Os segredos dun dolmen intacto

Last updated on 2 / Abril/ 2012


Recreación da cámara de Chousa Novo. Ilustración: Ignacio Jaime Senín

Publicado orixinalmente en culturagalega.org o 28 de marzo de 2011

Cando aproximadamente hai 6350 anos unha distinguida personaxe foi enterrada nun túmulo no que hoxe é o contorno rural de Silleda, fíxose de acordo cunha estrita codificación e protocolo simbólico. Mercé ás obras de construción do AVE entre Santiago e Ourense, un equipo arqueolóxico tivo a oportunidade de escavar na súa integridade o túmulo da Chousa Nova e levou unha enorme sorpresa: o dolmen interior daquela mámoa estaba intacto e non fora expoliado. Era a primeira vez que tal cousa pasaba no noroeste peninsular. E os achados estiveron á altura do momento. Entre outros, o segundo colar desa época descuberto in situ en Europa.

Aparentemente, pouco se podía agardar do pequeno túmulo da Chousa Nova, en Silleda. Cunha estrada asfaltada cruzando por riba de parte do túmulo, un poste de cableado eléctrico ao carón, un cono de violación no centro da mámoa e traballos agrícolas e forestais pola outra banda, os arqueólogos sospeitaban que o sitio arqueolóxico estaría moi degradado. Pero as obras do AVE pasaban exactamente por riba do túmulo e era preciso escavalo.

“O que levamos foi unha gran sorpresa”, explica a arqueóloga María José Bóveda, responsable da escavación levada a cabo por Gabinete de Arqueoloxía e Xestión de Patrimonio para o ente público das obras do AVE. “O xacemento pouco tiña que ver co seu aspecto superficial”, sinalan nun artigo publicado na revista Trabajos de Prehistoria, “a masa tumular conservábase nun relativo bo estado e a arquitectura do monumento era dunha gran complexidade, con anel perimetral, evidencias de dous momentos de tumulación, cámara e estrutura de acceso”.

E non só iso. As análises de material orgánico a través de de C-14, o método habitual en arqueoloxía para determinar a antigüidade dun sitio arqueolóxico, revelaron a tremenda antigüidade do lugar. A construción do monumento realizarse ao redor do 4350 antes de Cristo. Iso significaba que aquela estrutura era anterior, case en mil anos, aos grandes dólmenes de Galicia: monumentos moi coñecidos coma o dolmen de Dombate (en Cabana de Bergantiños) e o Forno dos Mouros (Toques).

Por riba, a cámara megalítica estaba aparentemente intacta.

Tres fases para un sitio arqueolóxico
E iso non era unha cousa menor. A principios do século XVII, un crego chamado Vázquez de Orxás obtivera licenza de El-Rei para escavar as tumbas dos “gentiles galicrecos”, que era como de aquela chamaban ás mámoas e dólmenes. Os traballos de Orxás desataran unha auténtica “febre do ouro” en Galicia que levou á violación da maior parte dos miles de túmulos megalíticos do país ata datas relativamente recentes. Iso fixo que a inmensa maioría das escavacións de túmulos megalíticos en Galicia se fagan sobre xacementos previamente violados e, xa que logo alterados.

Bóveda e o seu equipo identificaron alomenos tres momentos no espazo no que estaban a traballar. “Un primeiro momento corresponde a unha serie de gabias que están por debaixo do túmulo, pero descoñecemos a súa función”, sinala a arqueóloga, “e pensamos que dese momento tamén é a gabia circular que delimita o conxunto”. A gavia perimetral está a uns 8 metros da base do monumento e cíngueo na súa totalidade, e parécese tamén a outros como o da excavación de Dombate ou os que se atopan nos monumentos megalíticos británicos. “Nos últimos anos están aparecendo”, explica Bóveda, “porque se están ampliando as zonas de traballo arqueolóxico ao redor dos monumentos”. Aínda que invisibles para o ollo actual, as escavacións arquelóxicas comezan a achegarse máis ás paisaxes que vían os homes da Prehistoria ao redor dos seus monumentos: os túmulos claramente separados do seu contorno a través de foxos escavados na terra.

Abrindo a cámara
Chousa Nova revelou tamén outros aspectos fascinantes pero que non son doados de explicar. Cando o equipo arqueolóxico comezou a escavar o interior do túmulo, retirando a coiraza de pedras que o protexía, ficaron impactados pola diversidade cromática do que había no interior da mámoa. “Era unha pasada”, explica Bóveda, aínda entusiasmada, “había terras de diferentes cores”. Pero a sorpresa veu despois, ao decatarse de que esas terras foran dispostas “prolongando artificialmente o sustrato natural” que estaba por abaixo. Era como se os construtores quixeran continuar a propia constitución natural da terra na súa obra. O propio túmulo sufríu dúas fases de construción, aínda que non é doado calcular os motivos. A primeira corresponde á fase de edificación do monumento. Nunha segunda fase, ampliaron o seu perímetro e taparon a tapa, que orixinalmente fora deixada á vista.

Estas curiosas intencionalidades seguíronse observando cando o equipo acadou a cámara megalítica: un espazo construido con cinco lousas graníticas que lle daban “un aspecto cistoide”. A tapa da cámara estaba crebada en tres anacos –un aínda na posición orixinal- e os outros dous derrubados cara o interior da cámara. O problema é que dúas desas laxes da cámara eran de peor calidade que o resto, unha era a cabeceira da tumba e outra estaba ao carón. Tiñan unha elevada cantidade de mica, e brillaban moito. “Foron escollidas en lugar do granito de mellor calidade do resto dos ortostatos por iso”. Os arqueólogos pensan que a peor calidade destas dúas laxes puido provocar o colapso da cámara.

O enxoval
Pero o fascinante chegou cando Bóveda e o equipo retiraron as lousas da cámara e puideron traballar no interior do monumento, onde a terra, aínda solta, revelaba que era a terra orixinal. Alí comezaron a aparecer os obxectos do enxoval da persoa difunta que fora soterrada alí había máis de seis mil anos. O máis impresionante foi un colar, nunha posición que parecía “disporse claramente sobre un peito humano”. O colar, o segundo cunha cronoloxía do V milenio a.C. localizado in situ en Europa, estaba feito ademáis dun xeito moi especial: con contas de ámbar “moi degradado” e variscita. O sorprendente é que ningún dos dous materiais se pode obter, polo que se sabe hoxendía, no territorio da Galicia actual. O ámbar procede de algún punto da Península Ibérica e a veta de variscita máis próxima á Galicia actual localizada ata o momento está en Zamora. “Está revelando relacións de intercambio”, sinala María José Bóveda.

O resto do enxoval incide na idea de que son obxectos de prestixio os que acompañan á persoaxe soterrada alí. Por riba da súa cabeza atópase unha eixada e moi próxima á súa man tiña un cincel. Baixo os pés do morto estaba un gastado afiador. Pero tanto eixada como cincel estaban sen uso e transmiten unha lección sobre como cambian os conceptos de luxo a través das épocas: o luxo era o non uso dun instrumento.

A relevancia dos achados provocou cambios na construción do trazado do AVE que xa tiña planificado ADIF, o ente público de infraestruturas ferroviarias. Aínda que o trazado da vía non cambiou, deseñouse un falso túnel e o túmulo e a cámara de Chousa Nova foron recuperadas e dispostas de novo, no seu emprazamento orixinal, sobre o teito do túnel. A través dun custoso proceso, a tapa orixinal tamén foi reconstruída; o dolmen dispúxose e montouse como fora planificado por unha comunidade neolítica hai seis mil anos.

Cando os viaxeiros do AVE cruzan agora destino Ourense, pasan por baixo, á velocidade do raio, dun dos escenarios máis completos para comprender o ritual da morte na Galicia prehistórica.

Aquí podes baixar o infográfico en PDF e aquí podes velo:

Para saber máis: artigo orixinal en Trabajos de Prehistoria (pdf).

22 Comments

  1. 28 / Marzo/ 2012

    Vouvos contar que é o que máis me impactou desta historia cando a preparei, se cadra porque non coñecía esa “técnica” de construción: o tema da prolongación artificial do sustrato do chan. Coller e erguer dentro do túmulo exactamente terras da mesma cor que as que están naturalmente por debaixo, como se o túmulo fose unha prolongación da natureza, como se non se quixese intervir demasiado, ou como se a cámara pasase a formar parte da terra.

    Detrás diso hai un parámetro cultural que non comprendemos en toda a súa dimensión, pero que é profundamente poético e sofisticado.

  2. Nemigo
    28 / Marzo/ 2012

    alguén ten a posición do dolmen, en google maps? Gustaríame ir ver o lugar

    En calquera outro país isto sería nova nos xornais. Aquí queda pra xente que está máis que vinculada ao “sector”

    Tería sido unha chádego que merecese un documental documentando todo o proceso de excavación. Ver como abren o dolmen e como fan hipóteses sobre o que van atopando… iso visto en discovery channel ou national geographic (mellor asesorados que os de canal historia e os seus celtas arrodeados de eucaliptos e chalés adosados)

  3. 28 / Marzo/ 2012

    Vou preguntar, a ver se mo din. Se alguén o sabe, con todo, unha ligazonciña a Google Maps nestes comentarios non viría mal. :-)

  4. 28 / Marzo/ 2012

    No monte de San Antón,Km.10 da estrada C-640 de Betanzos a Vilalba, dwetrás da capela de San Cosme, houbo unhas mámoas, no camiño, monte a través,de Cela a´Viña.Penso que foron “desaparecidas” cando se esplanou o “monte comunal”, po-los gandeiros de Cela-Mántaras: anos 50-60.Pode axudar o rapaz da casa do xastre de Areas, Km. 6; entende desto un pouco.”Si se daba conta delas, paraban as máquinas”, disque. Poida que ainda quedaran as lousas polo sitio.

  5. Manuel Vázquez
    29 / Marzo/ 2012

    Parabéns polo post. Abraiante coma sempre. Grazas.

  6. 29 / Marzo/ 2012

    Grazas a todos! Xano, perfecta esa ligazón.

  7. 29 / Marzo/ 2012

    María José Bóveda, directora da escavación, remítenos unhas indicacións sobre como chegar:

    COMO CHEGAR

    No cruce do semaforo de Bandeira coller en dirección Merza (á esquerda si ves dende Santiago).
    Seguir por esta estrada ata atopar un desvío á esquerda que indica Campomarzo – Granxa Escola.
    Continuar por esta pista asfaltada, sen desviarse en ningún momento, ata pasar o lugar de Campomarzo e o falso tunel do AVE. No primeiro cruce que atopamos collemos á dereita por una pista asfaltada que nos achega ata o túmulo (a pista está cortada).
    O túmulo debería de ser claramente visible á dereita da pista. O túmulo de Chousa Nova 2 (se escavar) está a uns 150 metros ao sueste.

  8. Roberto
    29 / Marzo/ 2012

    Abrainte… coma sempre¡

    Parabéns Manolo, primeiro por difundir, e logo por sementar esa paixón pola nosa Historia.

    Un saúdo

  9. Antón Malde
    30 / Marzo/ 2012

    Estupendo traballo, parabéns para os colegas, e excelente a túa iniciativa da súa divulgación Manolo! Axuda a entender que a complexidade construtiva e grandiosidade dos horizontes megalíticos posteriores, non se chega a eles improvisando senón sobre unha tradición construtiva anterior.

  10. Celtius
    30 / Marzo/ 2012

    Manolo, díxeno hai tempo e volvo dicilo agora, es un luxo para este país. Grazas de verdade.

  11. 31 / Marzo/ 2012

    Cando Maria Xosé presentou este traballo nos Encontros Arqueolóxicos do Barbanza, podo dicir que todos os que ali estabamos presentes, quedamos abraiados co que tal se puido atopar nese cacho de tumulo que a piques estivo de ser desfeito, e que pasaba totalmente desapercibido. Un gran traballo de recuperación, glorioso, como non. A saber o que tal queda por descubrir nestas terras…

  12. Nemigo
    1 / Abril/ 2012

    Veño de ver a zona. Está moi diferente a como se amosa nas fotos da excavación.
    Xa non existe o camiño que cortaba parte da mámoa, foi cortado e trocado uns metros. Tampouco está a aportación de fenosa ao país en forma de poste

    http://static.panoramio.com/photos/original/69442543.jpg

    A excavación arrasou con todo o xacemento o csic-adif levantaron toda a mamoa (tal cual) Puxeron un falso túnel baixo ela e enriba volveron poñer o que eles entenderon que era a mámoa. A pedra que tapa a cámara está pegada e ao redor da mámoa fíxose unha nova adaptación de adif… un círculo de balastro ferroviario. Os nosos antergos sabían que era un bo sitio, ben situado e como camiño quedou máis que confirmado co AVE

    Aínda despois da desfeita é impresionante o xacemento

    As coordenadas do lugar son:

    42°45’24.96″N
    8°17’34.80″O

    nas fotos de google earth non se ve a posición posto que xa estaba a mámoa esnaquizada cando se tiraron, estaban a construir o túnel e no histórico (a primeira foto é de 2001) non se ve moito máis

  13. 1 / Abril/ 2012

    Grazas por toda a info, Nemigo! Impresionante.

  14. 1 / Abril/ 2012

    Vaia merda que fixeron, en outro pais nos dudarian en cambiar o trazo do tren e preservar o lugar, pero amigos isto e españa e aqui dalle igual que aparezcan merdas de estas porque arrasan co que faga falta e por riba temos que escoitar comentarios intelixentes:

    Cando os viaxeiros do AVE cruzan agora destino Ourense, pasan por baixo, á velocidade do raio, dun dos escenarios máis completos para comprender o ritual da morte na Galicia prehistórica. vaille tomar o pelo a outro isto que fixeron e unha vergonza, pero por desgracia aquí abundan moitas de estas desgracias.

  15. 1 / Abril/ 2012

    Que che parece “intelixente” do comentario, Xavier? Exactamente en que lle estou tomando o pelo a alguén?

  16. M Bóveda
    1 / Abril/ 2012

    Un gran traballo Manolo, moitas grazas.

    Os arqueólogos temos o feo costume de publicar en revistas tostón que so interesan a outros arqueólogos, e un xacemento coma este merecía unha boa divulgación.

    Tal e como describe Nemigo o xacemento desmontouse enteiro (as pedras da cámara estiveron gardadas durante case dous anos nunha nave que cedeu o concello de Silleda).

    O interese dos veciños da parroquia de Abades, do Concello de Silleda e de Patrimonio levou a que o túmulo acabase restaurándose, e por esas estrañas casualidades do destino, rematou situado exactamente no mesmo lugar de onde 2 anos antes o botaran as obras.

    O aspecto final do xacemento pode ser cuestionable, fixemos unha restauración integral de cámara e túmulo seguindo os criterios marcados dende Patrimonio. A cámara, que case non se ve por culpa do túmulo, quedou xenial. Deu un motón de curro pero mereceu a pena, mágoa que agora so sexa visible a cuberta!!….

    O círculo de balastro é completamente culpa nosa. Define en superficie a gabia perimetral que pechaba o espazo “ritual” no que se localizaba o xacemento e o sistema de foxas e gabias localizadas baixo el, e nas súas proximidades. Necesitábamos un elemento non perecedoiro para marcalo no terreo, e pensamos en usar area ou pedras pequenas, o balastro pareceunos o mellor, creímos que era útil e irónico ao mesmo tempo.

  17. Nemigo
    1 / Abril/ 2012

    ¿O balastro empregado (cedido por adif?) é o mesmo (do mesmo material) do que había na mámoa?
    As pedras son as mesmas que hai na vía ourense-compostela. ¡Son balastro de vía ferroviaria!

    ¿De verdade non hai en silleda pedras similares ás empregadas polos nosos antergos pra facer a “reconstrucción”?

    Na galiza din que hai 10 mil mámoas. Chousa Nova I diferenciase das demáis en que chegou ata os nosos días… iso e que foi feita pra lembrar a memoria dunha muller.
    ¿Podíase trocar o trazado da vía? Posiblemente non. Está entre dous montes e entre un pequeno chan entre eles.

    Pensemos en cociñadoiro… ¿é mellor opción?

  18. Mª Bóveda
    2 / Abril/ 2012

    Nemigo: o balastro usámolo para marcar unha gabia non visible en superficie que rodeaba ao túmulo.

    Queríamos marcar esa gabia e a nós pareceunos que a mellor forma era utilizar algo que destacase durante moito tempo (incluso con vexetación) e que non se puidese confundir con material orixinal do túmulo (xa que non o é, está marcando unha gabia soterrana e rechea de terra).

    Resulta evidente que non acertamos co material si causa este efecto no visitante.

  19. 2 / Abril/ 2012

    Sem ter visitado o túmulo, vou defender a proposta resauradora.

    Penso que sim é importante deixar marcado e diferenciado para as pessoas visitantes aquilo que é original daquilo que nom o é. E a maneira de fazê-lo é, entre outras, a utilizaçom de materiais “modernos” ou alheios ao entorno. Nom sei se está devidamente explicado no cartaz que coloca Nemigo nas sua galeria fotográfica (http://static.panoramio.com/photos/original/69442548.jpg), mas se é assim, a intervençom nom me parece incorrecta.

    Suponho que é uma questom debatível e discutível.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará