Teño un problema: nos últimos meses ler o xornal antes de traballar estáseme a convertir en cousa imposíbel. Non se trata de algún tipo de mutación dixital, senón algo moito máis prosaico. Todos temos o noso xornal; podemos estar máis ou menos de acordo con el, pero emprégalo para tentar darlle un pouco de senso ao día que comeza entre bouridos biorrítmicos. Xunto co xornal, teño a miña cafetería. Con bós croissants e napolitanas. Con silencio. Sen fume de Ducados no nariz. Tódolos días sigo unha rutina: como un anaco de croissant, chucho algo de tinta; bebo un grolo de leite. E seguimos coa secuencia ata que son quen de sorrir.
Nos últimos meses, apareceu unha depredadora. Ten uns cincuenta anos, é altísima, loira, de osos anchos, aspecto de mando nalgún departamento autonómico e unha coleteira de brillantes. Dase a casualidade que tamén ten o seu xornal. Que vén sendo o mesmo có meu. Coma min, mormulla na barra o seu café e pouco a pouco, coma min, vaise convertendo en ser humano segundo a cafeína vai facendo efecto. Emprega técnicas descaradas: por exemplo, se alguén está lendo ese periódico, pégase ao carón del -aínda que non quede espazo na barra- ata que esa persoa o solta. Ou colle dous e agacha o seu debaixo do segundo na súa escala de intereses -que tamén coincide co segundo na miña escala-, usando unha cara de indiferencia con respecto aos clientes que mirar resignados para a tele.
O rubio que bebe un zume de laranza ás 08:35 h., un fulano que tamén comparte a afección por ese xornal, decidiu pasar ao contraataque. Tódolos días cambia a portada dese xornal preferido pola do Marca ou a do As e agarda a chegada da muller ás 08:45 h. Logo marcha entre gargalladas.

Be First to Comment