Explorando o asedio romano ao castro de La Loma (Palencia)

Na fronteira entre as provincias de Palencia e Cantabria, presérvase un espectacular teatro de operacións do inicio das Guerras Cántabras

Cada vez en máis puntos de Cantabria, Asturias e Galicia atopamos máis evidencias do proceso da conquista romana nas súas distintas fases. Para entender as primeiras fases desa conquista, en Cantabria, é imprescindible e impresionante seguir o traballo do arqueólogo Eduardo Peralta e o seu equipo, quen localizou varios teatros de operacións que aínda, hoxendía, contan como foi esa guerra, como foron as operacións militares romanas e que aconteceu cos lugares posteriormente. O estado de conservación destes lugares, destes episodios que a penas duraron semanas, ou meses como moito, é milagreiro. A peculiar configuración agraria, montañosa, gandeira de Cantabria e Asturias axudaron a que os campamentos de montaña romanos, por exemplo, os chamados castra aestiva, pensados como espazos militares provisionais, se conserven ata hoxe.

Estou percorrendo moitos escenarios destas operacións militares, como estas que ides ver no Castro de La Loma. Unha conclusión, desde o punto de vista da investigación local, é que é moitísimo máis difícil localizar escenarios deste tipo en Galicia, unicamente a través de técnicas de prospección superficial, ou fotográfica. Os restos son tan tenues, tan lenes, que só en lugares máis esteparios ou montañosos -montañosos de andar a pasto- son máis localizables.

No castro de la Loma, en Santibáñez de la Peña, hai un auténtico tesouro. Un escenario de asedio a un castro cántabro grande (un oppidum de 10 hectáreas), rodeado por alomenos tres fortificacións romanas que o asediarion: un gran campamento acompañado de alomenos dous castellum auxiliares moito máis pequenos. Eu estou convencido de que habería algún máis alí onde hoxe está a vila de Santibáñez, pero deste si que non quedou ren. Eduardo Peralta tivo a oportunidade de escavalo, e poder detectar mesmo o movemento de tropas e o lugar desde o que os romanos atacaron o castro, o queimaron e o destruíron, botando abaixo as súas murallas en determinadas áreas.

Eis o castro, visto desde o campamento romano. O primeiro que sobrancea, desde unha óptica galega, é a febleza das fortificacións cántabras se as comparamos coa monumentalidade de moitos sitios arqueolóxicos galaicos, pero o promontorio natural no que o castro está encravado facilitaba a súa defensa en moitos dos espazos. Pero o primeiro que te chama a atención no lugar -e que a fotografía non expresa- é a tremenda sensación de proximidade. Se agora nos foramos ata o castro e miraramos cara aquí, isto sería o que veriamos:

Aquí está o campamento romano, coa súa liña de circunvalación (flecha branca) e contravalación (flecha vermella). O espectacular é que no centro (círculo branco discontinuo) a muralla romana conserva aínda un elemento característico dos campamentos romanos de campaña, a clavícula: unha entrada na que a muralla penetra para o interior, reforzando a defensa da entrada. A muralla romana non levanta hoxendía trinta centímetros do chan: hai que imaxinala máis alta e reforzada, realmente, con madeira.

Os romanos eran tan prácticos na súa construción como calquera outro pobo, de aí que a monumentalidade do espazo non fose unha prioridade nun campamento de campaña coma este, que non ten a típica forma de naipe nin moito menos, e que só está amurallado onde non era necesario. Nesta foto vedes o precipicio que hai polo lado contrario ao castro, a banda leste do campamento romano. Unicamente con vixilancia este flanco está controlado.

Aquí está o plano (realizado por Peralta), para que vexades a distribución de elementos. O plano, por certo, representa a concentración de moedas localizadas no campamento romano principal. Unha cousa importante é que as fotos enganan, dando máis profundidade e distancia das cousas. Pero hai que ir alí, hai que visitar in situ os lugares no que os feitos se produciron para relativizalos, empequencelos, convertilos nalgo coma o que foi: brutal, violento, intenso. En efecto, cando estás alí, o primeiro que sorprende a todo o mundo (lembro o que lin noutros blogs) é a sensación de proximidade inmediata entre o campamento romano e o castro cántabro. Isto non é o sitio de Alesia, ubicado a moita distancia. Non, aquí esta xente, os lexionarios por unha banda e os cántabros pola outra, podían verse e distinguirse perfectamente, de xeito individual. Podían ver ao coxo, ao anano, ao xefe. Os romanos, desde a súa cota, superaban sen dificultade a altitude das murallas cántabras e espiarían o interior do castro, cheo de xente vivindo en cabanas de palla barro. Sons, mesmo cheiros, o asedio era, neste caso, algo intensamente físico. As escaramuzas debían ser inmediatas.

O foxo separaba o castro do resto da lomba. Ten unha profundidade espectacular, de máis de dez metros, se ben é moi estreito. A xulgar pola cantidade de pedra que quitaron del para as catas, ten toda a pinta de que o colmataran nalgún momento.

Aquí vedes o interior da muralla do castro, moi preto de onde se produciu a caída do castro cántabro.

O equipo de Peralta puido identificar, exactamente, como foi o ataque final contra estas xentes. O continxente lexionario saiu pola clavícula, baixou a lomba, e despois atacou o castro pola súa parte aparentemente máis vulnerable. A forma na que saben como aconteceu isto tamén é abraiante: polo rastro de pezas metálicas que vai deixando atrás o exército, nomeadamente tachuelas de sandalias, pero tamén a intensidade das flechas remitidas ou recibidas. Os achados íanse identificando conforme os romanos achegábanse ás murallas do castro de la Loma, e aí, o silencio da arqueoloxía reconstruía o fragor dun combate desesperado, no que tamén comezan a aparecer, aí si, armas cántabras, e mesmo un fémur (creo) dun xigante para a época, de 1,80 mts.


Foto: Eduardo Peralta

Os arqueólogos non saben canto tempo levou o asedio ao castro cántabro de La Loma, pero o asedio ofreceu unah das maiores coleccións de flechas e armas arroxadizas de todo o Imperio Romano. Hoxendía vemos as dimensións de todo isto, moito máis pequenas do que as películas nos representan espazos máis singulares, e a miña percepción é aínda máis violenta que en calquera filme. Todo era moi próximo, moi directo, nada aséptico. Durante os días ou semanas que cántabros e romanos se espreitaron mutuamente neste lugar, hoxe desolado, uns e máis outros debían ser totalmente conscientes das elevadas probabilidades de atopar a morte neste lugar. Especialmente os cántabros. Como xestionaría unha comunidade humana de varios miles de persoas, apreixada aquí, ese stress? En que medida o discurso heroico estaría estendido a toda a sociedade ou existirían varios discursos ao redor desta situación? En que medida o discurso heroico, ao revés, estaría restrinxido ao grupo guerreiro? Terían un discurso heroico, ou simplemente un discurso posibilista? Onde estarían as liñas de fractura do consenso? Evidenciaría unha situación crítica coma esta as diferencias sociais, os límites do poder?

En Santibáñez de la Peña non están moi pola labor de sinalizar, marcar e representar este lugar, onde dous mil anos despois podemos ficar aínda absortos, no medio deste silencio estepario, ao pé das montañas nevadas cántabras, un escenario dunha guerra que comezou e transformou a Península Ibérica para sempre. Non é unha visita para todo o mundo, pero había tempo que quería percorrer un escenario tan ben conservado, tan cruel, brutal e sincero ao mesmo tempo.

Fotos: Sole Felloza

3 Comments

  1. Elixio Vieites
    1 / Febreiro/ 2014

    Supoño que será moi coñecido, pero eu recomendo un traballo coordinado por Mariano Luis Serna Gancedo, Antxoka Martínez Velasco e Virgilio Fernández Acebo “Castros y castra en Cantabria, fortificaciones desde los orígenes de la Edad del Hierro a las guerras con Roma : catálogo, revisión y puesta al día”. Moi denso pero creo que interesante pola descrición deste tipo de asentamentos en Cantabria http://dialnet.unirioja.es/servlet/libro?codigo=460491
    Recomendo ver o da páxina 397 , Castra aestiva de La Poza, Cervatos Campoo de Emmedio sobre todo polo traballo de topografía, por nomear un dos moitos que hai no traballo, localización https://goo.gl/maps/6mtUe. Este da Loma vén na 603 . Quen tivera un traballo así en Galicia, sobre este tipo de campamentos.

  2. Presamarko
    2 / Febreiro/ 2014

    Lendo a Robin Lane Fox (El Mundo Clásico), sobre Xulio César: “un mando militar en Hispania Ulterior para 61 a. C. (…):El hecho de no pagar sus deudas cuando regresara a Roma habria resultado fatal para él, pues le habría obligado a vivir en el exilio. La manera de saldar esas deudas reconocida por todos los romanos consistía en sacar el jugo a una provincia por medio del saqueo, los sobornos, y el botín. A finales de 61, eso era procisamente lo que había hecho César, atacando un número suficiente de tribus perdidas de España” (pp. 463)

  3. 2 / Febreiro/ 2014

    É nese contexto que comentas, Presamarko, onde hai que entender, por exemplo, a expedición de Xulio César a Brigantium. Pero os acontecementos de La Loma deberon ser ao principio das Guerras Cántabras, no 29-28 a.C.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *