Casa Sanguín

Paramos a comer en Casa Sanguín (Costa de S. Domingo, 2. T: 981571331, sobre 35 €). Aínda que ten nome de refectorio de estrada interior, esta casa de comidas abriu hai pouco nos baixos dun caserón do XVIII veciño ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago. O establecemento vai facéndose unha curiosa osmose coas dependencias deste museo. Deste xeito, podemos atopar guiños a diferentes exposicións do centro: estarcidos baseados na obra de Nancy Spero, o famoso cartel de Vicente Blanco e outro merchandising das mostras do CGAC. Deste proceso de sización fuxe o ambiente final: íntimo, de tonos pardos, madeira escura e un tanto étnica en plan Pórtico e unha certa atmósfera escura, axeitada para facer confidencias, moi habitual nos restaurantes de noite noutras cidades europeas pero insólito nas salas da tradicional hostelería compostela.

O restaurante é de trato excelente: a xente de sala ten vocación de describir, asesorar e interaccionar, de estenderse nos pratos. Recomendáronos un Martínez Lacuesta 2001 (8 € en tendas), que resultou francamente soberbio, ao ser un crianza de Rioja suavizado por un 20% de uva non tempranilla e cheo deses aromas frutais que tanto me enchen a gula. A comida é, ao meu ver, un tanto cara para a elaboración e presentación do produto, especialmente nun restaurante cunha certa vocación de modernidade. As solucións son un tanto simples, as ensaladas –malia que con vexetais moi frescos- son aburridas; as delicias de pescada non pasan de ser peixe fresco fritido con mimo –nada contra el, encántame, pero non lle poría 16€ de prezo-, o pato confitado precisaría dun confit un tanto máis traballado. Os postres son, sen embargo, do melloriño. O variado de todos está cheo de agradábeis sabores, que se degustan frescos entre aromas de coco e vainilla. O aire destas noites de verán, ao saír, agasállanos cunha lambida de vento nos insólitos corredores de pedra que rodean ao CGAC.

One Comment

  1. Anónimo
    17 / Setembro/ 2005

    Me parece que estaban muy acertados en un principio apostando por una cocina creativa al estilo casero, hasta que se les ocurre cargarse a los artistas que hacen posible aquel restaurante que en un principio empezo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *