Aínda nunca me parara a ler a Viaxe por Galicia de George Borrow, o viaxeiro inglés que andivera vendendo Biblias polo país (e polo resto de España) durante o século XIX e deixara constancia das súas experiencias nun libro que foi un best-seller do seu tempo: The Bible in Spain. Xerais acaba de publicar unha nova edición -anotada por Salvador García Bodaño- deste magnífico clásico que nos leva á Galicia de 1837. E o que vemos a través dos ollos de Borrow é tan fascinante que non podemos deixar de ler.
En primeiro lugar, a idea que se nos transmite de Galicia é a dun miserento e pobre far west. Si, far west no sentido das películas. En 1837, nas principais vías de comunicación entre as cidades galegas, a xente esperaba o paso do correo -que viña escoltado por militares- para sumarse á caravana e evitar así os ataques de bandoleiros. Literalmente. O carlismo aínda estaba moi quente. E os bandoleiros que atrapaban decapitábanos e púñanos, cravados en picas, á beira do camiño durante meses. A Galicia que Borrow nos describe é de casoupas, choupanas, baiucas, chouzas, poboadas de individuos desconfiados, que cando entran en contacto co escritor procuran estafarlle dun xeito ou doutro. É unha Galicia estremadamente localista, na que os composteláns botan pestes dos coruñeses e os pontevedreses dos vigueses. É unha Galicia na que a xente non coñece os Evanxeos -digo literalmente- e cando uns de Padrón conseguiron uns en Inglaterra, a igrexa castigounos por accederen á fonte orixinal. É un retrato brutal na que os galegos envexan aos cataláns o dinamismo en obter riqueza da nosa propia terra e na que moitos xa pensan en emigrar.
Pero hai cousas marabillosas, xa case perdidas, coma os nubeiros, que cabalgan sobre as nubes. Un dos guías que terá Borrow, que non serven para nada, declararalle ser nubeiro e correr por riba das nubes no céo, e tamén ver a Estadea polas noites nos páramos. Puro Cunqueiro un século antes que Cunqueiro.
Viaxe por Galicia permítenos comprender moito mellor as dificultades de desprazamento no interior do país, labiríntico e, sobre todo, descoñecido para os locais que, polo xeral, só coñecen as proximidades do seu hábitat. Unha viaxe no tempo entre fragas, uces, pequenas choupanas, e esa miseria física e moral -ollo, descrita desde os prexuízos dun inglés- dos nosos devanceiros que tanto nos sorprende.

Non sei se liches os cadernos de campo de Guillermo Schulz. Teñen ciusas semellantes á viaxe de Jorgito Borrow
Teño que velos! Grazas pola referencia!
O episodio do nubeiro é impagábel, realismo máxico. É a súa narración é sorprendente, cando de algún modo non desminte ao propio nubeiro, e a título de narrador ben podía.
Tamén son episodios memorábeis os do Valente de Fisterra, o xigante roxo que o leva prisioneiro crendo que Borrow era o mesmo Calros. E o do ferreiro que Borrow declara como acabado de saído do Munster. E o ¿rexedor? de Pontevedra que lle presenta a obra poética do cura de Fruíme, “o noso poeta nacional”, ou os da taberna de Corcubión declarando que os de Fisterra eran un fato de borrachos!
Lino hai anos, agardo no ter patinado moito :-)
Todo iso é unha marabilla, amigo Cossue! Non o contei por non spoilerizar o libro, pero léano! Tedes que lelo! O do poeta nacional preRexurdimento fíxome pensar moito…
É choza, Manolo, non chouza. Non confundir con chousa (“tomada”, “tapada”, “zarra”) do lat. clausa
Ola Manolo, recoméndoche que leas o libro sobre a INQUISICIÓN ESPAÑOLA de Henry Kamen no que se sinalan aspectos relacionados co descoñecento total da relixión por parte dos Galegos, e como eran igualmente castigados. Evidentemente que é uns cantos séculos atrás pero merece a pena. Saúdos.
Queda fichado, Nano!
Eu téñome feito esta pregunta algunha vez. O malo é que agora non llo podo preguntar a quen mo podería aclarar, ao meu avó canteiro, con quen teño estado de neno cando ía ao monte a por “material”.
Eu creo que hai canteiros cos que aínda se pode falar pero paréceme que pode acontecer o mesmo que co seixo, que ninguén te sabe dicir por que se poñen nos puntos clave dos muros. Hai cousas que non se falan pero si se fan.