
Durante moitos anos, o Bierzo foi territorio de tralla vinícola. A comarca producía uva en moita cantidade e pouca calidade que pasaba a fronteira galega en plan contrabando para compensar as carencias das adegas que non daban a produción da que tiraba o mercado. Este maltempo pasou e hoxe o Bierzo é algo así como un far west que se está a colonizar por aventureiros con diñeiro e experiencia procedentes de fóra da comarca. A comarca atopou na mencía e no godello dos antigos compradores a nova razón de ser.
Á nova colonia hai que coroala con loureiro polo seu éxito progresivo en a penas un par de décadas. Esta denominación de orixe gábase de contar hoxe con andeis específicos nas selectas enotecas de Manhattan, como teño visto. Algúns viños creados son impoñentes, sorprendentes e de prezos totalmente estratosféricos para o noroeste. ¿Por que se chegou a este miragre?
Tecnoloxía, coidado, pero sobre todo a incríbel combinación de chan, cepas vellas coma o mundo e esa rosa dos ventos que é a comarca, recollendo a humidade atlántica e a sequidade e insolación mediterránea. O chan dos viñedos, pendurados da montaña, é unha inestábel superficie de faragullos de pizarra lavados pola choiva que achega carácter. O resultado é que o mencía revélase como disposto a tolerar a crianza e a gañar carácter, facéndose máis escuro.
Así o observamos en copa no Dominio de Tares Cepas Viejas 2002. Un colle o cristal e ve unha escura profundidade terrosa, borgoñona. Pero ao levalo ao padal non se atopa o pouso forte que agardaría de tan contundente imaxe, senón a floralidade do mencía, algúns toques de mineral, e un retrogusto moderado, aínda que amplo, que enche o espazo. As cepas vellas de Tares, unhas veteranas de máis de 60 anos, danlle un sabor novo, xeneroso, descoñecido para esta uva mencía que tanto queremos. O Dominio de Tares Cepas Viejas, que Wine Spectator nominou como un dos mellores 100 tintos do mundo, foi unha sorpresa enorme á cal aínda lle queda un enorme futuro por diante, agachado nas escuridade do repouso da crianza.

Be First to Comment