Dez anos de Grupo Nove, e cando menos outros dez máis!

O Grupo Nove celebra o seu décimo aniversario celebrando unha longa traxectoria que se pode definir de xeito moi doado: son os responsables do gran salto cualitativo da cociña galega profesional

O luns que vén a Cidade da Cultura acollerá un impresionante showcooking no que todos os cociñeiros do Grupo Nove porán en marcha todo o seu saber para sorprender e facer disfrutar ás máis de 800 persoas que, nestes momentos, están confirmadas para o evento. Todo un éxito que demostra a capacidade de convocatoria dun dos colectivos gastronómicos máis innovadores do Estado, pero sobre todo, demostra o seu enraizamento e vínculos coa sociedade galega actual. Galicia quere á súa gastronomía, e ama tanto a súa gastronomía tradicional como a innovación, a aventura e a diversión que ofrecen, cos seus respectivos estilos, os cociñeiros agrupados en Nove. Tiven a honra de prologar a publicación conmemorativa, e nela comento que no Grupo Nove xa conviven varias xeracións, pero en realidade todos ao final funcionan como unha única, porque todos teñen claro os principios básicos do grupo: unha cociña galega inspirada no noso ancestral legado culinario, no noso excelente produto pero coa ollada posta no mundo.

Gústanme moitas cousas dos Nove: gústame que despois de dez anos sigan unidos no país das desunións, e iso demostre a súa viveza. Gústanme que se teñan atrevido, nos seus respectivos locais, a emprender camiños que eran calquera cousa menos fáciles, e non lles tremeu o pulso ao facelo. Gústanme que sexan enormemente divertidos, alegres e positivos, gústame que estean conectados e á última a nivel profesional e en actitude vital. O Grupo Nove son un exemplo para moitas cousas en Galicia, pero definitivamente a nivel estatal e internacional conseguiron cambiar de xeito radical a percepción (casposa) que había da gastronomía galega, e iso hai que agradecerllo de corazón todos, o sector turístico e o resto dos galegos. Eu aprendín profesionalmente cabo deles, e a miña evolución persoal, de algún xeito, foi parella á deles desde o meu xeito. Con eles teño compartido secretos, confidencias, paixóns, pistas e experiencias vitais.

Este luns, Sole e máis eu teremos o privilexio e a honra de conducir a gala do seu décimo aniversario. Anticípolles que vai ser un festorro de moito coidado. Non tocará a Panorama nin a París de Noia -imos deixalas descansar un pouco-, pero dos cuarteis de cada cociñeiro sairán centos de tapas que convertirán, o luns pola noite, a Compostela na capital gastronómica do Estado. E velaí todos teremos a oportunidade de brindar por dez, vinte ou trinta anos máis de primaveras para a gastronomía galega.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará