Last updated on 21 / Setembro/ 2005
Os veracruceños son jarochos, xente de terra quente. Así se chaman así mesmos. A cidade é unha enorme caldeira ao carón do mar. A auga do Atlántico caribe ferve; o sol pega con dureza e a humidade acada, ás veces, cotas do 95%. Saír ás rúas da cidade colonial dende o refuxio do aire acondicionado provoca que os poros se abran como cráteres e se fabrique unha sensación inmediata de desasosego. A cidade ferve e a poboación que pode se refuxia nos climas artificiais.
Nesta aglomeración urbana de grandes dimensións, vive a colonia galega dende hai case trinta anos. Fortemente vinculados entre si por redes familiares e económicas, os galegos de Veracruz controlan a hostalería da cidade, dende os cinco estrelas céntricos ata os pequeniños hoteis destinados ao turismo interior. Traballan como formigas, de xeito colaborativo e estremadamente prudente, medindo cada paso. Son xente de man ancha pero vestimenta austera, nómadas que viven nun campamento de décadas; astutos coñecedores do tecido social dese magma colonial do que se manteñen, ao mesmo tempo, nunha reservada distancia.
–Pasaron trinta anos e sigo vivindo na miña aldea. O meu mundo, quero que sexa moi pequeno –afirma Manolo. Como todos, é moi reservado, moi divertido, moi xeneroso. Cos anos, non ten ningún tipo de reparo en amosar o que para outros sería unha limitación. Non para min: moita xente ten que facer grandes camiños para poder atopar isto.
Ese mundo tamén está ornado de Jaguars, Mercedes, Audis, Mustangs, Chryslers. Na mentalidade da colonia, os coches son o principal descanso que se conceden nun traballo de enormes horas. Logo, os amplos toros cárnicos, o whisky, case xeado, con auga, a amplitude da súa hospitalidade. É a máquina do tempo reloaded: os costumes, a cohesión social e as relacións de interdependencia económica e laboral da Galicia dos 60 reconvertida nunha intelixente estratexia de xeración de riqueza nas terras de promisión. Os jarochos obsérvanos con distancia, respecto, outras sensacións que non son quen de enxergar máis que en retallos de conversa.

Be First to Comment