Despois dun renovador agosto, toca volver a publicar en Capítulo Cero, cunhas cantas historias que contarvos que xa están atrasadas pero que aínda así pagan a pena. O primeiro é aludir a un tipo de relato e de asentamento moi pouco abordado de maneira científica en Galicia pero moi abundante, e no que neste blog lle temos unha querencia especial: os relatos das orixes das vilas, as historias orais de como as aldeas estaban inicialmente noutros lugares e como eses lugares quedaron “marcados” de maneira particular no folclore, no imaxinario e mesmo na arqueoloxía. Teño para min que nestes relatos das orixes está unha importante clave na transformación do poboamento do litoral galego entre a época alto e baixomedieval. Podes ler o que xa escribín sobre estes lugares aquí.
Hoxe voume ocupar dun destes xacementos, se cadra un dos máis interesantes tanto a nivel arqueolóxico como de folclore: San Hadrián Vello. San Hadrián é o mítico lugar de emprazamento das comunidades aldeás que viven no val de Corme, preto de Corme Aldea, e este santo segue a ser o patrón da parroquia. A forma que tiñan as aldeas de contar este desprazamento é a través do cambio de lugar da igrexa. En teoría, a vella igrexa de San Adrián estivo no seu emprazamento orixinal ata o século XVIII, no que o santo foi trasladado á nova. Sería o último movemento da comunidade.
En realidade, o que nos chamou a atención do San Hadrián Vello é que aínda que a memoria popular lembra perfectamente a igrexa, o que se observa na primitiva ubicación, é moito máis.

O San Hadrián Vello, situado monte arriba ao sur das aldeas de Forxán e o Picouto, en Corme, foi localizado a nivel arqueolóxico por Elixio Vieites, a través de patrimoniogalego.net, e comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio, quen procedeu a inventarialo neste ano. Se lestes o artigo que puxen antes, veredes que a maior parte dos “lugares orixinarios” están máis ao interior, a máis altura e máis agachados que os poboamentos posteriores. As evidencias arqueolóxicas neses lugares son, habitualmente, restos de igrexas ou necrópoles, pero en San Hadrián Vello é distinto. Tivemos a oportunidade de visitalo cos amigos Antón Malde e Elisa Amigo. Aquí había unha especie de fortificación cun muro delimitador bastante curioso, e non menos curioso, unha chaira ao sur. Aquí podedes ver un modelo dixital do terreo.

Como podedes apreciar, hai unha sorte de emprazamento defensivo dunha muralla ao redor dunha sorte de baluarte pétreo, e posteriormente, un segundo recinto anexo que nace do primeiro e que forma unha sorte de gran terraza que, cando se visita, comprende unha ladeira en pendente hoxe chea de eucaliptada infame.
Os veciños teñen un recordo moi nidio do emprazamento da capela: estaba ao sur desta fortificación, xusto aos seus pés, na chaira claramente artificial que se aprecia alí. Os veciños falan de como había tumbas, de como estaban as bases de pedra e como mesmo atoparon unha canalización de augas labrada. O feito de que a necrópole asociada á antiga igrexa debe ter certa entidade resúmese nunha idea moi gráfica que nos contaron os veciños: axudando a traballar aquela leira, aparecían por moitos sitios “ósos de xente”. Tamén é moi interesante que os veciños neguen a existencia ou a memoria dunha fortificación por riba da capela. Só había capela, segundo eles. Isto non é raro: é o principio de suplantación básico na cultura tradicional galega, polo cal o edificio máis recente tende a anular a memoria das anteriores. Un castelo anula o castro anterior que puidera estar no lugar nas lendas da xente, por exemplo. E esta capela debeu anular este sitio arqueolóxico.

Interior da fortificación
Sen embargo, a fortificación existe, aínda que -e isto é interesante- non é nada doado precisar a súa cronoloxía. Trátase dunha fortificación que aproveita un outeiro de grandes afloramentos graníticos. Na pedra puidemos distinguir algunhas marcas feitas para asentamento de estruturas -o cal nos leva a un horizonte romano ou medieval- e nada máis entrar hai unha sorte de intrigante estrutura pétrea de grandes dimensións, como un torreón ou algo así.

Muros do “torreón” na entrada
Estamos outra volta nese ambiguo e proceloso mundo dos “castros que non parecen castros”. O que si está claro é que a fortificación exerceu unha significación importante para esa comunidade ata o punto de que durante moitos séculos a súa igrexa parroquial estivo encravada alí enriba, nun lugar de incómodo acceso para todas as aldeas actuais, que están nunha cota máis baixa no val. Unha incógnita importante é se fortificación e capela tiveron un uso coetáneo, no mesmo momento, e se esa importante planicie aos pés da fortificación puido ser, quizais, unha aldea vinculada a ese complexo.

Camiño das pescas entre Corme e O Couto
O emprazamento de San Adrián Vello é moi interesante, xa que non está illado. A fortificación domina todo o val, pero tamén a comunicación natural coa veciña Ponteceso e O Couto, a través do “camiño das pescas”, que nos dicían os veciños que empregaban as mulleres dos pescadores para iren vender o peixe a Ponteceso. A chaira artificial que rodea a zona superior da fortificación, de boa terra, podería tamén albergar algunha sorte de poboamento altomedieval vinculado a esta fortificación.
O lugar está cheo de folclore, polo que nos contaron. Desde alí os “católicos” pelexaban contra os “herexes”, que vivían enfronte, etc, etc. Pero este caso é interesante porque a arqueoloxía é quen de ampliar o relato oral desde o primeiro momento, creando moitas máis preguntas sobre o sitio.
Este lugar, xunto co “lugar orixinario” de Niñóns, ao carón, demostra que esta idea do poboamento orixinario está presente en boa parte da costa galega. Tentaremos sistematizar estas ideas nun artigo científico.

Busca fotografías e planos das igrexas irlandesas dos seculos IV y V DC. E xa me contarás.