Última actualización o 8 / Outubro/ 2013
A 1300 metros de altura, nos Ancares, na confluencia entre Asturias, Galicia e León, un continxente de lexionarios romanos asentouse durante un tempo. Aínda non sabemos canto foi: se cadra unha semana, se cadra un mes ou máis. Pero neste chan entre montañas, rodeados dun escenario épico de enormes montes que rodeaban este terreo da Granda das Xarras, a soldadesca vixiou ao seu redor pendentes dun ataque inagardado procedente duns montes labirínticos. Non sabemos que viñan a facer aquí: están localizadas minas de ouro algo máis ao norte, no actual concello asturiano de Ibias, pero están lonxe. Fronte a eles, as montañas actualmente galegas tamén ben podían refuxiar a un continxente da dura insurxencia destas montañas nas que hai dous mil anos se viviu unha durísima confrontación militar.
Levamos moito tempo falando da Granda das Xarras (podes ver aquí as referencias anteriores). Así que era o momento de ir ata aló.
Ata hai poucas décadas, a aldea aos pés do campamento, Balouta, nun fermosísimo val, tiña esta fasquía:

Quen sabe se non tería este lugar a mesma apariencia cando a lexión se instalou no alto do monte!
O campamento romano da Granda das Xarras foi prospectado este verán polo Instituto de Historia do CSIC, como xa contamos. Cortouse o breixo e fíxose unha cata na zona sur do foxo e do agger. Malia a cata ser bastante pequena, os resultados foron concluíntes: era un campamento romano. Tiña moito interese en ver un campamento limpo da época, para poder relacionalo cos restos arqueolóxicos que se atopan máis no interior de Galicia, así que ata alá fumos.

Zona na que está localizado o campamento, na área cha entre dous outeiros
O lugar é do máis interesante. Os romanos escolleron unha planicie nunha divisoria de augas, con gran visibilidade a norte e sur pero escasa no oeste e no leste, onde os outeiros pechan a visión do campamento. De aí que se pense que o campamento contaba cun fortín auxiliar xa na actual zona galega, na Recacha, aínda que unha visita ao lugar provoca estrañeza no feito de que non haxa comunicación visual entre a Recacha e a Granda das Xarras. Camiñamos polo perímetro do campamento. O aillamento do lugar motivou que este impresionante testemuño da nosa historia antiga se conservara, pero o fascinante é o que vedes cos vosos ollos nas fotos. O que queda do foxo do campamento é a penas un rego, un suco de patacas que, iso si, está perfectamente deliñado para formar a fasquía dun naipe. En determinadas zonas, unha pequena prominencia no interior fai aventurar a presenza do agger, da muralla perimetral do campamento. O interior, en lixeira pendente, está absolutamente baleiro (hai que imaxinar as tendas de campaña), pero curiosamente, máis ou menos no centro do recinto militar aparece algo sospeitoso que ten todas as trazas de ser un túmulo megalítico violado. Haberá que agardar ao informe científico, pero a ubicación, no medio desta planicie entre montañas, en zona de paso, é idónea para este tipo de monumentos. Non sería a primeira vez que se dá esta curiosa relación entre campamentos e túmulos megalíticos.



Ao fondo, a terra doutra cor é a área da sondaxe
A Granda das Xarras fai pensar moito en varias cousas:
a) Inevitablemente comparo este lugar con Cornado, do que xa temos falado. Comentando con especialistas o sitio arqueolóxico de Cornado, é interesante sinalar a coincidencia a priori en situar o posible campamento nas fases inmediatas de posguerra, máis que nos rigores e apuros inmediatos dunha campaña militar en pleno fragor. Efectivamente, o pouco que queda de Cornado é considerablemente máis monumental que a Granda das Xarras. O muro e o terraplén elévanse máis sobre o terreo e o posible foxo preservado no lado noroeste ten aínda certa profundidade. Cornado parece feito para estar bastante máis tempo que este lugar da montaña ancaresa.
b) É practicamente imposible que en Galicia se poidan identificar estes campamentos tan estacionais, tan de poucos días. É imposible porque co xeito que temos de remexer e humanizar canto monte hai, pequenas trazas como estas da Granda das Xarras foron destruídas hai xa moitos séculos. É dicir, o feito de que sexan tan difíciles de localizar ten que ver coa estrema humanización do noso territorio. Só sobreviviu aquelo abondo grande ou abondo remoto para poder ser preservado.
c) O rexistro da Granda das Xarras permite traballar máis comodamente con algúns sitios arqueolóxicos que abordabamos con certas dúbidas. Temos identificado espazos dos que os únicos restos que quedan son estes “regos de patacas” da Granda das Xarras. Acostumados á monumentalidade dos edificios do Ferro, ou ás trazas de motas medievais, eramos considerablemente escépticos e dubidosos con estes regos liñais de patacas, naqueles xacementos que tiñan boa pinta. Agora mirámolos con outros ollos (aínda moi prudentes) pero con outros ollos.
Non se pode dicir que o sitio sexa monumental, desde o punto de vista das tarefas humanas: calquera castro desfeito daríalle vinte voltas, pero os castros estaban pensados para durar séculos e estes campamentos semanas ou meses. Pero si é espectacular. As montañas, a ventisca, a paisaxe descomunal e grandiosa que te envolve, e imaxinar este lugar, agora baleiro e despoboado, inzado de tendas de campaña e soldados armados ata os dentes, na agarda dun inimigo feroz e misterioso. Levar un continxente militar por estas montañas había ser calquera cousa menos doado, e este é un bo espazo para entender as guerras da Antigüidade. Aquí, onde estamos, protagonizouse a guerra máis decisiva e con máis consecuencias culturais da nosa Historia. E do sangue verquido polas dúas partes vimos nós.
Fotos: Sole Felloza

Moi interesante Manuel . E digo eu se terá algo que ver que ao redor de Cornado haxa topónimos como “Río dos Guardados” e o lugar de “Os Guardados” , ao seu carón. “A Calzada” ao oeste. “A Corna” ao Norte “O Campamento” ao noroeste e “o Covelo” ao Sur. Por non decir tamén que está rodeado de castros.
Uns cantos deles sonche ben interesantes, Elixio. :-)
Subín xa 3 veces (bueno, imos deixalo en 2 e media…) polas rampas de Balouta en bicicleta, :-P Unha pregunta, para orientarme: na segunda foto, a da flecha, onde quedaría Balouta? Polo que interpreto en googlemaps, o campamento quedaría ao pasar Balouta, uns 200m á dereita da estrada?
Non, xa lin os artigos anteriores, alí localizas a Granxa das Xarras e non era onde me parecía. É que hai unha zona máis adiante de Balouta que parece o ‘rego de patacas’ ese que describes!
Si, pero poño igualmente aquí a localización para quen o queira visitar:
https://maps.google.es/maps/ms?msid=210066705712329425773.00000111d78e2747569d4&msa=0&ll=42.911771,-6.815236&spn=0.003791,0.005681&iwloc=0004e84000b02e53fb3af
O “rego de patacas” que é o antigo fossum é practicamente o único recoñecible. Hai que estar bastante entrenado a nivel visual para coñecelo e sobre todo, ter moita fe. :D
Alguien se ha sacado de la manga el nombre de xarras, igual a jarras en castellano.Yo desde siempre (soy de Balouta) lo he conocido por xaras, que es igual a jaras, por lo que las connotaciones son totalmente diferentes.