Na foto, Dani Pardo e Alberto Lareo. Fotos: Sole Felloza
Hai sitios que fan pouco ruído pero están aí, en progresión constante, e que merecen a pena coñecer a fondo. Así que aquí vai un aviso para navegantes: coidado co restaurante Manso, que vén pisando moi forte. Tres amigos de Vila de Cruces colleron o antigo Anexo Vilas e comezaron un novo proxecto na capital, apostando por unha cociña de sabores, de a cabalo entre o tradicional e o creativo, sen facer ruído. Aquí Alberto Lareo na cociña e Dani Pardo á fronte do servizo forman un tandem gastronómico que hai que seguir. En primeiro lugar, polos menús do día (luns a venres). Certamente, en Compostela somos afortunados coa oferta espectacular que temos de menús a 15 euros. Menús con certos toques creativos, que en Madrid andarían nos 30 euros, e que aquí se poden conseguir tan só despegándose un pouquiño desa fronteira comercial dos 10 euros. No Manso disfrútase de tres pratos, elaboracións coidadas, preocupación polos produtos de tempada, aproveitamento intelixente de técnicas modernas e cambios semanais. E, ademáis, un ten a oportunidade de volver comer cociña creativa a prezos modestos. Xa vou canso de tanta volta ao tradicional, que baixo ese paraugas encubre moitas cousas non moi boas.
Aquí está o menú da semana pasada (as dúas opcións de primeiros e segundos):

Crema de queixo azul galego

Cogumelos silvestres e tortilla




Ademáis, estes dous rapaces de Vila de Cruces conseguen imprimir o estilo de restauración moderno das aldeas galegas (que o hai) dentro da cidade de Santiago: calidez, hospitalidade, produtos estrela como a vaca de Bandeira, e todo o tempo do mundo para ir facéndose coa clientela, medrando discretamente. Alberto Lareo é un cociñeiro novo pero cunha longa traxectoria en restaurantes galegos e franceses, con gran cariño polo traballo que fai. Ademáis, un servizo ao cliente por riba da media, que coida especialmente o servizo das cañas (é un dos sitios de Santiago onde mellor as tiran) e a pequeniña e axustada adega fan que este lugar vaia medrando con solidez.
Como digo: moi atentos ao Manso. Vai dar moito que falar no futuro.

Sé o primeiro en comentar