Un dos grandes enigmas arqueolóxicos de Galicia é que non sabemos como se produciu realmente o proceso de conquista do occidente da Gallaecia, a zona correspondente coa Galicia actual. Esta ausencia de evidencias dun proceso de conquista violenta ten propiciado todo tipo de debates ao respecto, sobre todo porque nesas ausencias non estaban presentes as estruturas que caracterizan á conquista romana: os famosos campamentos militares. Os dous historicamente escavados en Galicia, A Cidadela en Sobrado dos Monxes (A Coruña) e Aquis Querquennis, en Bande (Ourense) son posteriores ao proceso de conquista do noroeste. Sen embargo, nos últimos anos, as zonas de Asturias, de Cantabria e de Castela e León comezaron a vivir unha auténtica ‘febre do campamento’. A popularización da fotografía aérea e outras tecnoloxías coma os modelos dixitais de terreo obtidos con LIDAR comezaron a amosar unha cara crudísima da conquista no Bellum Asturum e no Bellum Cantabrum. Efectivamente, a campaña bélica fora tan dura como pintaban as fontes. Aparecen campamentos, asedios, un retrato terrible dunha guerra ocorrida xa hai dous mil anos.
Revisando estes mesmos campamentos in situ ou coas mesmas técnicas asociadas á fotografía aérea, comézase a intuir cal é o problema para localizar este tipo de estruturas, tan efémeras, en Galicia: a estremada compartimentación da paisaxe, a densidade de poboación, a transformación continua do territorio ao longo dos séculos, a colonización agraria de terras que noutros lugares serían desbotadas por pouco fértiles…terreo e terreo removéndose e remexendo as vellas trazas de campamentos de marcha e estacionais que a penas duraban uns días ou meses. E logo a inmensa maleza devorándoo todo… En zonas como Asturias e Cantabria, con elevadas montañas escollidas como campamentos romanos, nas que unicamente se deu unha economía pastoril, a herba hoxe é un auténtico libro no que se len as trazas das lexións.
Pero pouco a pouco parece que esa perspectiva vai cambiando. Comezan a aparecer datos que nos están amosando que hai unha parte da Historia que non está escrita, que aparentemente non encaixa nas fontes clásicas, pero que está aí, e a xulgar pola dimensión dos recintos que están a aparecer, non é menor.
Este venres pasado presentamos no I Encontro Arqueológico Las Guerras Astur-Cántabras, celebrado en Gijón, a comunicación “Novedades de la presencia del ejército romano en el occidente galaico”, dando conta de tres relevantes achados . Os asinantes da comunicación foron os arqueólogos José Manuel Costa (USC), autor da tese de doutoramento máis recente no Estado sobre castrametación romana, Rebeca Blanco-Rotea (Incipit-CSIC) especialista en arqueoloxía da arquitectura militar, João Fonte, experto en sistemas de información xeográfica aplicados á arqueoloxía, especializado en Idade do Ferro e romanización e máis este servidor que escribe.
As Novidades sobre a presenza do exército romano son tres, e unha xa a coñecedes. Era relativa ao posible campamento militar romano de O Cornado (Negreira, A Coruña), e del xa deramos conta o arqueólogo Antón Malde e máis eu nun congreso sobre fortificacións en Carnota e máis no post anterior desta serie, e da que en breve aparecerá unha detallada publicación de caractér máis científico.
Pero as outras dúas son tan interesantes e fascinantes, como suxestivas. Son o sitio arqueolóxico de Campos (Vila Nova de Cerveira) e de Ferreira do Valadouro. Aquí vedes a súa disposición nun mapa en relación ás vías romanas documentadas en Galicia, segundo diferentes autores.

Os tres sitios arqueolóxicos teñen en común, curiosamente, a súa proximidade ao mar. E son os tres primeiros dun proceso máis global, no que hai máis sitios arqueolóxicos, pero que deben ir sendo probados, comprobados e analizados con tempo e recursos. Grandes campamentos romanos localizados na zona occidental da Gallaecia. Imos co primeiro, Campos. Vaivos sorprender:
O posible campamento romano de Campos

Campos foi descuberto mentres se revisaban os fotogramas do voo americano sobre Portugal. Rebeca Blanco está a rematar a súa tese sobre as fortificacións de fronteira na época moderna entre Galicia e Portugal e localizou o Fortim de Campos, unha fortificación construída durante a Guerra da Restauração Portuguesa (1640-1668) para cortar o paso ao exército galego que se fortificara no lugar de São Pedro da Torre. A cuestión é que os portugueses non escolleron o sitio en balde: nun auténtico nó natural de comunicacións, na mesma Depresión Meridiana, con gran visibilidade no contorno e…no interior dun recinto de enormes dimensións, de case seis hectáreas no seu tamaño total, e case cuadrangular, con lenzos de 244 metros de lado. Cito da nosa comunicación:
“Formado por el trazado de dos líneas paralelas -una interior de tonalidad blancuzca (5,5-6,5 m de anchura) y otra mucho más oscura, casi negra, al exterior (3,5-5 m)-, dibuja sobre el terreno una planta en forma de U con sendos esquinales rectangulares redondeados. De acuerdo con los criterios de acumulación diferencial de humedad, podría presumirse la presencia de una estructura positiva, del tipo parapeto o terraplén, y de un corte en el terreno posteriormente rellenado con materiales sueltos, conformando un agger ac uallum.

Para comprender ben as dimensións do recinto, podedes ver no interior, na zona superior dereita, o Fortim de Campos, unha estrutura moito máis pequena (dun modelo documentado nesta Guerra de Restauración para esta zona) que, ademáis, non está aliñada con respecto ao xacemento e segue outra lóxica de orientación, mesmo en relación a un camiño e unhas estruturas dispostas no interior. Por certo, o recinto romano de Campos ten máis chicha: nesta foto vese algo máis, e moi interesante. Pero nós deixamos a súa análise para unha futura publicación que está en curso. Se ves algo, chapeau!
Desgrazadamente, toda a superficie de Campos foi destruída por un polígono industrial. Este fenómeno,curiosamente, vai afectar a outros posibles recintos localizados noutras partes de Galicia (e aínda non públicos). Curiosamente, a lóxica de emprazamento destes recintos e os polígonos industriais contemporáneos vai coincidir bastante.
Ferreira do Valadouro


Púxonos sobre a pista deste posible recinto romano a dinámica asociación cultural Mariña Patrimonio. Ubicado nunha eucalipteira que sufre historicamente unha intensa afección forestal, o recinto atópase a escasos metros do casco urbano de Ferreira do Valadouro. O contraste entre fotografías aéreas de diferentes momentos históricos, o modelo dixital do terreo e as evidencias de superficie na zona noroeste -a máis problemática de identificar nas fotografías aéreas e no MDT fan posible que fagamos esta proposta de recinto castrametal que presenta unha modulación 4:3 moi marcada.
A posición do recinto do Valadouro, próximo a toda unha zona de explotación mineira recoñecida a finais dos 90 que, ademáis, está a verse ampliada cos novos achados do grupo de Mariña Patrimonio, e cunhas comunicacións privilexiadas entre a costa e o interior, revela interesantes potencialidades para comprender a romanización da área.
Que nos contan estes recintos?
Polo momento aínda non contamos con indicios que nos permitan datar de xeito absoluto estes recintos pero a posibilidade que pertenzan a un momento inicial da presenza romana no noroeste é elevada, especialmente se temos en conta a implicación do exército na construción de infraestruturas, a posta en marcha e control de explotacións mineiras, ademáis das funcións de seu dun amplo continxente militar. Tede en conta que ata o momento non tiñamos máis evidencias arqueolóxicas da presenza militar de época xulioclaudia que algunhas testemuñas epigráficas da presenza de soldados e centurións. Pero faltábannos os seus cuarteis. Agora os datos estannos comezando a facer pensar ao respecto. Queda moito traballo aínda, inxente traballo, pero a lexión ou lexións ausentes parece que están aparecendo, ocultas baixo dous mil anos de Historia.
Á luz deste tipo de achados, parece que é preciso considerar e repensar a natureza e alcance da misión do exército romano na zona máis occidental da Gallaecia.

Vai ser no futuro um trabalho interessantissimo. Pessoalmente estou interessado na expansão fenícia na costa de Portugal e subsequentemente igualmente na Galiza. Estou convencido que as rias oferecem abrigo aos navios assim como as ilhas possibilidade de fundação de feitorias. Será que houve investigações nesse sentido? Em todo o caso esejo muita sorte e êxito nos trabalhos futuros
amigávelmente
Hans
P.S.: nfelizmente não domino o galego pelo que escrevo em português.
Graciñas por iste artigo e tódolos demáis, é un gusto ler historia contada dun xeito tan accesible e case en “directo” cos novos achádegos en materia arqueolóxica, quen ía dicir que poderiamos a ver case a tempo real cómo se desenrola un cambio no xeito de ver a romanización da Gallaecia. Quen sabe, cecais os meus fillos xa poidan ler algo nun dos seus libros de texto cando vaian pola ESO (agora aínda veñen de comezar infantil).
O certo é que estes achados e os anteriores parecen comezar a conformar unha imaxe, non si? Corríxeme se me equivoco, pero as cronoloxías das que falas parecen coincidir tamén co suceso do Monte do Castro de Ribadumia, aquel incendio e a dolabra e fíbulas atopadas no interior do castro das que falaches no blog. Ou pode ser que tamén eu peque de entusiasmo desmedido!
A verdade que estou intrigado en saber ónde están eses outros indicios de campamentos dos que falas!
Un saúdo,
Luis
Ola, Hans, un pracer saber de ti de novo!
Si, cada vez sabemos máis sobre a presenza dos púnicos na antiga Gallaecia. Vouche deixar dúas ligazóns para que teñas por onde comezar: http://digital.csic.es/bitstream/10261/34477/1/2010_Mainake_GonzalezRodriguezAyan_Buscando%20a%20los%20punicos.pdf e máis a tese de Alfredo Glez Ruibal http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2240528 .
M.
Grazas, Luis, escribir accesible e que chegue a todo o mundo é o que procuro, así que me alegra moito de que o vexas así.
Segundo o escavador, o estraño suceso de Besomaño aconteceu non exactamente no momento das Guerras Cántabras, senón unhas décadas despois, pero tamén ten en conta que a finalización oficial das Guerras nunca significa a finalización real. Iso pasou á morte de Augusto e, contemporizando, non tes máis que ver como durou a Guerra de Irak despois daquel famoso anuncio nun portaavións, por parte de Bush, dicindo “the war is over”. O que é máis estraño en Besomaño é que a terraza superior non foi afectada polo incendio, perviviu unhas décadas máis antes de ser abandonada. Iso converte a todo o escenario en algo moi intrigante, toda vez que os supervivientes ao incendio debían saber positivamente todas as xoias e materiais que ficaron soterradas na terraza inmediata de abaixo (fíbulas a saco, coitelos, etc.), e aparentemente non saquearon nada, vivindo ao lado. É rarísimo.