Last updated on 30 / Abril/ 2012

San Lourenzo. Fotos: Sole
Na escasa presenza de escavacións sobre a Idade Media galega [localización] unha luz prendeuse hai poucos anos. No concello de Parada de Sil, un equipo mozo de arqueólogos afrontaba a escavación do San Vítor, un peculiar enclave sobre o río Mao, en plena Ribeira Sacra. A responsable do proxecto de investigación era a profesora da Universidade de Vigo Bea Comendador, o arqueólogo director Eduardo Breogán Nieto e Víctor Rodríguez como responsable da investigación documental. O equipo levou a cabo non só unha interesante tarefa científica, senón tamén un importante labor de difusión que se recolle nun blog no que se detalla a vida do proxecto.
Fun a San Vítor un pouco en plan centella; quería ter ido con máis tempo e conversar cos arqueólogos, pero ás veces a vida colle forma de máis por si mesma. Porén, a curiosidade puidonos e achegámonos ata o lugar. É un fermoso paseo pola ribeira de Parada do Sil. Hai que deixar o coche nas portas da aldeíña de San Lourenzo, que vén precedida dunha fascinante adega medieval, e a partir de aí dar un vizoso paseo por un pequeno camiño que leva ata o San Vítor. Indubidablemente sabes que estás aí, porque el mesmo se presenta no horizonte.

Onde hoxe hai un penedo, hai séculos houbo un templo de singular adoración. As súas orixes seguen a ser un misterio. O achado dalgunhas pezas cerámicas aparentemente romanas puxo en garda ao equipo arqueolóxico no seu momento, pero ata agora só son indicios non comprobables dunha ocupación moi vella, a dun antigo punto de avistamento sobre o canón do río Mao (non sei se a visión do equipo cambiou algo na última campaña niso). Por fronte do San Vítor, outro penedo brila ao sol, e chámanlle o Castelo. Ben me coñezo estas parellas graníticas, non encaixaría nada mal.

Pero o que hai é outra cousa, con certa emoción. Nesta aparente soedade, en ladeiras a pico, durante séculos houbo xente que decidiu soterrarse. Atraídos por unha idea, por unha sombra, por unha figura mitolóxica coma o San Vítor, labraron aquí tumbas na rocha, orientadas no percorrido do sol pero tamén en relación á capela -como se esta fora un imán-, destinadas a durmir por séculos. A densidade é tal que cando gabeas ata o alto do penedo, onde estivo no seu tempo a capela que administraron os monxes de San Lourenzo da Barxacova, atopas siluetas humanas en todas partes. Están contabilizadas unhas 35 a día de hoxe. Estas tumbas na rocha sempre me fascinaron. Especialmente o que ten que ver co seu morbo de pareceren ser feitas a medida. Imaxínome a escena, nun día coma hoxe, hai mil cen anos; unha muller está deitada na rocha, alguén mide a súa envergadura; coma unha persoa sen sombra queda, a súa silueta marcada polo canteiro, que logo a reproducirá, en negativo, na pedra, preparada para depositarse alí ata a Resurección dos Mortos. Pregunteime a min mesmo como se desenvolvería a escena da medición. “Con toda naturalidade”, concluín, igual que os nosos vellos falaban dos seus sartegos de madeira.

Pero San Vítor induce a outra clave, e así o revelan os traballos e as investigacións de Eduardo e Víctor; a nosa idea romántica dos eremitorios pasa polas soedades, os territorios abandonados, onde un grupo de beatos procura o encontro coa divinidade; esa visión becqueriara, romántica, pode estar bastante lonxe da realidade. Ver os mundos actuais pouco ten que ver cos pasados, hai que andar coon coidado. O que hoxe nos parece solitario, antes era un mundo de camiños, casas fumegantes, greas humanas desprazándose. E este niño de aguias na ladeira de Barxacova tiña moito que ver coas vías de comunicación e cun mundo moito máis vivo do que imaxinamos. O deserto antes era bosque, igual que o bosque actual será deserto dentro de mil anos. Cambian as lóxicas de poboamento, os recursos necesarios, e os paisaxes desaparecen. O equipo pensa que nas proximidades do San Vítor puido ter existido un asentamento, aínda que a súa localización é complexa.
Dáme o sol en San Vítor mentre repaso unha moleskine que alguén deixou agachada ou compartida entre as fisgas do gran penedo da capela. Dáme pudor reproducir algunhas das páxinas, pero vexo a fieira de tumbas. Aínda non está moi aclarado -ou cando menos eu non o sei- que crenza cultural hai detrás destes sartegos escavados na rocha, por que escollían este xeito de enterramento, porque as culturas ibéricas mudaron, nun momento determinado entre a tardoantigüidade e a Alta Idade Media, o xeito no que eran soterradas. Seguro que Eduardo e Vítor teñen algunha teoría ao respecto, pero a súa visión inspírame unha idea: estas tumbas prêt-à-porter, cubertas de sombras, son case as persoas que alí estiveron. Non deixa de ser abraiamente que, malia sabermos moi pouco, sospéitase que no tempo da necrópole de Barxacova, as aldeas galegas estaban construídas basicamente con madeira: casas que o tempo devora. Os sartegos, pola contra, duran miles de anos. Arqueoloxicamente, son espazos moi parcos, nos que se atopan moi poucas cousas. Pero o fascinante é que, o que se atopa, visto desde aquí, é a sombra da humanidade, un auténtico negativo dos tempos.

Ao ollalas, lembrei as moitas tumbas rupestres que teño visto nas miñas andainas altomedievais do país, como estas de Recesende (Castroverde).


Nestes negativos humanos, hai algo case da antiga mensaxe cristián coa que foron feitas. Moitas delas, sempre as lembro, están cheas de follas de carballo, que se van acumulando de outono en outono. Cando choven, o sartego convírtese nun estanque vexetal. Co tempo nacerá unha árbore. E cando iso aconteza, se cadra a tumba terá finalizada a súa tarefa.
Un sitio arqueolóxico é parte dunha secuencia. Un sitio arqueolóxico é un lugar de inspiración. Barxacova deixoume pensando moito; poucos días despois, lembrei unha conversa cun vello patrón, subimos unha montaña, atravesamos unha selva, e mirei un espazo antes percorrido con ollos novos barxacovianos. E tivo un sentido que antes non tiña. Tiña sentido, de feito. Illamento vs. Comunicación. Privacidade vs. Visibilidade. Barxacova.
Ata que, fóra daquela xungla, pero a escasos metros, escoitei unha voz que me chamaba con certa excitación.
–Manolovenaquí.
E a Historia volveu comezar.
Pero antes, aínda hei de volver a Barxacova.

Roca eres y en roca te convertirás
Artigo na Galipedia sobre o conxunto
http://gl.wikipedia.org/wiki/Capela_e_necr%C3%B3pole_de_San_V%C3%ADtor_de_Barxacova