Do 14 ao 16 de xullo, a Facultade de Historia acollerá o curso de verán “Historia das Historias de Galicia”, unha aproximación novidosa e moi interesante a eses temas que teñen feito correr ríos de tinta, ás veces envelenados, nas últimas décadas. A confrontación dialéctica ao redor de cuestións étnicas, acontecementos ou períodos sen dúbida revelan a importancia que asuntos coma o celtismo, o papel das Irmandades, dos cataláns do XVIII e XIX ou Pardo de Cela teñen á hora de construír o relato histórico deste país. O acertado programa deseñado por Isidro Dubert e Fernando Suárez está concibido para confrontar visións, opinións e realizar debates construtivos ao redor destes temas e -esta é máis ben unha opinión miña- quitarlles parte do ferro ácedo e ferinte que ás veces teñen cando botamos a lingua a pacer.
Pola miña banda, tócame “defender” o luns 14 aos meus amigos os celtas (aínda que eles xa se defenden ben soíños). O meu relatorio chámase Os celtas na cabina do Doutor Who: a constante reinvención dunha realidade e, máis que unha aproximación historiográfica, fareina desde o punto de vista da miña experiencia profesional como divulgador e xornalista, relatando varias casuísticas profesionais e centrándome en varios aspectos vinculados á construción do relato do celtismo e do anticeltismo. Adianto unha cousa: para min o gran erro está en considerar o celtismo unicamente desde unha visión arqueolóxica da Idade do Ferro (que tamén), cando o certo é que iso que podemos chamar a identidade celta, dun xeito ou doutro, está a renegociarse continuamente, mesmo hoxendía, e iso é o abraiante, fascinante e poderoso ao redor desta idea.
De principio vaise facer unha publicación moi chula ao redor destas Historias da Historia de Galicia. Téñovos informados!
Na imaxe: O príncipe entra ao bosque de Briar, de Edward Burne-Jones.
Postpost: estaría encantado de manter un debate deses enormes sobre o celtismo nos comentarios do blog, pero ando tan ocupado estes días de xullo que non vos poderei contestar como mereceriades. Así que vos emprazo a virdes ao curso ou, se o preferides, a quedarmos a tomar unha caña nalgún momento porque aforraremos tempo.

Como o prazo de matrícula está pechado so queda agardar a que remates o relatorio e secuestrarte para tomar unhas cañas xusto despois, ¿refíreste a iso?
Hahaha! Para unhas cañas sempre é doado liarme. :-)
Ai! mágoa de curso, que estando de vacacións por Galicia houbérame encantado asistir e así poder aprender máis destes temas! mágoa tamén de non conocer a ninguén en Santiago para botar a xeira ata as 8 e quedar ás cañas de despois. En fin, seguirei atenta ó blogue teu, que me parece (e non é coba) moi interesante e me sirve como ligazón con Galicia mentres estea fora. Por certo, o tren Coruña-Santiago agora é unha marabilla.
Moitas grazas! E si, ese tren está moi ben!