A mensaxe da moeda da caetra

Last updated on 14 / Xuño/ 2012


A moeda da caetra. Unha das series da primeira moeda acuñada en Galicia.

A numismática é un mundo tan pouco coñecido a nivel do público xeral como apaixonante; na historia das moedas, na simboloxía empregada, nas acuñacións, na súa distribución, condénsase unha importante parte da historia das sociedades. A circulación é o termo empregado para comprendermos a expansión das moedas acuñadas nunha ceca ao longo dun territorio; a localización arqueolóxica desas moedas permítenos comprender unha chea de información sobre as sociedades e o movemento de persoas e bens. Como comentabamos hai pouco, permitíronlle por exemplo ao arqueólogo Francisco Burillo determinar as áreas étnicas e políticas da Celtiberia de pouco antes da conquista romana.

As moedas son tamén un potente instrumento de comunicación. Hoxe, que vivimos anegados nelas, a penas nos fixamos nos elementos que aparecen no seu anverso e reverso, pero non sempre foi así. A moeda era a representación directa do Estado, xa que é o Estado quen garantizaba o seu valor. Por iso, a discusión hoxe sobre o euro é unha discusión que vai moito máis alá da moeda, é unha discusión sobre soberanía, sobre política, e sobre unha visión da unión do continente. Cando falamos do euro estamos falando de moitas, moitas cousas, resumidas nun pequeno anaco de metal fundido. Tralas moedas, as representacións dos seus anversos e reversos, hai todo un universo simbólico.

A primeira potencia en producir moeda a unha escala descomunal foi Roma aínda que, por suposto, a moeda era un sistema de transaccións moito máis antigo e moi estendido no Mediterráneo. Adentrarse no mundo da numismática romana é moi complexo: hai numerosas cecas, numerosos tipos e variantes de moeda. Dan para conversas interminables, pero hoxe quero falar dunha historia moi fermosa vinculada a unha moeda que nos toca moi de preto, a moeda da fin do mundo, a primeira moeda acuñada en Galicia, a moeda da caetra. Unha moeda que trae de cabeza aos historiadores da numismática, tremendamente escasa e que contén elementos claves para comprender a conquista romana do norte e noroeste da península ibérica.

Souben da súa existencia e da súa relevancia a partir dunha conversa coa profesora Raquel Casal; a caetra saíra mencionada nun excurso da conversa que tiñamos e días despois comecei a curiosear na súa historia. A moeda representaba, por unha banda ao emperador Augusto e, pola outra, nun punto central, a unha caetra, é dicir, o escudo indíxena, o escudo que aparece nas impoñentes estatuas de guerreiros galaicos, coma os de Lesenho (Boticas) ou os do castro de Armea (Allariz).

Para esta moeda coñécese unha serie monetaria bastante completa, que consta de ases, sestercios e dupondios, e diferentes acuñacións con pequenas variantes entre si. Pero todas coinciden na presenza do emperador Augusto no anverso, e no antigo escudo dos guerreiros dos pobos do norte da Península no seu reverso. A partir de aquí, hai pequenas variantes. Por exemplo, algúns dos dupondios da caetra engaden á representación do escudo outras armas de clara atribución indíxena, como o soliferreum ou a falcata.


Dupondios de San Cibrán de Las (Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense) e castro de la Magdalena (Milles de la Polvorosa)

A historia destas moedas é fascinante. Hoxe considérase que foron acuñadas no fragor das guerras que ao redor do 26 a.C. remataron coa independencia dos galaicos, astures e cántabros. Serían moedas para a soldada, moedas para pagar aos lexionarios que batallaban nas durísimas campañas que remataron coa Idade do Ferro na Península Ibérica. O estado das investigacións na actualidade permite saber a orixe destas moedas. A ceca orixinal estaba na cidade de Lugo. O profesor Colmenero informa da gran densidade de achados de moedas da caetra no nivel fundacional de Lucus Augusti, cando a cidade era, posiblemente, un campamento romano. Algunhas das series, con todo, son moito máis vulgares e mal feitas, e a teoría é que foron feitas con certa rapidez en cecas móbiles en campamentos lexionarios do Noroeste, ou nalgún outro sitio da Gallaecia, conforme eran precisos para pagar á soldada. A distribución dos achados de moedas, principalmente na Gallaecia e logo ao longo do tránsito sur da cordilleira cantábrica, documenta de xeito fascinante o foco das campañas militares e a circulación das tropas ao longo das vías naturais de tránsito que beirean todas as áreas montañosas do teatro de operacións da guerra que transformou para sempre Galicia.


Moedas de Emerita Augusta. As de Carisio, denario con caetra e as de Carisio fraccionado

Os legatus do emperador retiraron aos veteráns destas guerras contra galaicos, cántabros e astures a unha cidade de nova fundación, Emerita Augusta, a actual Mérida. Aló Publio Carisio, unha das figuras militares definitivas da guerra, ordenou acuñar numerosas moedas nas que figura o seu cargo nos reversos, afirmando o seu poder. Hai unha serie de ases moi interesante que, no reverso, escribe sen adobíos, de xeito directamente burocrático e militar, CARISIUS LEG AUGUSTI: Carisio, o Legado de Augusto. Moedas para soldadesca, para ser queimada en burdeis, en xogos de dados, por parte de aqueles soldados que non dan superado a conversión da guerra en paz e da espada en arado. Os arqueólogos atopan aínda hoxe unha enorme proporción destes ases fraccionados á metade. A ausencia de moeda suficiente, a necesidade de transformar o diñeiro en escalas de pagos útiles para estes primeiros poboadores útiles, revélase nesta discreta insumisión dos valores do Estado. Os veteranos lexionarios ven como os usureiros fraccionaban as moedas á metade, rebanando a face do emperador e a propia autoridade do Legatus Carisio.

Nas moedas triunfais e personalistas que fai Carisio en Mérida figura outra fascinante, un clásico da historia de Hispania.

Nun pequeno, case diminuto quinario, Carisio representa un triunfo. No reverso, a Victoria coroa un triunfo no que están penduradas a caetra, hai un puñal afalcatado, ás veces unha lanza. Pura propaganda sobre a victoria das indómitas tribos do Norte. Carisio acuña o quinario entre o 24 e o 22 pero as campañas militares durarán aínda unha década máis. Os lexionarios levaban con eles os quinarios do triunfo cando aínda estaban aturando ventos e condicións bélicas adversas no alto dos montes cántabros. Gustaríame escoitar algún dos seus xuramentos retranqueiros ao redor de Carisio e a victoria.

Pero volvamos ás moedas da caetra. Hai algo aínda máis curioso e fascinante. Como comentaba ao principio, as moedas reproducen universos simbólicos e de propaganda. Quero que vos fixedes en dous detalles, dous símbolos, que aparecen no anverso das moedas da caetra, a unha banda e outra da cara de Octavio Augusto.

O da esquerda está bastante claro: é unha palma. O símbolo da Victoria, frecuentemente presente nas moedas romanas. Augusto represéntase asociado ao triunfo sobre esta guerra resumida na bélica caetra do reverso. Pero e o outro? Que é o outro?

Pois é un dos símbolos culturais que máis permaneceu ao longo dos séculos. Un poderoso elemento do imaxinario. Un caduceo. As dúas serpes ensarilladas do deus Mercurio, un símbolo de enorme poder. Que queren dicir?

En si mesmas son toda unha mensaxe política, deliberada e consciente, por parte de Augusto; a xulgar pola ausencia da referencia a Carisio como responsable da moeda, a acuñación con esta simboloxía parece ter saído directamente da decisión imperial. O emperador está comunicando unha mensaxe. E é algo excepcional.

Teño revisado boa parte das acuñacións da época de Augusto, e a presenza dos caduceos como elemento simbólico son moi pouco habituais por parte do emperador. Téñoas localizado en acuñacións especialmente no Mediterráneo oriental, onde a simboloxía de Hermes tiña unha dilatada tradición clásica. E iso nun gobernante que lle prestaba moito o uso da simboloxía: como restaurador das vellas tradicións romanas e Sumo Pontífice, os monumentos de Augusto transmiten todo tipo de información a través de medidas, dimensións, figuras, escenarios. A fundación de Lucus por parte del non é allea: aínda que non está moi claro se o campamento inicial fundouse sobre un antigo bosque sagrado galaico ou foi unha creación ex novo por parte de Octavio, pero a súa dimensión sagrada, a cidade fundada no Occidente do mundo, non foi desde logo menor. E aquí vén o fascinante. Por que escolle Augusto un caduceo para a súa moeda?

Imos ler as orixes do mito do bastón con serpes da man dun vello texto do xesuita Francisco Pomey:

O caduceo era o símbolo de Hermes/Mercurio e, no mundo romano, é o símbolo da conversa encamiñada cara obter a paz. En Roma era moi relevante a figura do caduceator, o home que negociaba os acordos de paz baixo a protección diplomática do caduceo que levaba. O caduceo é o símbolo do acordo. Non se pode expresar mellor que neste cuadrante, tamén da época de Augusto, coas mans entrelazadas do acordo e o caduceo por detrás, como os homes levan pactando os seus asuntos durante séculos:


Fixádevos no caduceo detrás das mans entrechocadas

Augusto afirma a súa victoria sobre os galaicos, pero tamén a negociación, o acordo. De Lucus Augusti, do bosque sagrado ocupado polos romanos, xurde un novo instrumento de poder, a moeda, que circula polos vales, bosques e costas da Gallaecia, e se atopa naqueles castros que viviron aínda que for unha breve ocupación posterior á conquista. Parece que o conquistador quixera construír, con esta estraña moeda, un símbolo común, destinado non só aos romanos. Se Carisius representa nos seus Quinarios de Mérida unha victoria ao mellor estilo romano que é a sumisión, as moedas de Augusto en Lucus parecen ser un instrumento para finalizar a guerra dunha vez pola vía da negociación. No territorio hostil da Gallaecia, sabemos que os representantes de Roma asinan acordos de hospitalidade, contratos e acordos coas tribos galaicas. Seguirano facendo -intrigantemente- case dous séculos despois, como acontece entre os Coelerni e Gneo Antonio Aquilino Novaugustano, prefecto da Cohorte I dos Celtíberos, en Castromao. Pero no fragor do combate, lonxe de Roma, un legado de Augusto acuña mensaxes de reconciliación no medio da guerra.

Hai unha última cousa. Estas moedas da caetra aparecen en establecementos lexionarios do norte peninsular, pero tamén nalgúns castros, que ás veces tiveron ocupacións romanas efémeras, pero nos que de certo habían vivir grupos de guerreiros que tiveran contacto reiterado coas hostes romanas. Se Augusto facía expresa a negociación e o diálogo, e invocaba o favor divino para que tal cousa acontecera, se cadra na elección do símbolo do caduceo había unha cousa máis. Déixenme especular e ceibar a imaxinación.

Cando reparei por primeira vez neste caduceo, á miña cabeza véuseme unha imaxe, un símbolo, un dos poucos símbolos presentes nos castros galegos: a serpe. Os vellos da xeración Nós estableceran a teoría -máis poética que real- dos saefes e a ofilatría en Galicia. Con independencia das conclusións históricas -que son as desa época, non as das evidencias científicas de hoxe-, o libro de Cuevillas e Bouza Brey afondaba na enorme cultura da serpe en Galicia e a súa presenza, habitual, nos castros, polo demáis espazos moi parcos en imaxinería. Enigmáticas serpes esculpidas nas pedras de fortificacións como Troña ou Penalba.


Serpe de Penalba

Se cadra o Emperador atopou no propio caduceo, nas súas serpes, o punto de diálogo que podía unir, de xeito sagrado, dúas civilizacións.

34 Comments

  1. 11 / Xuño/ 2012

    Se cadra é moi inxenuo, pero seguindo ca teoría da negociación e do acordo; ¿Non podería a moeda representar en cada faz unha das partes? Por un lado o mundo romano, ca súa imaxinería, o emperador victorioso, magnánimo e negociador; e por outro a caetra coma símbolo do pobo que aquí se atopaba.

  2. curuxa
    11 / Xuño/ 2012

    A imaxe do guerreiro de Armea está invertida ao escanear a diapositiva. A man que empuña a espada é a dereita.

  3. manuel
    11 / Xuño/ 2012

    estou totalmente dacordo ,no reverso representase aos galaicos ,o guerreiro co escudo,claro os romanos tiñan que permanecer moito tempo para coller o que viñeron buscar(ouro,estaño,cobre,vias maritimas)e tamén traballadores,e non morrer no intento,enton vencer aos pobos máis fortes apacigua aos outros,e pactar con eles e mostrarlle simpatía(en moedas etc)rebaixa a xenreira e mellora a convivencia,asi asegurabanse a supervivencia do imperio e os galaicos a supervivencia,cando chegaron os alanos e suevos apoiaron aos suevos e botaron aos alanos,porque os alanos eran máis perigosos,pactarón os foeudus,se non me equivoco despois algo cambiou,porque o reino suevo enfentouse co imperio,(40000)suevos non o poideron facer sós,entón os britóns,galaicos e suevos(da gallaecia)pactaron botar ao imperio,dando os pactos co imperio por rotos???,porque hai tan pouca información desa parte da historia??? se hai resposta…,parabéns polo artigo.

  4. 11 / Xuño/ 2012

    Curuxa, grazas pola acotación. Canta máis precisión mellor.

    Manuel, aquí tes unha síntese do que pasou cando chegaron aos suevos.

    http://es.wikipedia.org/wiki/Historia_de_Galicia#Suevos

    Ten en conta, con todo, que os suevos chegaron “legalmente”, en virtude dun foedus, dun pacto, co Imperio Romano. É unha cuestión de formas, por suposto, pero nunca se confrontaron militarmente -desde que se asentaron en Galicia- contra o Imperio, que eu saiba.

  5. 11 / Xuño/ 2012

    Anxo, nada inxenuo. Xa digo que hai algo bastante curioso nesa moeda e por iso confrontábaa coas que fai Carisio sobre a mesma temática en Mérida para os seus lexionarios veteranos. Alí vese claramente o triunfo de Roma sobre as armas dos pobos do norte. Pero non é iso o que parece contar a moediña da caetra, nas súas múltiples versións. Como Sumo Pontífice, Augusto podía ter escollido numerosos símbolos sacerdotais, pero escolle o da negociación e o do acordo entre partes.

  6. carlos
    11 / Xuño/ 2012

    ummmmmm , serpes………..;-)

  7. manuel
    11 / Xuño/ 2012

    perdoa,pero dos 180 anos do reino suevo,so se sabe ademais dos reis,e algunha outra cousa do seu principio e do seu final,entón hai 140 anos que non se sabe nada,pasase da creación do reino a caída por parte dos visigodos que por certo dominaban case todo o antigo imperio romano continental (os godos),planteo isto porque hai certos historiadores que o plantean,e planteo porque e máis o que se descoñece que o que se sabe,entón haberá que soterrar a historia,ademáis facer un planteamento crítico do que sabemos da historia porque coma ti ben sabes,coa arqueoloxia,etnográfia,e demáis estudos descubrense cousas que contradín as que se contaban,por exemplo porque sempre se estudou,o imperio romano os reyes godos,la reconquista,el cid campeador,porque a os poderes facticos adoctrinan para que a xente se considere dunha maneira determinada,por exemplo no nacionalcatolicismo español,entón donde hai máis información no que esta a luz ou no que esta a escuras(o que nos enseñan ou o que non nos enseñan)e nisto chegamos ao teu traballo periodista de arqueoloxia polo tanto historia polo tanto investigador pola forza,polo tanto cando leas isto che empezará a furrular a cabeza,empezaras a matinar,porque a túa crítica polo coñecemento verdadeiro non che deixara estar quedo.
    equivocome???non,o creo.

  8. manuel
    11 / Xuño/ 2012

    por certo no poderís escribir un articulo do que se sabe sobre os asentamentos e megalitos durante o século IV E VII,eu agradeceriacho de antemán

  9. 11 / Xuño/ 2012

    Perdoa pola insistencia, pero sendo de Lugo e en tempos algo afeccionado á numismática chámame moito o tema.
    En relación ó simbolismo local da moeda, temos por unha parte que Roma se reserva unha faz dela cun Augusto negociador (“amigable”) e por outro un símbolo propio dos pobos cos que Roma “pacta”. Concordo en que non é unha moeda so de Roma senón para ambos pobos.
    Pero… ¿Haberá algún dato que permita identificar este símbolo (a Caetra) coma algo máis que un escudo? Coma un simbolo unificador (aínda que sexa culturalmente e non políticamente) recoñecible por tódolos habitantes deses pobos. De xeito que esas xentes entendesen a moeda coma se tivese unha cara “de Roma” e outra propia.

  10. 11 / Xuño/ 2012

    Eu, Anxo, ata aí non chego. Non creo que os romanos fixeran unha división por pobos en base a anversos e reversos, pero non controlo tanto de numismática para pensar se é posible algo así…

    Por outra banda, eu estou convencido de que a caetra debía ser un elemento simbolicamente moi étnico, tanto desde a percepción foránea dos romanos como da dos propios galaicos e outros pobos do Noroeste. Se miras as fotos dos guerreiros de enriba, non deixa de ser curioso que a “caetra” sexa o elemento máis destacado de toda a escultura. E iso que é un instrumento de defensa. Debía ter moita chicha simbólica asociada…

  11. manuel
    11 / Xuño/ 2012

    por certo nese articulo da wikipedia non menciona o porque de que os visigodos atacan braga ,noutro artigo na wikipedia si di que fora pola expansión do reino suevo intentando ocupar cartaginensis contra(visigodos e romanos)se esto for verdade primeiro terianse que desfacer do exercito aqui e ir gañando terreo non creo que 30000 fosen capaces eles sos sen axuda indixena,parece que esto esta documentado ehh,non me invento nada por certo ,como eran as moedas do reino suevo?foi o primeiro reino ,ao marxe do imperio romano en acuñar moeda (lino nalgures).se tes imaxes,sería moi interesante e de moita información.

  12. 11 / Xuño/ 2012

    Por ahí ía eu, paréceme que ten moita chicha simbólica e que debía ser un elemento recoñecido por eses pobos e co que debían identificarse dalgún xeito; polo que debería haber máis elementos que permitisen chegar a esa conclusión.

    En canto á dualidade nas moedas, tampouco son un experto (e menos nesa época) pero por exemplo Herodes Agripa fixo moedas cunha simboloxía dual (por un lado unha simboloxía moi romana con poses de perfil, pouco do gusto iconoclasta dos xudeus da época, e por outra cunha simboloxía local representada pola espiga e a palmeira), non dun xeito moi evidente e sendo un reino vasalo; pero non me estranaría que non se vise coma algo demasiado estrano que aquí se representase esa dualidade.

    En calquera caso, gracias polas respostas e felicidades polo blog.

  13. manuel
    11 / Xuño/ 2012

    pero luis se o dis por que non ten nada que cos galaicos e só con roma a caetra, coido que vas mal,porque a turquia chegaron os gálatas de occidente polo danubio e mar negro e en roma puideron ser incursións cando as guerras púnicas nas que tribus do occidente de europa axudaron a cartago ou roma asimilou a poboadores da peninsula italica da familia(gáelica)e tamén engadiu a sua cultura ,a cultura romana como engadiu poboación grega e cultura grega,ou mercenarios gáelicos pagados por roma,ou era un simbolo común.a min o debuxo encaixame cunha cruz solar,polo cal encaixa con todas as culturas e pobos,o caduceo si indica o pacto,roma mercadea cos minerais do territorio galaico a cambio os galaicos beneficianse de algún xeito,que pactarian os galaicos???

  14. Luis
    11 / Xuño/ 2012

    Home, sobre as ligazóns que deixei… non pretendía dubidar nin moito menos do carácter galaico do emblema, senon facer constar os lugares tan lonxanos onde foron atopados. O do monumento en Porta Flaminia podería ser cousa dalgún militar vencellado ás campañas galaicas. No caso turco… non me atrevo a dicir nada.

    O das armas xa é outra cuestión. Entre o arsenal dos galaicos non atopamos a falcata (si coitelos de folla afalcatada) nin o soliferreum. Quizáis sexa outro tipo de lanza. O puñal, de mango biglobular, sí está ben testemuñado, sen ir máis lonxe, na estatuaria dos guerreiros galaicos.

  15. manuel
    11 / Xuño/ 2012

    ultimo comentario,a serpe, o simbolo da serpe,é o simbolo da intelixencia,citando a biblia(a serpe doulle a mazá da arbore da ciencia a eva),o dragón de oriente e asiria ,nas piramides de exipto acaso non aparecen as serpes cando a humanidade pasa dun xeito de vida a outro xeito de vida,empeza a usar os metais,edificacións,sedetarismo,conflictos.
    a intuición e o instinto por un lado,deben controlar a intelixencia,os romanos usaban a forza e logo a intelixencia,usaban o lado masculino,o lado feminino instinto e intuición.relixións solares,cruz,piramide,etc.
    volvendo a citar a biblia,(la mujer y la serpiente serán siempre enemigos)polo tanto ocultación deusa nai ,sustitución santa madre iglesia apostolica ,catolica,romana.e aqui acaba meu artigo filosofico.

  16. Nemigo
    11 / Xuño/ 2012

    algún estase a poñer nervioso
    estamos a falar do 20 antes da era actual. Que teñen que ver os romanos (unha lexión nunha remota provincia) ca biblia? Unha secta xudea minoritaria e descoñecidad nunha rebelde provincia condiciona o acuñamento de moedas a milleiros de km?

  17. manuel
    11 / Xuño/ 2012

    estou explicando o simbolismo da serpe que aparece no artigo en varias afotos,eu entendo a biblia como datos da historia con verdades e mentiras,xa que esta escrita ,e que escribe teñen que ser persoas cada un cun fin,pero hai moita filosofia nela e tamén información,aínda que nin son catolico nin cristián,musulmán ou sionista,mais tendo principios filosoficos e nón prexuizos filosoficos,casa o que di a biblia ,con ,cando a humanidade da un salto na sua forma de vivir,de idade a idade ou de era a era,vou tomar unha tila.

  18. manuel
    12 / Xuño/ 2012

    algo que parece que non ten que ver pero si ten que ver,un estudo basado en documentos e arqueoloxia,non se asusten por como empeza e como acaba,mais ben coma non acaba.
    http://youtu.be/yLoGl9vtMWI

  19. 12 / Xuño/ 2012

    Ao fío do que comentaba Luis, a min tamén me lembrou o debuxo das caetras aos labirintos que aparecen despois nas outras imaxes.
    Tamén é curioso o deseño xeométrico do denario con caetra que reproduces de Emérita Augusta.

    Apertas,
    Cástor

  20. 12 / Xuño/ 2012

    Si, Castor, parece un arabesco! Hai que dicir que, polo que sei, ese denario ou quinario é rarísimo, foron localizados moi poucos.

  21. Anónimo
    23 / Xaneiro/ 2013

    Hola amigos yo tengo un denario como esse encontrado aqui en portugal

    Saludos

  22. Nemigo
    23 / Xaneiro/ 2013

    para
    Anónimo di:
    23 / Xaneiro/ 2013 ás 3:18 p.m.

    Podes subir unha imaxe da moeda? E estarias interesado en vendela?
    saúdos

  23. magago
    23 / Xaneiro/ 2013

    Ei ei ei!

    Por favor, Capítulo Cero non se pode utilizar para transaccionar con antigüidades.

  24. Nemigo
    23 / Xaneiro/ 2013

    é para doala a un museo?

  25. 23 / Xaneiro/ 2013

    Xa me entendes perfectamente.

  26. Anónimo
    23 / Xaneiro/ 2013

    Aqui esta!

    [URL=http://imageshack.us/photo/my-images/15/img0245vww.jpg/]
    [url=http://imageshack.us/photo/my-images/15/img0245vww.jpg/]

    Non a vendo

    Saudos

  27. 2 / Marzo/ 2013

    Unha magnífica peza, por certo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará