Respectaban os canteiros os petróglifos?

O antropólogo de Ponte Caldelas Buenaventura Aparicio -un dos expertos que máis petróglifos ten pateado na provincia de Pontevedra- comentoume hai anos isto mesmo que vedes publicado no artigo e que me deixou intrigado e pensando. A tese de Buenaventura -da que dispón de máis documentación e probas- é que os canteiros respectaron -en gran medida, lembrade que nisto non hai leis universais nin nada que se cumpra ao 100%- os petróglifos cando ían extraer pedra ao monte. A fermosa Laxe do Cervo, en Cuñas (Ponte Caldelas) era para el un exemplo deste suceder: nas extremidades dianteiras do cervo é perceptible unha cuña de canteiro que, en último momento, decidiu non executar e acabar as´con esta obra de arte. Buenaventura defende que tamén viu o mesmo comportamento -salvar os petróglifos- noutros importantes conxuntos da provincia pontevedresa.

Deixoume intrigado porque nada máis dicirmo comecei a pensar en cantos petróglifos coñecía eu nos que se puidera apreciar a extracción de pedra. E decateime de que, efectivamente, o traballo dos canteiros sempre está por todas partes pero non lembro ningún petróglifo, ningunha figura claramente definida e recoñecible, afectado por unha extracción. Isto é aínda máis valioso porque como ben sabedes, só moi poucos petróglifos son identificados como penedos singulares que levan asociadas lendas, e moitas veces estes penedos lendarios con petróglifos redúcense a coviñas e pías -se cadra marcando un mundo da Idade do Ferro que continúa en época romana, medieval… O silenzo da memoria popular sobre laxes espectaculares e figurativas, con cervos e grandes conxuntos, é tamén significativo. Se non había unha presión simbólica forte…que facía que os nosos vellos, habilidosos e prácticos canteiros respectaran os conxuntos? De onde procedía o respecto por estas vellas formas?

Non só iso. Estou pensando como por exemplo en Armea (Allariz), os canteiros extraeron literalmente un petróglifo da súa ubicación e puxérono na base dun muro. Podían ter destruído o petróglifo, pero hai claramente unha vontade de preservalo.


Foto: A Fraga dos Mouros

Un exemplo barbanzón é a Laxe das Cabras (Palmeira, Ribeira). O batolito granítico, de excelente calidade, foi empregado polos canteiros, pero estes pararon a unha distancia prudencial (máis dun metro) das cabras, nun exercicio tan intrigante como marabilloso de respecto ás figuras, dentro dunha sociedade tan practicista como era a tradicional. Alguén, con todo, poderame poñer como exemplo contrario a voladura dos petróglifos que estaban cabo do Dolmen de Axeitos…como digo, as normas sociais nunca se cumpren ao 100%.

E vós, coñecedes casos curiosos da relación entre petróglifos e canteiros?

11 Comments

  1. Anónimo
    11 / Outubro/ 2015

    Os Canteiros sabian o oficio, e respetaban o dos colegas.

  2. Xabres da Teixeira
    11 / Outubro/ 2015

    Non quero ser anónimo

  3. ANxo
    12 / Outubro/ 2015

    Esta é unha historia recollida por min dos vecinhos de Mogor encol dos seus famosos labirintos. Non é de canteiros pero coido que pode ter o seu sitio nos comentarios de esta reportaxe e é que eles conhecían desde sempre a súa existencia pero ninguén se atrevía a facerlles dano e aquí xa había dúas explicacións: uns decían que esos debuxos en pedra gardaban ninhos ou acubillos de serpes que quedarían ceibas si se atacaba o petroglifo, outros decían que debaixo había pólvora que estouparía si se tocaba alí.

    Outra historia que pode vir ao conto aquí é como as laxes que continhan algúns petroglifos en Soutomaior serviron para facer un cementerio novo. ” É que cómo era tan boa pedra aquela!”, foi a resposta dos paisanos ao preguntarlle pola destrución dos devanditos petroglifos
    Saúdos

  4. Antón
    13 / Outubro/ 2015

    Nos petroglifos non estou seguro pero os chantos das mámoas ben que as arrincaban os paisanos con gravuras ou non.
    E non sería por outras razóns este “respecto”? Quizá polo “andar” da pedra ou por non tomarse o traballo de borrar o inscrito?
    Hai un exemplo dun petroglifo nun perpiaño recollido nunha obra de Hidalgo Cuñarro e Costas Goberna ” Nuevos petroglifos del litoral sur de la ría de Vigo” se a memoria non falla. Hai foto.Foi cortado e encachado no paramento exterior dunha casa.
    E non fai falla lembrar cántas inscricións aparecen nos aparellos das casas ou anexos, mesmo miliarios.
    Conclusión ? Pódese dicir que como os pimentos de Padrón “uns pican e outros non ”
    .

  5. oubenado polo val
    13 / Outubro/ 2015

    de petroglifos non sei… de cando aparecio unha necropolis sueva( imaxino) que o sitio tiña sona de mal pasaje , as tumbas foron usadas como ciamentos da actual Seat, rogaraselle a os veciños como maceiras de cporco e ninguen as quisera polo tema do yu-yu… as veces as cousas salvanse porque nese omento atopanse con alguen que ten a sensibilidade por enrrib dos demais, teño visto noutros casos, arbores , pardes, onde as veces un sin estudiso ten mais cultura ca algun licenciado

  6. NANO
    14 / Outubro/ 2015

    Na comarco do Deza, terra de canteiros e pedreiros sobre todo nos concellos de Agolada e Rodeiro, dende sempre respectaron os gravados rupestres.Observas laxas que foron cortadas con cuñas e ao chegar aos petroglifos pararon ou outras intactas;senón moitos destes gravados non chegarían aos nosos días. A razón seguramente de que ademais do respecto, moitos gravados teñen cruces, penso que foi tamén o descoñecemento e o medo que suporía “cortar” un gravado desa índole e que iso conlevaría.

  7. Xabier
    17 / Outubro/ 2015

    Pois a carón do dolmen de Axeitos (Oleiros-RIbeira), había unha laxe con petróglifos, e foi desfeita recentemente polos canteiros, nos anos 70, segundo me dixo o neto dun canteiro que participou na súa destrución. Fora catalogado por Cuevillas e Bouza Brey no ano 1927 e fotografiado. Mágoa de penedo…

  8. 17 / Outubro/ 2015

    Si, non sei se lestes o post que está encima dos comentarios, onde falo dese caso que ti comentas. Como dicía, por suposto as actitudes persoais son moi diversas. A cuestión que a min me interesa é saber se había un certo número (mesmo un bo número) de canteiros que tiveran sensibilidade cara esas laxes inscritas…

  9. carlos filloy
    4 / Xaneiro/ 2016

    eu coido que cada episodio de interaccion canteiro/petroglifo se tera desenvolvido do seu xeito, dependendo da sensibilidade do profesional, da monumentalidade do gravado, da posibilidade de obter boa pedra sen maior esforzo que o requerido no petroglifo ou da supersticion.
    pero non escribo para facer ese comentario insipido. nas coordenadas 539.430, 4.717.570, pertencentes a parroquia de Cequeril no Concello de Cuntis, o plano 25.000 proclama a Laxe das Lebres. Este nome poralle os pelos de punta a calquera afecionado aos petroglifos, e semella anunciar unha capela sixtina. Non existe catalogo ningun que inclua este emprazamento ata onde eu din percurado. nunha rapida visita ao lugar, atopei multiples lousas axeitadas para un gravado, e outras tantas clarisimas pegadas de extraccion de canteiria.
    Descendo dunha estirpe de canteiros forcaricenses de cando menos tres xeracions. Menos por ese motivo que por atopar incolumes as devanditas lebres, desexaria que fose infalible a hipotese da irmandade dos ciceis de ferro e de seixo.

  10. 4 / Xaneiro/ 2016

    Boas, Carlos, moi bonito o que contas. As ciencias humanas non son como as físicas, e por sorte. Así que non hai leis que sempre se cumpran. Coincidindo contigo en que cada episodio petróglifo/canteiro debeu ser singular, sen dúbida ningunha, iso xa cambia certa percepción subconsciente que moitas veces agochaba un prexuízo e que estaba estendido de máis. Refírome ao caso (“o canteiro é un ignorante, así que se cargaba os petróglifos porque non os valoraba”). Que comecemos a dubidar desa regla de tres, tantas veces aplicada nos prexuízos de certas clases ao redor da relación entre paisanos e patrimonio, creo que é un bo camiño.

    Por outra banda, estes días (re)atopei un petróglifo inédito que vira cando neno. A miña sorpresa é que a pedra fora tremendamente aproveitada polos canteiros pero, casualidade, xusto na zona onde había unha concentración singular de coviñas, esa fora respectada. Alguén poderá dicir que ao mellor tamén habían coviñas na parte extraída, e non lles protestarei ao respecto. Pero chámame a atención que deixaran a peza exenta. Nuns días, cando complete parte do crebacabezas que prantexa esa pedra, publicareina e poderédela ver en 3D para apreciar a extracción dos canteiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará