As ribeiras do Spey, próximas á estrada que leva de Inverness á nova rica Aberdeen, son o lugar no que se sucede ese teatro etílico que é o Malt Whisky Trail. Percorremos o camiño iniciático nunha mañá de orballo pesado. En Speyside, os prados cheos de cereal arrecendían a prolegómenos de whisky. As destilerías botan abondoso fume de ferrocarril que alimenta directamente as nubes baixas. Nesta comuñón de humidade nace o whisky de Malta. Coma en todo, hai lugares bendecidos e lugares esquencidos polos deuses.
O noso percorrido comezou no recinto histórico da destilería Dallas Dhu, no que catamos un whisky do mesmo nome xa entrado en anos, sabio e gostoso.
Logo visitamos Glen Moray, e alí aprendimos como auténticos guiris a arte do destilado de whisky do que, basicamente, tirei a conclusión de que o segredo deste choio está, sobre todo, na madeira do bocoi. O Glen Moray é un elixir de altura.
O seguinte paso foi chegar ata Glenfarclas: o lugar é sobranceiro, porque a degustación do local faise nun espléndido salón aristocrático. Por suposto, non é máis que unha sabia manobra de despiste para camuflar a inconsistencia dun licor de porte feble e un tanto covarde.
Un pouquichiño maich talde chegamoch a Cardhu, onde fixemos un mero paripé de figuración fotográfica antes de chegarl a Macallan. Esta destilería é toda unha sorpresa, e non só porque cando un entra e abre o libro de recepción se atope unha foto do Caurel e detallada información de como os bocois da destilería están feitos con madeira galega, senón porque atopei un whisky saborosísimo almacenado en vella madeira de viño de xerez. A sensación é a descuberta dun mundo de calidade que non ten moito que ver co whisky que habitualmente gostamos. E non pensedes que esta entusiasta afirmación está directamente relacionada con que fora a última destilaría que visitamos. Explicádea máis ben como un obsesivo primeiro amor adolescente.
E probádeo se tedes ocasión.

One Comment