Queres un bo propósito para 2015? Faite pastor de camiños

Nada define máis a relación de Galicia co seu territorio cos camiños. Igual que os esquimais teñen tropecentos nomes para designar á neve -o elemento máis definitorio da súa paisaxe- nós facemos o noso coa chuvia ou cos…camiños. A panoplia de termos “técnicos” para definir diferentes tipos de camiños en Galicia é un dos nosos grandes patrimonios culturais. Son os camiños a primeira demostración de que en Galicia a natureza non se pode comprender sen o home e o home sen a natureza, fermosos itinerarios cunha flora de seu que nos levan aló onde a memoria comeza a desdebuxarse. Camiñamos camiños pisados por xentes durante miles de anos, e ao facelo continuamos construíndo e preservando o territorio. Sen embargo, os camiños non teñen -agás o de Santiago- figuras de protección legal. Ninguén coida deles, agás se non se transforman en pistas para subir aos parques eólicos.

Debido ao abandono do rural, cantos camiños que significaron algo nas vidas dos nosos avós, tataravós ou nós mesmos están nestes momentos inzados de matogueira. Congrostras convertidas en trincheiras de silvas e xestas, camiños reais beireados por mámoas cubertos pola toxeira máis brava. Así que esta é unha idea que quero compartir contigo para este 2015: fagámonos pastores de camiños. Aprendín a disciplina dalgúns amigos, que van ao monte como se ía antes, cun fouciño na man, e conforme van andado van remexendo a matogueira que vai bloqueando os camiños. O seu é unha limpeza non sistemática, senón visual, do pouco a pouco, do hoxe corto isto e mañá estoutro. Pero era o xeito tradicional de aproveitar o esforzo.

Con fouciño ou con machete (eu son máis de machete) propoño que este ano nos comprometamos, sempre que saiamos ao monte, a levar o instrumento connosco, e ir limpando pouco a pouco aqueles camiños que se van pechando, que levan a lugares máxicos e de memoria: que nos conducen aos vellos muíños, as ruínas das capelas, aos castros inexpugnables e ás mámoas soturnas e silandeiras. Un zas por aquí e outro por alá, un exercicio estupendo porque queima moitas calorías, non enlentece a marcha, permite desestresarse e ao mesmo tempo, preservar o camiño para o futuro.

Se conseguimos iso, teremos feito moito por Galicia e polo noos patrimonio. Os camiños, vieiros, congostras, breas, corredoiras… son as veas polas que circula a nosa cultura. Manteñámolas abertas!

9 Comentarios

  1. R.
    1 / Xaneiro/ 2015

    Paréceme moi boa proposta. E creo que, se cadra, habería que ir colgando nalgunha páxina (no wikiloc, por exemplo) eses camiños fermosos que aínda se conservan, para que os pisemos e manteñamos abertos. Un grupo de xente que andamos en bici por onde eu vivo, organizamos rutas e saídas en bici, así que ás veces temos que ir “armados” para ir limpando a vexetación que quere tamén andar nos camiños.

    Outro punto a ter en conta neste asunto é que a parcelaria e os madeiristas acabaron con moitos sendeiros nalgunhas zonas do país, unha pena. Pero ós da madeira hai que verlles o lado positivo, porque tamén abren pistas e pode dicirse que son das poucas formas de manter actividade económica no rural. O mesmo que no seu momento parecía que podería ser (e ás veces é) a parcelaria.

    Pero, penso ás veces, se os da madeira tivesen certo cuidado por manter vexetación autóctona nas beiras dos camiños e respectar zonas de interese natural – como as beiras dos ríos por exemplo – incluso podería falar ben deles. No que non hai dúbida, por desgracia, é que camiño polo que se meten, camiño que destragan ou converten en pista.

    Xa remato: iso de ir co fouciño polo monte vinllo facer, nada máis chegar a vivir no “seudorural” que habito, a un veciño cazador, que sae cos cans, a escopeta e unha pequena arma coa que abre os camiños que se van tupindo. Ademais, sábese os topónimos da contorna xa irrecoñecible (polo da parcelaria e os madeiristas); así que é un señor como para gravar. E tamén coñece os nomes das ferramentas todas, das partes dos carros, e mil cousas máis que non veñen a conto.

    Resumo: moi boa iniciativa, señor Gago. Pola miña parte, farei o que poida. Empezando por ir cunha galla e un fouciño (enfundado) na mochila da bici.

    Disimúleme o ladrillazo. E que teña un gran 2015.

  2. xosarmes
    1 / Xaneiro/ 2015

    Son máis de bastonazos ás silvas, pero estudiarei o tema machete. Gústame o nome e o concepto de pastor de camiños. Bo ano!!

  3. 1 / Xaneiro/ 2015

    Moitas grazas, amigos. Realmente incluso o tema sería apadriñar camiños, non fai falta que sexamos uns heroes. Pero adoptando unha corredoira, unha congostra, un camiño que nos resulte especial por algo, dándolle un paseíño cada tres ou catro meses nada máis sería fantástico. E se me ocorre que sería unha actividade fantástica para traballar cos críos -non tanto, claro, o tema de usar ferramentas cortantes, como o de apadriñar, inventariar, describir camiños. Cando menos a min de pequeno iso encantábame.

  4. R.
    1 / Xaneiro/ 2015

    No Mandeo, agora o lembro, hai unha iniciativa para apadriñar tramos do río. A cousa consiste no que dis: visitalos regularmente e procurar mantelos en bo estado.

  5. 1 / Xaneiro/ 2015

    Pois algo así a nivel galego, marcando os camiños e as súas pequenas historias, sería algo xenial.

  6. Luis
    2 / Xaneiro/ 2015

    Boísimo!!!
    Así que o meu pai foi toda a súa vida un “pastor de camiños”… e eu sen enterarme ;-)

    Ah, unha obviedade…. para ser pastor de camiños non basta con boa vontade. Tamén hai que ter un mínimo de coñecementos. Non é cuestión de darlle máis traballo ao SERGAS.
    Como me dicía meu pai “non golpees a pao seco. Según golpeas, tes que facer á vez juego coa muñeca, movela ó mesmo tempo que golpeas”.
    Mil gracias polo post, Manuel. Estou vendo (e oíndo) a meu pai…

  7. Elixio Vieites
    4 / Xaneiro/ 2015

    Éche un vello deporte que veño practicando fai tempo. Agora veño de andar os cerca de 9 km. do “Camiño Privilexiado” do Couto Mixto e botei moito de menos o meu machete cando rematei en Tourém.

  8. odiegho
    7 / Xaneiro/ 2015

    Gosto da idea …eu son un fustigador de silveiras implacable.
    Nada mellor para o espíritu que unha andaina sen presa por unha congostra.. …as asociacións de Vieiros e A Seara en pleno Caurel quirogués estamos facendo algo semellante, recuperando tras anos de matogueira vellos carreiros e dándolles “repasiños” ao transitar por eles.
    O que sí que non aturo son as marcas de sendeirismo que malsinalizan moitos dos nosos vieiros…recuperar sí, manter tamén, encher de pintura nooon!

  9. Lucía
    8 / Xaneiro/ 2015

    Precisamente fai uns anos coñecín este proxecto tan fermoso de “pastores” de camiños internacionais http://www.asociacioncastanoynogal.com/inicio.html

    Mans de todo o mundo recuperaron unha rota preciosa e desde logo auténtica, moi representativa da nosa paisaxe e da cultura tradicional da montaña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *