Meiroi: os Ancares nun prato

Last updated on 27 / Setembro/ 2013

Nun remoto val de Navia de Suarna, comida montañesa, ‘quilómetro cero’ e con toques ilustrados

A miña idea dos Ancares sempre foi algo tenebrosa (e encantábame). Fun sempre en invernía, cheguei sempre de noite e nevando, gorecinme en refuxios, comín cuncas de caldo pegado a lumes ben nutridos, escalei montañas nevadas con ventisca. Pero o outro día, cando chegamos a Navia de Suarna, descubrín un Ancares distinto. Malia que a sequía empardecía as ladeiras e as terras, estes Ancares verdes, mestos e pastores conmovéronme.

O sitio do que lles quero falar ten un nome fermoso, mítico: Meiroi, o Casal de Meiroi. Para chegar aquí a agasallar o corpo hai que introducirse nun fermoso e estreito val que remata na aldea de Mosteiro; é un mundo case abandonado no que con emoción atopei vide silvestre por todas partes, cubas, parras nas casas perdidas e durmidas. Viño por todas partes nos Ancares! Viño de montaña! Viño abandonado, durmido, que medra ceibo e desaproveitado e que podería ser unha fonte de riqueza neste val vizoso e xa case sen homes!

Ao Casal de Meiroi chégase antes que a Mosteiro, desviándose. Estaría nesa marabillosa categoría galega de restaurantes da que teño falado tanto: os restaurantes tipo “Vouche levar a un sitio”, e que consisten en fardar diante dos amigotes dun lugar no que se come de ben en proporción ao número de curvas que ten a estrada e cruces que leva o camiño. Meiroi é así. Un casal que é unha explotación gandeira, na que as rubias pastan con tranquilidade nunha ladeira. O casal, ao fondo, ofrece exactamente iso: as vacas, as tenreiras que vas pastar, a caza que os cazadores atrapan nestes montes, os arandos, os produtos, todo os Ancares.

O ambiente é rústico e ben familiar: artesa con fariña, gatos correndo, nenos saltando, tabiques de madeira, áreas nobles e áreas de cruce: todo un clan está volcado a este lugar que é unha referencia ben coñecida entre os lugueses de bo xantar. De feito, a min recomendoumo un gran xantador, Jaureguizar, despois de consultar na redacción de El Progreso. As carnes ancaresas desta casa teñen sona, pero nós neste primeiro intento buscamos o reto da elaboración. Así que velaí viñeron esas croquetas de carne asada, esas albóndigas de xabarín de quitar o sentido cunha crema que suavizaba a sequedade natural desta carne e un estofado de xabarín con améndoas moi ben executado. Para rematar, copazas de froitos secos ou froitas frescas feitas con iogur natural. Acompañado dun excelente Alan de Val Pedrazais 2006 (si, porfío nos viños vellos galegos), a cousa saíu en 24 euros con persoa (sumándolle cervexas previas).

As montañas galegas son ese mundo gastronómico por descubrir de forma global. Pensámolo, debuxamos sobre o mantel da mesa de Meiroi un suculento itinerario de casas de comida montañesas do noso país, comezando mesmo en Ribadeo e percorrendo algunhas das paisaxes máis fermosas e incógnitas deste vello reino ata as fronteiras do sur con Portugal e Zamora. E era seguir ese mapa imaxinario de montañas, outeiros, bosques impenetrables e casas nas que aínda a cheminea prega ao céo fume de carballo e relamberse todo: hai uns cantos sitios marabillosos e únicos para xantar perdidos gloriosamente nas nosas montañas, neses sitios onde di o meu amigo Nacho que os lobos baixan no canto de subir.

Visiten Meiroi e disfrutarán a pleno diso que chaman gastronomía ‘kilómetro cero’ pero que os galegos coñecemos ben, de xeito natural, desde antes da mesma existencia da idea de kilómetro.

Fotos: Sole Felloza

7 Comments

  1. CUBELIÑOS
    26 / Setembro/ 2013

    Gago, fainos o top ten de “vouche levar a una sitio”.
    Eres un faro gastronómico para a nosa familia.
    Grazas.

  2. Anxo
    27 / Setembro/ 2013

    Ola.Manuel.
    Venho observando que desde que trocaches o desenho do blog acontece que cando pós unha tira de fotografías (un slide) e estas tenhen distinto tamanho pois todo o texto que hai, móvese para adaptarse ó tamanho da foto co cal fai difícil a lectura do texto xa que se despraza de arriba cara abixo e viceversa en función da foto que está a amosarse neses intres. A ver soi podes correxir esto. Eu uso como navegador o Firefox 23.0.1

    Un saúdo.

  3. 27 / Setembro/ 2013

    Cubeliños, é unha boa idea. Mira, deixa pasar o outono, e logo botamos man dun “vouche levar a un sitio” monográfico das montañas orientais. :-)

  4. 27 / Setembro/ 2013

    Anxo, efectivamente, adáptanse de xeito bastante dinámico ao lugar. Estámoslle aínda collendo o xeito ao asunto desde o punto de vista das fotografías. Por exemplo, cando galería? cando no medio do texto? Irémolo pouco a pouco mellorando.

  5. 27 / Setembro/ 2013

    Boas!

    O outro día comenteiche no FB que andaba por Navia ese día. Unha petición: podes poñer un pantallazo de googlemaps ou similar coa rota para chegar ao Casal de Meiroi. O próximo día que vaiamos dar pedais por Ancares quero ir ben comido!! :-P

  6. David
    23 / Outubro/ 2013

    Por esas tierras misteriosas de Ancares hay otro lugar extraordinario donde poder darse un homenaje gastronómico: Casa Lamas, en Cantexeira (Balboa). Es una palloza con mucho enxebre que se prodiga con una cocina de producto local hecho con mucho cariño y buena maña: gallo estofado en la lumbre de la lareira (te lo preparan mientras alrededor estás reunido con otros viajeros en plan filandón), tienen una estupenda ternera lechal del valle, las verduras cuando es la temporada son de su huerto, los quesos son de la zona (veigadarte), al igual que los embutidos. En temporada de castañas tienes la posibilidad de hacer tu magosto en la lareira… Es un lugar muy interesante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *