Entre os efectos secundarios das viaxes está a sabrosa deslocalización. Dise da tendencia a estar entre dúas augas ao pouco do retorno, comparando o propio co alleo recén visitado. Pénsoo mentres dilapido Salto Mortal, de Kenzaburo Oé, así entre a area, e decido abandonalo ás poucas páxinas ante a perspectiva de ter que loitar máis coa infame tradución que coa propia narración. Ergo os ollos e vexo as montañas do Barbanza. Dous días antes, estaba nun sitio moi similar, pero moi lonxe.
Xa é tarde. Deitámonos nas cadeiras do aeroporto secundario Glasgow Prestwick e entre as miñas mans vou rematando Sushi para principiantes, de Marian Keyes. Acabamos de saudar a Salman Rushdie. Si, Rushdie. Aparece cargado de maletas, un neno pequeno, disciplinado e espelido e un certo aire de desprotección íntima. Lembro a Rushdie nas fotos de revistas de sociedade, sempre rodeado de mulleres nas fotografías, sometido eternamente ao abeiro maternal. Agora sorrí cortesmente, pensando que somos fans. Xa non parece quedar rastro da súa famosa escolta anti fatwa.
O sushi está máis saboroso do que me temín ao principio, agardando que fose unha secuela de Bridget coma quen sospeita o derrube inmediato dun edificio: certa ironía sálvao da queima e faino interesante, a pesar do aceno de noxo que poidan pór algúns arredor desta subliteratura de xénero (???). Acompañoume ao longo de pequenos minutos consumidos en diferentes recantos dos youth hostels de Escocia. Agora, co cansazo e a roña da final da viaxe, adaptando as costelas ás cadeiras do aeroporto, convénzome de que esta viaxe entroume de xeito intenso para dentro. Hai viaxes que che enchen os ollos; outras o bandullo; as mellores están nas que che cambian en algo; pero están tamén aquelas nas que percibes que empatas cun lugar, que nun momento determinado bailas o mesmo paso na pista. E aí estamos, ghastándolle pista a este país.
Vaiamos atrás. Estamos en Armadale, ao sur da illa de Skye, ao Oeste do país. Este territorio insular ao oeste de Escocia está metido entre a brétema. Hai un porto de cemento e unha pizarriña na que se anotan os avistamentos de mamíferos mariños coma quen escribe as apostas dunha porra da oficiña. Focas, marsopas, golfiños e baleas viven nesta costa. O orzamento da viaxe non permitiu subir ás lanchas e saír a mar aberto a ver de preto as baleas, pero o territorio ábrese como un páramo cheo de paisaxes. En Skye, os membros do clan McLeod erguían na torre do castelo de Dunvegan a Fairy Flag para convocar á asemblea de trasnos do clan. O páramo é enorme e desolado: aquí tamén aparece o toxo, casiñas diminutas encaladas como unha vez tamén o estiveron as galegas da costa. As peludas vacas rubias das Highlands móvense entre o vapor e a humidade.
Estas terras están cheas de símbolos dende a noite dos tempos. No castelo de Edimburgo, baixo a Union Jack e a custodia do exército da Súa Maxestade, gárdase a Pedra do Destino, devolta ao país na década dos 90 despois de valer como pousadoiro de nádegas reais inglesas durante séculos. A breve contemplación deste atávico pelouro que simboliza a unión da primitiva monarquía escocesa coa terra ou o territorio e das xoias reais vén precedida de salas e salas de plotters cubertos de material adicional. En xeral, a terra escocesa non é abundante en símbolos visíbeis, a diferencia da galega, pero está cuberta de plotters informativos que poñen as cousas no seu sitio, cando menos na pista de baile, un tanto ás escuras, dependendo da imaxinación do enredado. Outra cousa é camiñar polas rúas molladas, en solitario.
A terra galega, pola contra, está inzada de símbolos táctiles, visíbeis, rotundos, pero faltan eses plotters que comprometen o presente.
Camiñamos entre plotters. A tumba de Rob Roy, nunha aldeíña, desgastada, aínda sostén flores depositadas por membros do clan. En Stirling, hai unha soberbia torre que domina o val adicada a William Wallace –o Mel Gibson de Braveheart-. A torre está chea de turistas que gabean polos estreitos escalóns despois de pagar unha xenerosa entrada. A recompensa é unha tremebunda cabeza parlante en plan holograma que emite alegatos en favor da liberdade nacional no xuízo no que descuartizaron ao heroe nacional. O seguinte chanzo son bustos de mármol en plan panteón consagrados ás glorias nacionais. As máquinas do tempo trasládannos ao século XIX. Un montón de turistas españois admíranse alí da bravura de Gibson –perdón, de Wallace- fronte á tiranía e á opresión, pode que os mesmos que bruarían clamando “mentira” se alguén lles contara os desvelos do bravo Conde de Traba, que xace soterrado no Panteón da Catedral de Santiago camuflado entre os reis e a cabeza aínda erguida.
As Highlands, o enorme páramo, constrúese a si mesmo como símbolo. As enormes estensións, os cambios continuos de tempo, a luz, a auga, o vapor, a herba. O mapa de lendas debúxanse no interior de cada quen. No mapa da miña vida, as Highlands son un lugar para perder a vista e abstraerse aínda máis. E bailarlle un pasodoble a esta vida que vén tan rápido.

Be First to Comment