No concello de Pantón, hai que emprender a caída de rexas ladeiras para chegar ás parroquias que penduran sobre o río. Paisaxes fantásticas e marabillosas e parroquias de orixe monástica, case eremita, que foron construíndo o seu hábitat en socalcos sombreados de frutais, de cereixeiras, mazás e vides. Un dos secretos mellor gardados de Pantón é San Vicenzo de Pombeiro, unha enorme igrexa perdidiña nestes socalcos, que foi vello mosteiro xa entrado en decadencia no século XV. Aquí escravos mouros cuidaron as vides da abadía, e hoxe cultívase aquí un dos mellores brancos -si, brancos- da Ribeira Sacra. Como queira que o mosteiro viviu no século XV, como dicía, certo ambiente de relaxación, grazas a el debémoslle a Virxe eu creo que máis erótica do occidente europeo -ensinaréivola outro día-, e esta interesantísima e un pouquiño iconoclasta Santa Cea da que imos falar e un completo ciclo adicional de pinturas, todas ordeadas polo abade Vasco en 1462.
Aí enriba vedes a Última Cea. Está representando o momento no que Xoán, deitado no peito de Cristo, lle pregunta quen traizoará. E Cristo dálle o pan mollado a Xudas, a quen vemos de costas, sen nimbo, e coa bolsa das moedas colgando da espalda. Os máis atentos poderán ver como un diminuto diablo negro entra na boca do Xudas neste momento. Pero eu creo que a Última Cea de Pombeiro dános moitos máis datos de como era un pequeno banquete en Galicia a iso de mediados do XV.
En primeiro lugar, podemos observar no servizo da mesa un montón de navallas que lembran moitísimo as de Taramundi. Nestes momentos, en Galicia non existen os garfos, e as navallas fan a función de ferramenta multiusos. Varias das personaxes, ademáis, permiten ver que a navalla emprégase, sobre todo, para sacar talladas de pan. Ante a ausencia de pratos individuais, é previsible que este pan faga as veces de prato sobre o que pousar o peixe. Unha especie de pratos adicionais parecen ter pequenas talladas de algún tipo de alimento (se cadra o propio peixe?) depositado xa en talladiñas sobre el. Tamén podería ser outro tipo de alimento como queixo, xa cortado.
E logo está o peixe, intrigantemente servido en bandexas. Ao meu ver, podería tratarse de peixe de río: lucios. Boten unha comparación a esta imaxe e xa me din:
Aínda que ollos máis expertos ao mellor poden opinar que se trata doutro peixe. Nos comentarios seguimos o debate! En todo caso, chama a atención que o peixe non parece “cociñado”. Non está aberto, presérvase a cabeza, etc. Se cadra sexa un peixe cociñado directamente ao forno. Tampouco hai ningún tipo de guarnición.
Pero un dos elementos máis intrigantes deste banquete está nas bebidas. Non é un asunto menor, xa que ten unha carga relixiosa moi importante. Aquí, na Última Cea, é onde se institúe o viño coma o “sangue de Cristo”. Un significativo número de apóstoles empregan unha sorte de vasos moi sinxelos, con apenas unha decoración de reborde na zona superior. Sen embargo, hai máis recipientes nesa mesa. En primeiro lugar, uns instrigantes como “cálices”, que non manipula ningún apóstolo, e que se cadra non sexan tanto receptores de líquidos como contedores dalgún tipo de salsa ou especies. Seguro que algún especialista sabe mellor de que se trata.
Agora ben, o máis intrigante e fascinante da pintura é a misteriosa presenza de dúas tankard, as dúas xerras de cervexa, en primeiro plano. Eu non sei se as tankard tamén se empregaban para o servizo de viño, pero ese elemento da tapa superior as identifica con moitísima claridade. De feito, o apóstolo que lle está dando un bo repaso á xerra á dereita ten a tapa levantada de xeito inequívoco. Na medida en que o viño é un asunto teolóxico, a presenza aquí da cervexa non deixa de ser unha herexía bastante espectacular. Podían conter viño ou…O especialmente interesante de Pombeiro, como digo, é o ambiente de relaxación e disipación de costumes que se denunciarán neste século para este remoto cenobio, e que posiblemente inflúa en que apareza noutra pintura, o máis fermoso corpo sensual de muller da Galicia do momento que preservamos. Así paréceo ter claro, nesta última instancia, Alicia P. Suárez-Ferrín, a historiadora da arte que máis ten traballado estas pinturas e da que podedes ler un estudo aquí.
Ela non ten advertido no texto que algúns dos apóstoles parecen ser máis de cervexa que en viño -como acontece ata nas mellores familias- pero se cadra a mensaxe da última cea de Pombeiro nos estea contando unha anécdota habitual das ceas cotiás desta fermosa e algo licenciosa abadía luguesa.
Fotos: Sole Felloza
Clicka no interior para ver a figura tan sensual da Virxe á que antes aludía.
Ultima Cea de “Semana Santa” sem um anaco de carne como Deus manda, e muito, muito peixe …santo “anacronismo” JeJe
Fran Alonso Toucido, especialista en cerámica medieval, achégame unha referencia interesante sobre esas intrigantes xarriñas: poden ser producións de gres da zona de Renania. Nese momento (segunda metade do XV) esas cerámicas están entrando desde a costa en Galicia.
Si, é outro máis! Supoño que aquí tamén nos movemos no simbolismo da escena e a vinculación entre Cristo e o peixe…
Eu mais ben pensaría nun barbo. Lucio, tendo en conta que nesa época era un peixe de alén dos Pirineos … Pois parece difícil, que non imposible.
Pola contra en ríos cercanos, da bacía do Douro, o Támoga por exemplo, si hay barbos. O detalle do beizo do peixe é importante para identificalos.
Ben apuntado, Eloi, inclúo aquí un barbo para comparar:
A min o que me mola é como o Xoan deixa “aparcada” a aureola na parede para meter a cabesiña no colo do Suso.
Grazas como sempre por istes moi interesantes achados da nosa cultura, moi interesante e fermoso ver sorrisos neste tema que soe ter muita tristura.
Aproveito para desexarte a tí e a todos los que gostan do tua páxina un bon ano 2014 e tamen pregoche que sigas co teu traballo en prol da noso pais feito que e admirabel.
Unha forte aperta
carlos (Pontevedra)
Seguindo o comentario de O´Padin, o debuxo da aureola de Xoán é diferente a das outras.
Si, o “nimbo”, que é como se lle chama a esa aureola, ten a peculiaridade que está agardando porque Xoán volva á súa posición. É raro pero non é o único sitio no que se aprecia esa curiosidade.
Si que é ben curioso todo nesta pintura. O peixe non parece ser ningún dos que se supón que habia no Miño, sábalo ou salmónidos…
E a pintura da Virxe é incrible, nin que tomaran de modelo á Shakira do seculo XXI!, parece que o ideal de beleza feminina non mudou tanto ;)