeiros en padiola. O exército, coma os campesiños e os obreiros, ten un sentido ben flexíbel da capacidade de transportar pasaxeiros dos vehículos. Deste xeito, a milicia trasládase a base de apiñocarse na traseira das furgonetas de carga correndo a velocidades de autopista. Cando o camión esvarou cara a gabia por causas descoñecidas, os soldados voaron polo aire enchendo a atmósfera de vultos verdes.

Lixinio pregunta tanto como fala. Emprega o móbil de xeito compulsivo. Non dubida en fanfarronear e, como pasa moitas veces neste continente, non precisa de moita confianza para detallarnos a súa poligamia:

-Vou deixar a unha delas, pero teño que andar con coidado. Un avogado amigo meu preguntoume canto tempo levabamos xuntos.

Unha lei federal habilita á muller a denunciar ao home se, tras cinco anos de noivado, este a abandona. O motivo oficial da denuncia e posterior xuízo é a perda de tempo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *