Contos novos e vellos na aldea abandonada de Abuín

Last updated on 9 / Agosto/ 2012


A aldea abandonada de Abuín. Fotos: Sole

Aínda nunca dera pasado pola “aldea maldita” de Abuín (Rianxo), ou como lle chaman realmente os lugareños, “Abuín de abaixo”. Sempre me picou a curiosidade sobre o lugar, e sorprendeume moito descubrir que sobre o lugar Castelao escribira unha das súas Cousas, unha lenda que lle chegaba directamente desde a súa nenez, o Camiño Esquencido

Achegámonos ata a “aldea maldita”, que resultou ser máis ben o que me agardaba. Tres casales derruidos, como tantos que hai no país, cabo dunha fermosísima verea vella. É dicir, non se imaxinen unha “aldea”, senón máis ben unha carballeira bonita con ruínas dispersas, que hai que ir descubrindo entre fieitos e outras herbas.

As casoupas que alí se poden topar gardan a morfoloxía habitual da arquitectura popular do século XVIII ou XIX habitual no Barbanza, e iso ten certo interese, porque hai quen ten explicado o abandono destas casoupas polas pestes marítimas medievais; francamente, creo que estas casas humildes son ben máis novas. Se foran casas labregas do XIV teriamos un conxunto que debera ser musealizado coa máxima urxencia, como exemplo único en toda Europa; non vai ser o caso e, na miña opinión, non creo que superen os douscentos anos de vellume. O seu acceso tampouco é excesivamente remoto: hai milleirais e unha explotación de horticultura por riba deles, e están cabo da aldea actual. A verea si, a verea é fermosísima. Camiña dereita entre carballos, humidades e frondura. Unha gran cruz labrada nunha das pedras debe excitar a imaxinación dos amantes do misterio, e é unha fermosura agachada baixo o mol carrizo. Saímos da “aldea maldita” convencidos de que a lenda era máis ben unha fabricación contemporánea, que a televisión fixo aboiar e reverdecer, a partir dunhas ruínas ben cativas.

Con todo, unha amable señora fíxonos dubidar.

-Agora chámanlle “Abuín maldito”, pero para nós é Abuín de abaixo -comentou a señora. E ata aí as cousas parecían encaixar na nosa teoría- quen escribiu moito sobre todo isto era Castelao, está todo na biblioteca de Rianxo -e aquí as cousas continuaban docemente polo sendeiro da explicación do século XX.
-Pero que dicían os vellos? -pregunteille.
-A ver, algo houbo -contestou a señora- porque se vostede mira onde están esas casas, verá que están máis preto, están moi xunto do mar. E seica todos os piratas arramblaban todo e entraban por aí, e por iso a xente veu para aquí arriba.
-Os piratas?
-Os vellos contaban que alí había moitos roubos -contestou a señora- e máis hai outra cousa. A aldea vella esa subía pola verea arriba, e agora alí hai casas restauradas e un cruceiro. Pois alí, unha das casas, unha casa que se chama Casa da Fonte, aquela era a casa dun cura. E nesa casa, alí esconderan os roubos todos que facían nos mosteiros de aquí da ría.
-Pero quen roubaba?
-Iso non cho sei, fillo.

Fumos ver a Casa da Fonte. Ao chegamos ao cruceiro atopámonos unha agresión patrimonial que tiña a súa chicha peliculeira. Fractura ou profanación?

Marchamos de Abuín coa sensación de ver un collage marabilloso de crenzas postmodernas e unha vella tradición. Canto do que nos contou a muller pertencía á vella tradición, e canto á nova? Terá comezado a historia en Castelao mesmamente, ou iría máis para atrás no tempo? En poucos lugares de Galicia literatura, tradición oral e televisión de masas técense de xeito tan estreito.

Localización da aldea abandonada de Abuín de Abaixo en Google Maps

7 Comments

  1. 7 / Agosto/ 2012

    Como me facía bulir o maxín esa “cousa” de Castelao jejejeje
    Encantoume o post, e as fotos de Sole, fermosas coma sempre.

  2. 8 / Agosto/ 2012

    Caro:
    Como em todo Rianjo, uma das coisas para mim mais extraordinárias são as marcas deixadas nas pedras das casas. Neste lugar há duas muito interessantes. Uma é uma data, num pé direito dum portal, quiçá de quando ainda estava habitada e outra um grupo de três (quiçá) pessoas desenhadas em estilo. Deixo-te o link ao meu blogue por se ajuda.
    http://ilhadeorjais.blogspot.com.es/2011/06/n-113-graffiteiros-do-passado-iii.html
    Parabéns pelo trabalho.

  3. carlos
    8 / Agosto/ 2012

    Ay D. Manuel …..que pouco caso me fai ……

  4. 9 / Agosto/ 2012

    Orjais, un gran traballo! Don Carlos, este domingo xa me dirá vostede por que. :-)

  5. Devao
    20 / Agosto/ 2012

    Inda hai algunha vella que lembra como seus pais lles falaban dos roubos dos carlistas, e dos bandidos mais modernos como o venancio das Pitas.

  6. isaac
    28 / Agosto/ 2012

    Gustóume moito o artigo de Orjais.

  7. 11 / Agosto/ 2015

    Moi lindas as fotos de Sole. Aos viciños non lles gustan as visitas a este lugar tan enigmático. Eu baixo moito para sentir alí algo especial. Existe a hipótese de que foi abandonada por unha peste, pero a paisanía relaciónaa co castigo divino polo roubo do cáliz de Armenteira. O inverno pasado comezou a desmoronarse unha das paredes que dá ao camiño e foi o pano do cume dunha das casas. Aínda se recoñecen varias destas no peche das fincas dos arredores. En Abuín perviven moitas crenzas ancestrais que se irán coa xente da miña xeración: o Porviso, o mal do aire…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará