Un San Xoán distinto: A festa do Areal

Last updated on 25 / Xuño/ 2015

Coñecimos esta festa de pura casualidade. O noso veciño Javier avisounos: “mirade que mañán pola noite facemos unha festa distinta, unha festa moi especial, aló embaixo en Berres”. E pola forma na que o contaba sabiamos que había nesa festa algo distinto á típica celebración veciñal do San Xoán, algo que o facía diferente.

E así foi. Chegamos ao Areal de Berres (A Estrada), a marabillosa praia fluvial do Ulla rehabilitada polo escultor Gañete e un grupo de veciños concienciados da zona. Toda esta marabillosa área fluvial, repleta de esculturas que remiten ao noso pasado mítico, ao igual que esta Festa do Areal, é propia da sociedade civil, sen financiamento público de ningún tipo. E aquí estaba a sociedade civil.

Este é un San Xoán no que só hai unha fogueira, e é pequena. Pero acendela é todo un ritual. Nun dos lugares máis escénicos do río Ulla, os mozos e mozas de Berres e parroquias próximas escenifican un ritual deseñado por eles, un espectáculo evocador no que as barcas no río, as luces que corren agachadas entre as árbores na ribeira de enfronte dan paso a unha coreografía ritual ao redor do lume que vai ser prendido.

Copas de calidade, música que mestura a raíz coas avangardas, e á unha da mañá comezan os concertos. Unha intérprete soa no escenario comeza cantando ópera e o clavicordio, pera irse crecendo, ela soa, e interpretar grandes éxitos do soul. O cruceiro está rodeado de velas prendidas que se revisan continuamente, e entre a carballeira flamean as enseñas da festa, creando un escenario atemporal, de fábula, que todo o mundo respecta escrupulosamente.

Onde un agardaría as consabidas rancheras prefabricadas, esta marabillosa festa do Areal amósanos e demóstranos que hai máis Galicias, e que é posible ter un gran festorro e que todo sexa elegante e divertido. Aínda que en moitas partes de Galicia o San Xoán continúa a ser a festa da “gran familia”, da comunidade aldeá, nas cidades como Compostela hai que vivir miserables momentos para acadar unha sardiña mal feita, ou ándase a facer o parvo, marcando vanos territorios minúsculos para min-e-os-meus-colegas en praias superpopuladas que tufan a viño rancio e cubata mal feito. Hai máis Galicias, e por sorte seguen vivas e con forza.

O ano que vén, achéguense ao Areal e van alucinar como nós o fixemos. (Está a quince minutos de Santiago)

Fotos: Sole Felloza

12 Comments

  1. 24 / Xuño/ 2015

    e sobretodo, insistir no maravilhosamente cuidado que tenhem, ganhete e os colegas, o espaço do areal… isso não há quem o paghe!!

  2. María
    25 / Xuño/ 2015

    Cousa bonita! Para o ano, vas chegar e non ter sitio

  3. Mariña
    25 / Xuño/ 2015

    Non podo estar máis de acordo coa túa descrición. Agora o San Xoán semella un sambódromo con patrocinio da Coca Cola. Hai que probar esoutras alternativas…! Coma sempre, fotos engaiolantes de Sole…!

  4. Luís
    25 / Xuño/ 2015

    ” hai que vivir miserables momentos para acadar unha sardiña mal feita, ou ándase a facer o parvo, marcando vanos territorios minúsculos para min-e-os-meus-colegas en praias superpopuladas que tufan a viño rancio e cubata mal feito.”
    Maxistralmente descrito, Manuel, pero esqueces o peor:
    -A convicción por parte desa xente de que é unha festa-inigualable-mola-que-te-cagas… aínda que haxa centos ou milleiros delas iguais: unha en cada recuncho ou cidade do estado con costa.
    -A carencia de preocupación polo entorno. Da igual deixar todo feito unha porquería, porque total, “xa o limpan despois”. Limpeza que os poderes públicos publicitan a base de ben (niquelamos a praia en media hora), aínda que habería que diferenciar o lixo que efectivamente se recolle, do que queda soterrado baixo a area ou remata no mar.

  5. 25 / Xuño/ 2015

    O que máis me mata do de Riazor é o “la hoguera con mis colegas”. O San Xoán sempre foi unha festa da “familia da comunidade”, o punto oposto do Nadal, que era unha festa da “familia de sangue”. Creo que o máis fermoso do San Xoán é precisamente, o que destrozan esas fogueiras miniatura de Riazor, coas súas ridículas barreiras entre grupos de catro colegas.

  6. Manuel f
    26 / Xuño/ 2015

    Impresionate, un sitio para desfrutar, eu puiden facelo e ademais tocando, Amazing…

  7. oubeando polo val
    26 / Xuño/ 2015

    Adicate a carpinteria machino…porque o deixaches clavado, esperemos que o noso ASALTO O CASTELO non lle pase como o Orzan… por certo deberias vir meterlle un ollo, ou xa millor darte unha volta polos callos da FAGIA de carnes…ambas as duas fechas proximas no tempo, por certo descubrin ese sitio fai anos de casualidade e rebote e tampouco che den desperdicio nos meses de marzo-abril co rio mediodesbordado…

  8. Luís
    26 / Xuño/ 2015

    Manuel, tes moita razón.
    Lembro oírlle a un amigo que a noite de San Xoán en Riazor era como un San Fermín máis curto, polo ton popular e (supostamente) aberto. Penso que é máis ben como a Feria de Sevilla: poder ir polo Real arriba e abaixo, que como non teñas algún grupo de amigos con caseta, a festa popular e aberta se reduce a ir de miranda.

  9. Bujan
    27 / Xuño/ 2015

    Quen puidese estar sempre en Berres!
    algun dia hei voltar pra volver respirar o aire puro de Vilancosta, correr polo pazo de Ferreiros, chegar ata o rio e lembrar aqueles anos de neno que gocei coa minha avoa.

  10. Anónimo
    22 / Xullo/ 2015

    turismo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará