“A cerámica castrexa en Galicia”: unha exposición que paga a pena visitar


Alumnos do Master Interuniversitario de Arqueoloxía en visita didáctica.

Moitas veces, a cerámica é case o resto invisible dos sitios arqueolóxicos. Cubertas de publicacións, portadas, o mellor lugar dos museos…van para xoias de metal, esculturas, restos epigráficos. Pero a humilde cerámica segue a ser, en territorios como Galicia, o principal elemento que se vai localizar, o máis abundante, e o que nos vai axudar en primeira instancia, moitas veces, a identificar os momentos de ocupación dun castro. Pode fallar o metal, poden fallar os restos orgánicos pero cerámica…malo será que non haxa un pouco de cerámica para facer falar aos nosos devanceiros! De aí a relevancia de exposicións como A cerámica castrexa en Galicia, que se pode visitar no Pazo de Fonseca da USC, en Santiago de Compostela, ata o día 30 de setembro.

O peculiar sentido do aproveitamento que tiñan os galaicos do seu mobiliario fai que moi poucas veces nos cheguen pezas enteiras. A visión da cerámica é, case sempre, parcial, e moitas veces en 2D, en publicacións, pero non apreciamos a súa forma, o seu volume global, a textura e a posición no espazo para o que foron concibidas. Neste caso, a Fundación Terra Termarum de Cuntis emprendeu un sólido proxecto de investigación a partir da reconstrución das pezas localizadas no propio Castrolandín -un importante sitio arqueolóxico para comprender a transición entre as formas culturais da costa e do interior na Idade do Ferro- e das principais liñas e épocas da cerámica castrexa de toda Galicia, tal e como as identificara a profesora da USC Pepa Rey nunha mítica tese de doutoramento. O resultado permítenos apreciar varios séculos de tradición, de transformación artística e varias xeografías, de xeito visible e case intuitivo, con detalles fermosos que nos falan de tecnoloxía aplicada. Por exemplo, habedes de mirar onde se dispuñan as ásas en moitas das potas cerámicas que vedes aquí: ían polo interior porque penduraban dos postse e así o lume non as calcinaba. Posteriormente, algúns modelos disporán de protectores para o lume no exterior, bordes que protexen o cordel da acción deste.

Tamén é interesante comprender en termos sociais, porque todo nelas fala da sociedade e, se cadra, mesmo do xénero. Conceptos como a evolución dos volumes de almacenamento e o que deixan entrever: estas pezas, aparentemente mudas, revelan o profundo sentido comunitario do acto de xantar que tiñan estas sociedades. Son potas para compartir, para dispoñer alimento en común. Mesmo boa parte das xerras que se sabe que eran empregadas para o consumo de viño ou birra foron, posiblemente, compartidas. Neste sentido, estas potas galaicas son artefactos cunha maior capacidade de volume que as do mundo romano, por exemplo, o que revela un incremento da individualidade, ou dos núcleos familiares máis pequenos na sociedade romana en relación á galaica. Tamén é fascinante identificar aquelas pezas que están facendo unha chiscadela vintage a outros modelos, como á cestería, a través da imitación de sogueados, ou aos caldeiros de metal, a maior parte deles desaparecidos. E non perdan oportunidade de visitar unha peza rarísima, de utilidade indefinida, reconstruída a partir dun exemplar de Viladonga. Unha sorte de potiño moi pequeno con seis asas que é un auténtico crebacabezas funcional (e non me suxiran inmediatamente que é “uso ritual”, eh?).

5 Comments

  1. madrigalega
    24 / Setembro/ 2014

    Unha pregunta, por favor: ¿sábese se os castrexos facían mobles de madeira? ¿mesas ou semellantes?

  2. madrigalega
    25 / Setembro/ 2014

    Moitas grazas, Manuel :-)

  3. 3 / Outubro/ 2014

    Hola Manuel

    desgrazadamente levo un mes sen visitar a tua paxina e por iso no me decatei dista exposición tan interesante. Non debo estar tanto tempo sen te visitar. E ainda que xa cho teña dito pregoche sigas moitisimo tempo levandonos as mellores e mais interesantes novas do noso pasado.
    A ver si algún día deixaste caer por Pontevedra ou alrrededores para ter o pracer de coñecerte persoalmente, sería unha ledicia.
    carlos

  4. 3 / Outubro/ 2014

    Grazas, Carlos Alberte. Eu estou movéndome continuamente, así que só tes que estar pendente para que te coincida nalgunha localización próxima. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará