menhires con cabeza

O que dicía máis abaixo, na historia de conflitos de Córcega, a Filitosa é un dos exemplos máis antigos. O mundo megalítico corso foi moi parecido ao da Europa continental, agás por unha belísima particularidade. Nun momento determinado, cara ao final do neolítico, os corsos comezaron a antropomorfizar os menhires, isto é, comezaron a debuxarlle caras. E armas. E nalgún, mesmo costelas. Na zona superior chantábanlles cornos. E facían que miraran cara o nacente. Como as portas dos dólmenes. Como en tódolos monumentos megalíticos.

A Filitosa é un castro posterior, da Idade do Bronce. A cultura que o fundou, invasora, chámase torreana. O nome provén da súa construción máis característica: unha gran torre circular no lugar máis alto do castro. Un exemplo espectacular, por exemplo, está no poboado de Cucuruzzu. Pero o que é interesante da Filitosa é o que alí se atopou agachado formando parte das murallas e da torre. Toda unha sorte de menhires con caras que os torreanos racharan conscientemente e empregaran como materiais de construción dos seus edificios militares. Un señor tan entusiasta como imaxinativo comezou a traballar na Filitosa hai varias décadas e conseguiu exhumar de novo estes menhires, únicos en Europa, que se poden ver, por exemplo, neste VR.

A zona de Sartè é pródiga en xacementos do megalítico. Percorrémolos perseguidos por un sol morno. E logo paramos a comer nun agasallo para os sentidos: a Bergerie d’Acciola (15€) situada no borde mismo da N196 sobre o val do Ortolo, de suavidade toscana. Este lugar máxico e fresco é un ofertorio de sabrosísimos vexetais aliñados co forte aceite local: sabores directos, básicos, magníficos. Comemos unha lasaña ao queixo local, suavísima. Eu recreeime na miña tarte d’ete. Esta tarta de estío está feita cunha masa especial, berenxena, queixo, tomate asado e unha contundente base de pemento que provoca auténticos éxtases místicos.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *