os símbolos do nacionalismo

che

O Che é corso. O seu mito repítese de punta a punta de Córcega, vendido como souvenir étnico e símbolo de liberación. Aínda que o doutor Ernesto Guevara é xa un mito global, en Córcega alcanza unha significación diferente. ¿Por que?

Vexámolo na explicación que ofrece o viño Isula, que vedes na foto, na que convive unha pouco agraciada imaxe do Che e do moro que é o símbolo nacional corso:

“Córcega e Cuba son dúas illas latinas con personalidades agrícolas marcadas. O viño “Isula” é un marabilloso exemplo de produción identitaria forte”.

Entre o kitch, o nacionalismo e o mercado, Córcega establece o seu discurso nacionalista.

Durante anos, Córcega fixo do seu fenómeno insular a clave da súa identidade nacional, en constante conflito coas potencias que a levan invadindo dende a época romana. É, precisamente, o conflito como concepto o que secuencia a historia para os expertos corsos. Pisanos, xenoveses, franceses viron como os vales interiores desta illa montañosa reaccionaban contra as invasións apoiándose fortemente nun ancestral sistema de clans que só agora comeza a ceder.

Coma en tódalas narracións de liberación nacional, os corsos teñen heroes, traidores, criminais e pais da patria. Pero hai unha interesante diferencia con outras nacións sen Estado en Europa. Mentres que boa parte destas ambientan os seus períodos de gloria e liberdade nunha nebulosa Idade Media, a independencia corsa é un típico produto da Ilustración. É así que, en 1755, Pasquale Paoli é nomeado xeneral en xefe da illa e acádase a independencia de Xénova. Ata 1769 Córcega permanece independente e o Estado comézase a construír de acordo coas premisas do despotismo ilustrado. Escríbese unha constitución, realízase unha primeira división dos poderes do estado, fúndase un exército máis ou menos regular e créase unha universidade na capital do país, Corte, para formar aos cadros dirixentes. Esta moderna estrutura sostívose por riba da realidade nada ilustrada: unha estrutura clientelar e de clans que ralentizou a construción do Estado. Cando a illa cae en mans francesas, no 1769, Paoli exíliase en Londres e o pequeno e incipiente Estado derrubado para sempre na memoria corsa.

Os dramáticos acontecementos terminaron evolucionando, tamén, coma no resto de Europa. Nos 70 comezou o terrorismo e a actividade das bandas armadas continuou terríbeis coletazos ata hoxe. No ano 1998, un grupo terrorista cargouse ao prefeto da illa. Hoxe todo parece un pouco máis sosegado, pero o debate nacional segue a existir.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *