Herdeiros pola forza: 3000 quilómetros e 20 presentacións por todo o país


Foto: José A. Millares

Chegamos á fin da tempada de presentacións de Herdeiros pola Forza. Foron 20 presentacións por todo o país, en centros sociais ameazados, en librarías, en bares, en ruínas ou en espazos recuperados. Nós só organizamos a primeira, no Colexio dos Irlandeses de Compostela, e a partir de aí, todo foi unha cadea de convites e xenerosidade por todo o país, por parte de asociacións, librarías e empresas que nos chamaron para que explicásemos as nosas propostas sobre unha visión social do patrimonio. Practicamente case todas as presentacións tiveron un gran éxito de público, sentímonos arroupados, mimados e coidados. Comimos callos, empanada, tortilla, bebimos viño, brindamos con cervexas, levamos as cervexas á mesa. Recibimos abrazos. Dedicamos libros para vós e para os que virán, eses nos que todos cremos pero que aínda non existen. Ningunha presentación baixou das dúas horas, entre charlas e longas conversas. Xentes de toda condición, desde profesionais do ámbito ata estudantes, labregos, xubilados, médicos, pintores de brocha gorda, pintores de brocha fina, avogadas, arquitectos, telecos, banqueiros, gandeiros. De verdade que ficamos superados con tanto agarimo que recibimos por todo o país. Todo un contraste cun outro mundo: sabedes cantas recensións tivo o libro nos medios especializados galegos en cultura? Unha breve reseña no Diario de Ferrol, o cal contrasta fronte a unhas cantas recensións en revistas arqueolóxicas de fóra de Galicia (sendo o libro en galego!), onde o libro se emprega nos debates sobre arqueoloxía pública no Estado. Se cadra sexa unha proba máis do ensimismamento, da realidade virtual na que ás veces vive a cultura galega, tan lonxe do mundo no que se debaten os problemas da vida e tan lonxe do propio patrimonio cultural.

Non temos máis que agradecemento para tanto agarimo, para tanto debate educado, para tantas mans chocadas. Estes meses do verán serán para outros proxectos, e o outono traerá novos ventos que nos levarán de novo á estrada. Só quero -e Xurxo tamén- agradecérvolo intensamente. Estes anos son desquiciantes, buscando ocos tralas obrigas laborais para sementar vida e ilusión no patrimonio. Ás veces cansas, ás veces desesperas, ás veces dan gañas de mandar todo á merda, pero énchome de enerxía ao chegar a estes encontros.

Moitas grazas. Aquí está unha selección de públicos, que sodes os verdadeiramente importantes. Non puxen todas porque é imposible: este post sería un churro. Pero todas ficades na nosa memoria.

2 Comentarios

  1. Pancho-Lapatianco
    14 / Xuño/ 2013

    Foiche todo un pracer traballar para co-organizar e compartir o que nos une.

  2. Vítor
    16 / Xuño/ 2013

    Seguide e si e posible pasade o cebreiro algún día .parabens

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *