Last updated on 5 / Agosto/ 2017
O outro día faleivos do Forno dos Mouros ou Cova da Doncela, o terceiro desa tríada prodixiosa de espazos culturais e paisaxísticos reunidos ao redor da praia de Abrela, entre Viveiro e O Vicedo, na Mariña luguesa. Como moitos lectores aínda non están habituados a ver vídeos en 360º (convídovos a mercardes unhas gafas VR, estádevos a perder cousas interesantísimas), imos poñer agora unhas fotografías dando conta deste prodixioso lugar.
A Cova da Doncela é unha galería subterránea ubicada no interior do foxo dun posible castro na punta oeste da ría de Viveiro. É un lugar moi coñecido a nivel local, pero, sorprendentemente, non fóra da comarca. E sen embargo, para quen lle gustan os vellos lugares que non contan todo o que son de primeiras, é un lugar marabilloso.
Esta galería, estreita ao principio por mor da acumulación de terra, conduce despois duns metros cara un sorprendente balcón sobre o mar, do que está pendurada, e alí podemos ver unha paisaxe de furnas e cantís. O mar aquí traballou a erosión e iso provocou se cadra esta sensación, a de que o túnel remata no aire e nun cantil, como en San Xoán Vello. ç
Neste vídeo co drone podes ver a saída da galería ao mar.
Non é doado coñecer as orixes, a época e o sentido deste túnel, se cadra vinculado de algún xeito ao mundo mineiro. Ten algúns elementos curiosos no interior, como varias delimitacións como para poder acoller portas ou unha pequena cavidade en forma de L nun lateral, todo iso se pode ver no vídeo de abaixo. O que si vos podo dicir é que é unha auténtica xoia cultural e ambiental.
Agora ben, hai unha segunda parte tremendamente chamativa. Hai que continuar cara a punta. Ides pasar por un corredor estreitísimo, tamén dun medio metro de ancho, que polos dous lados cae ao mar de maneira abrupta e directa. Se tes vertixe, vas andar “co cú a dúas mans”, como diría Sole. Pero chegado un punto, unha mínima subidiña vaite permitir ver unha paisaxe circular espectacular. E desde alí poderás ver a saída da galería, e curiosamente, outra galería que sae ao carón desta, á dereita na foto, pero para a que non se distingue entrada na actualidade por outra banda, aínda que o outro día se resolveu pero aínda non se fixo público. :-)
Aquí podes ver o vídeo en 360º que publiquei, para que vivas por ti mesmo a sensación de estar no seu interior.
A Cova da Doncela en Google Maps.
Asunto importante: os diferentes puntos desta localización teñen numerosas zonas perigosas, con perigo serio de caerse polo cantil abaixo, etc. Eu non levaría a nenos pequenos alí.
[…] Otro de esos sitios para visitar con calma y asombro. Toda la historia y un 360 de la cueva en el blog de Gago […]
https://www.facebook.com/masquepetroglifos/posts/1743111495941820
sobre el mismo resto publique una pequeña entrada en facebook en 2016, con la posible interpretación de su función y origen. El lugar, como toda esa costa entre viveiro y o vicedo es espectacular. Saludos.