Realmente imos deixar que se nos caia a cachos o rural?

O noso rural vense abaixo porque os propietarios das vivendas en ruínas a penas teñen responsabilidades sobre elas

O proceso, por suposto, leva anos acontecendo, pero nos últimos dá auténtica pena. A miña percepción -subxectiva- é que o abandono do rural se intensificou e moitas casas vellas están a caer. Hai aldeas en estado autenticamente lamentable. Das vinte casas, dezasete están en situación ruinosa, e os pobres vellos que viven nas tres que quedan camiñan como ánimas en pena con medo a que se lles veña todo encima. Chegar á vellez para andar mortos de medo por mor das ruínas nas aldeas e os cacos dos que fala Galicia Noticias da TVG! Madia leva!

Os telexornais minten cando dan información sobre as vivendas de segunda man: sempre ensinan pisos en cidades. O gran problema de Galicia é o stock de vivendas sen usar que temos por todo o país. O outro día referíanme o caso dunha muller de Carnota que, entre a morte duns e doutros, ten nestes momentos a propiedade de sete casas. Sete casas! Quen as mantén? Todas estas casas ruinosas de aldeas atópanse en estado crítico: con independencia de en cantos herdeiros estean repartidas, a situación de todo este patrimonio inmobiliario é grave por un sinxelo motivo: non custa mantelas. A contribución deses solares é mínima e a administración non esixe mantemento se un veciño non denuncia a situación de ruína.

Ultimamente, por motivos persoais, coñezo ben o caso. O mercado inmobiliario do rural está enquistado e dá pena. Unha boa parte das casas de turismo rural e pazos restaurados con diñeiro público para hostelería están en anuncios de inmobiliarias. E as inmobiliarias -en gran medida porque os clientes non dan o brazo a torcer- manteñen prezos totalmente sobredimensionados por pendellos ruinosos que non teñen saída no mercado. Determinados lobbies espolean aos medios para contar trolas enormes, como xa temos falado, sobre os árabes, ingleses, alemáns e calquera outro estranxeiro dun país que pareza rico, que están mercando aldeas enteiras. É mentira. REPITO. É mentira. Se queren ver o que é a neocolonización do rural, poden ir dar un paseo por Toscana ou Gascuña, e verán o que é estar colonizados por xubilados ingleses ou alemáns. Como todas esas casas non costa mantelas, os propietarios téñennas esperando a que chegue unha mina de ouro que non vai chegar. O outro día contáronme un caso que, de tan reiterado, non deixa de sorprender. Uns coñecidos foron mirar unha casiña que se vendía no Incio por 12.000 euros. Como foron dúas veces a vela, de súpeto o dono subiuna a 36.000 euros. E fin de negocio, por suposto, máis que nada por non aceptar a lamentable calidade moral do propietario.

Hai moitas políticas e moitas cousas que facer para revitalizar o campo. Pero unha delas debera ser activar o mercado de segundas residencias para clase media. A moitísima xente das cidades galegas encantaríalles ter unha casiña no campo a un prezo razoable, e para iso o prezo debe ser regulado. O único xeito de que o prezo se regule é a través do Estado, nestes casos: a Administración debe facer que os propietarios sexan conscientes de que dispor de máis dunha casa é unha responsabilidade para con ela: hai que mantela arreglada, limpa ou senón, tirar con ela, e hai que pagar os impostos correspondentes. Así é a lexislación francesa, país ben coñecido polo seu comunismo de Estado.

Cunha medida tan sinxela como activar e revisar as taxas de segundas residencias, estou convencido de que dinamizariamos moitísimo o mercado inmobiliario rural. Que veñan dos países que queiran, por suposto, pero deberamos ser os galegos os primeiros responsables e beneficiarios do noso propio rural.

15 Comments

  1. 28 / Novembro/ 2014

    Non hai por onde collelo. O urbanismo en Galicia, digo. E xa adianto que non hai mellor alternativa que a demolición, dada a magnitude da catástrofe. Agora ben, o de que o que haxa que potenciar sexa o das segundas vivendas residenciais para os adiñeirados urbanos paréceme unha afronta ao sentido común e á máis mínima sensibilidade humanitaria cando o grave é que haxa xente sen casa, xa non en propiedade, senón nin sequera en aluguer. A quen teña maís dunha vivenda en propiedade sendo algunha delas urbana o que hai que facer é gravalos e volver gravalos: Patrimonio, IBI e taxas. O demais, política para o fomento da desigualdade e das burbullas inmobiliarias.

  2. 28 / Novembro/ 2014

    Calidonia, o das segundas vivendas é unha das solucións. Ao baixar o prezo destas vivendas, evidentemente tamén beneficiaría a quen queira optar a ter unha primeira vivenda en áreas metropolitanas, que en Galicia deben ser concebidas nun sentido amplo, igual que por exemplo no Reino Unido. A concentración da poboación en Galicia é un auténtico problema para o aproveitamento de boa parte do territorio. O que é unha afronta ao sentido común é maximalizar os argumentos. ;-)

  3. 28 / Novembro/ 2014

    O único que é maximalista, témome, é que teñamos centos de miles de vivendas de máis onde a xente xa vive, que é nas cidades. O esaxero é o prezo artificialmente elevado sostido por propietarios e inmobiliarias, especialmente nas cidades. O aberrante amigo Gago é falar de segundas vivendas cando moita xente non ten a primeira. O sangrante é priorizar solucións para a xente con recursos de sobra cando quen non ten nada está sendo despexada dos seus fogares. E non é para preocuparse, está ben discrepar de cando en vez. Por certo, Nin o Reino Unido nin Francia son exemplos de aplicables en Galicia, pola diferenza de renda.

  4. ALVAREZ
    28 / Novembro/ 2014

    Cando se toca o tema da propiedade nesta nación nosa de propietarios, é como falar do Espiritu Santo, inabarcabel. Ainda que tanto vostede como Calidonia deron na solución que nunca, e digo nunca, vaina a ser: un sistema impositivo que penalize o abandono da propiedade, algo por certo, propio do mundo occidental. Se os que temos leiriñas, que somos todos ou case que todos, alguen, de calqueira partido ou coleta, intenta ou tan se quer propon, algunha medida moi light sobre a cuestión, remata no fondo da ría, neste caso, na de Vigo. Lembren o bipartito e as propostas moderadisimas da mexicana sobre as vivendas: Anatema!! tanto dos supostos seus, coma dos outros e incluso dos de mais alá.
    Saude.

  5. Vigués
    29 / Novembro/ 2014

    Digo eu que son problemas distintos. A xente que non ten casa, as casas que non teñen xente, e os pobos que non teñen nen casas nen xente.
    Para aclarar, credes que se se aplicasen as normas francesas aquí o resultado sería similar? En principio disque non se pode exportar unha solución dun pais a outro…

  6. 29 / Novembro/ 2014

    Por certo, hai xente que escomeza a renunciar ás herencias de casas no rural (Comentario dalgún notario).

  7. 29 / Novembro/ 2014

    Ola, Vigués, coincido moito contigo, son problemas diferentes. Pode haber conexión entre eles, por suposto, pero son cousas distintas. Con respecto á aplicabilidade de normas xa empregadas noutros países, pois eu non coñezo ningún país que invente as súas normas desde cero. Todas están copiadas doutros países. A min o modelo francés véxoo moi aplicable en Galicia.

    En realidade, todo isto lémbrame a cando se acometen procesos de peatonalización nos cascos históricos. Sempre hai moitas protestas pero despois, cando as zonas se revalorizan, moitos están ben contentos. Unha Administración debera ser capaz de acometer as reformas necesarias e mirar polo ben común.

  8. 29 / Novembro/ 2014

    Xavier, é que hoxe en día unha herdanza ás veces é un dolor de cabeza máis grande que outra cousa: cos impostos que hai que pagar sobre os inmobles, eu coñezo a moitas familias que pasan apuros realmente serios para pagalos e ficar co que foi dos seus pais.

  9. 29 / Novembro/ 2014

    Estou completamente dacordo contigo. Mais eu diciao porque a maioría son casas que están caindo e cos problemas que conleva iso (denuncias, arranxos, etc.).

  10. Pepe
    1 / Decembro/ 2014

    Sempre lamentei ese proceso, pero hoxe en día penso, que nunhs perspectiva histórica houbo diferentes fases de ruralización e de urbanización e asistimos a unha de urbanización potente. Non lle vexo sentido, persoalmente potenciar a reocupación do rural se non vas a realizar actividades produtivas, do sentido que sexa, ou ves te vas retirar na túa xubilación. Cada vez vexo menos vantaxes á dispersión. É interesante preservar o patrimonio, pero muitas casas do rural carecen de especiais valores arquitectónicos. Hai sempre quen as ocupe (morcegos, curuxas..), dá algo de pena, pero non me parece que teña sentido manter subsidiada a dispersión. Outra cousa é a asistencia sanitaria ou social, que por xustiza debemos manter. Espero o momento que Administración se tome a organización do territorio en serie e faga concellos máis grandes. Probalemente nesas cabeceiras de concello está a única esperanza de manter vivo, quero dicir, manter produtivo no aspecto humano, o campo circundante

  11. 1 / Decembro/ 2014

    Casas, casas, casas… i-el serán o problema as casas? E o traballo da xente da casa onde? Se por riba de ter que ir buscar traballo fóra aínda se lles vai gravar manter a casa…!
    Estiven en Cira a semana pasada e faláronme de cando dalí saía un trailer de doce mil quilos de xudías cada dous días, e de cando se vendían flores a mancheas… e tamén de cando algún gran intermediario urbano (galego) decidíu que non ía funcionar mercagalicia, e do plan eólico do bipartito, e de como se tratou sempre o sector lácteo, e da lei de montes que está a trámite (disto sabe ben a comunidade de montes de Mougás, por exemplo), e de como, dende as institucións adicadas a fomentar o traballo nu rural (anos 80), se mazou na cabeza da xente con que no rural non hai futuro (logo chegan ós mesmos sitios, de fóra, e benvidos sexan, a casa grande de Xanceda, e outros), e de como o nucleo de Silleda gañou habitantes pero o concello en conxunto perdeu e avellentou… Se nos mergullamos neste tema, vivos sairemos; agora, limpos non. Se non hai traballo, as casas van ser para turistas. Ah! E logo, queremos un rural para turistas? É unha opción, pero supoño que non só. Persoalmente laiome da perda de cartos públicos gastados en casas de turismo rural que só eran pagamentos de favores persoais e/ou electorais, pero non da perda desas “cousas” que, cando ías a elas, quedábache claro que incomodabas. Pero a opción turística é boa, digo, e compatible con outras.
    Por outra parte, lembro e laiome tamén, da diferencia de mobilización entre o Prestige e aquela horrible vaga de incendios do 2006. A miña conclusión persoal é que vivimos de costas ó rural cos pés na area da praia (que non no mar). Os comentarios que se lían daquela sobe o que algúns entendían por ¨limpar o monte¨ demostraban descoñecemento e pouco agarimo.
    E o das herdanzas… que cando son productivas sexan o motivo de peche da produción, tenche carallos! Un vello do Caurel botoume un día as contas das abellas polas súas albarizas, máis de duascentas. A el saíalle a mantenza dunha familia cun fillo. Pero se che pechan as escolas, os centros médicos,… que fas? Aquí cadro co que di Pepe. Hai que lle dar unha volta a iso da “dispersión”. Como dicía Serafin Mourelle do mar: “O mar é traballo”; e o rural tamén, senón…
    Antes de nos laiar pola falta de acción da administración, seguro que se buscamos habemos topar algo pequeno que poidamos facer.
    Dito sexa todo isto só por sumar cousas ó que estades falando, sen ningún ánimo de crítica, que todo ben interesante.
    E perdón pola extensión. Perdón

  12. O'Padín
    2 / Decembro/ 2014

    Concordo con Avelino pero tamén un pouco con todos…
    Coido que o Sr. Gago convén conmigo que Francia é coma Galicia posta a andar. Pero para que as medidas de alá callasen aquí tería que haber unha clase labrega rica, ou polo menos que viva da terra. E iso en Galicia haino pouco ou case nada.
    Impostos ás casas? Pois si, pero non sei como casa iso con fomentar a compra de segundas residencias no rural. Se fundes a impostos aos herdeiros dunha casa vella para que a vendan, non sei porqué un urbanita había de querer pagalos por unha casa na que non vai vivir. Manter a casa ou tirala? Pois tampouco serve para preservar o patrimonio. Eu sei dalgún sitio onde se talan as carballeiras porque a Xunta obriga a mantelas limpas. Pois fóra carballeira! Hai xa uns cantos anos a Xunta para fomentar a renovación da flota de baixura obrigaba a destruir a embarcación vella. Resultado? Desapareceron as gamelas e as dornas dos peiraos e todo o fermosísimo patrimonio naval galego sustituído por flamantes chalanas de poliéster. As leis, mesmo as mellor intencionadas, teñen efectos perversos.
    Penso que o rural só se pode salvar se se pode volver a vivir del. E non só a través do turismo, porque pouco atractivo ten ir a facer turismo a un agro sen vida. O turismo debe ser complemento, non motor. Cómo facelo? Educación. Exemplo. Pódese primar a explotación indirecta, o arrendo, a parcería. Pódense buscar novos aproveitamentos diferentes dos tradicionais. Pódense revitalizar os mercados locais e concienciar ao consumidor sobre as ventaxas de mercar producto autóctono. Hai que favorecer iniciativas no rural, e mimalas, e despois, cando cunda o exemplo, xa miraremos que pasa.

  13. 2 / Decembro/ 2014

    Todo moi interesante, o que dicides! Este era un post para falar da desgracia das aldeas actuais, esfarelándose como pan mollado, e non tanto do rural no seu conxunto, pero a conversa ben paga a pena.

    O problema é tamén ese binomio rural/urbano. Realmente existe en Galicia? Podemos falar de dous mundos, realmente? Se imos a calquera cidade europea minimamente grande, unha persoa lévalle ir traballar á cidade unha hora ou mesmo dúas. Aquí, en dúas horas saímos do país (desde Santiago, menos desde as grandes cidades). Cunqueiro e a súa xeración xa concebía Galicia de xeito moi moderno. Lémbrolle nunha entrevista que falaba do país como ‘cidade-xardín’ (ese concepto urbanístico de moda nalgúns momentos do século XX). Para min, parte da solución está en concebir Galicia dese xeito (co que iso conleva, transporte público eficiente, etc.). A xente pode acceder no rural a vivenda máis barata e segue estando próxima ás grandes cidades, nunha escala económica de prezo da vivenda asequible para todos.

    Aquí nunca existiu, nin sequera na Idade Media, unha división radical entre o campo e a cidade/núcleo poblacional urbano. Estaba ben que o asumiramos. Obviamente, non é a única solución, pero se mantemos xente nova no campo que inicialmente traballe na cidade, é posible que se poidan deseñar políticas públicas máis eficientes que os motiven a tentar obter recursos económicos do seu contorno inmediato. Moito tería que cambiar o país! Pero se non pensamos así non facemos nada.

  14. Anxo
    2 / Decembro/ 2014

    E aínda hai algo tan ou máis grave que todo esto. estuven o verán pasado nos Ancares. Había anos que non ía por alí e a situaión das pallozas e alarmante. Este auténtico tesouro etnográfico e antropolóxico semella que está a punto de sobrevivir só no mundo virtual. Só quedan pallozas íntegras en Piornedo. No resto das aldeas xa non hai pallozas con teito de palla, no mellor dos casos botáronlle un teito de lousas de pizarra, en outros casos de chapas metálicas, si, chapas de bidóns metálicos ou do que sexa, noutros casos, simplemente están en ruinas e no trance de desaparecer para sempre abandoadas a súa sorte. Parece incríbel pero as míticas pallozas despois de existir durante milleiros de anos, pode que non sobrevivan á nosa xeración. Imos consentir esto? Non podemos constituir unha fundacón privada (dos poderes públicos xa non agardo ren), incluso con aportes económicos para evitar que se cumplan estos negors agoiros?

  15. Abandonado
    14 / Maio/ 2016

    Eu vivo nun pobo de ourense, e o que non vexo para nada normal e o abandono da administracion tanto nacional como autonomica de muitos pobos, ¿saben vostedes que piden moitos concellos ( según eles non é culpa dos concellos) por arreglar unha casa exteriormente? que se é de pedra ten que ser toda de pedra, que se tes unha igrexa o lado non pode levantar mais ca ela e si e de louxa ten que ser tamen de louxa e do mes mo tipo ca igrexa, que non podes por persianas, etc, enton co caro que se pon todo esto a xente vai areglar as casa?, tendo inda encima unhos servicios penosos, recollida da basura unha vez a semana, os camiños PUBLICOS intransitables, sen suministro de auga nin desagues, sen telefono por cable e xa non digamos television e internet, ….
    En definitiva, para exisir primeiro ai que dar xa está ben de tanto pagar impostos ( hasta por un galiñeiro de catro galiñas) e non dar unhos servicios minimos, e non pode ser que sea pero moitisimo mais caro arreglar unha casa en certos pobos que nalgunha capital

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará