A estela do guerreiro de Pedra Alta ficará por agora en Castrelo do Val

Unha magnífica noticia. Hoxe pola mañá reuníronse en Castrelo do Val representantes da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia co alcalde e o veciño que localizou a estela de Castrelo do Val, José Luis Lozano Rúa. Os representantes de Patrimonio comunicaron ao concello e ao propietario a intención da Xunta de permitir que a estela de Pedra Alta fique en Castrelo de Val mentres o Museo Arqueolóxico de Ourense non reúna condicións para a súa exhibición (supoñemos que se refiren a cando o edificio se volva abrir ao público). Só se moverá de Castrelo, entrementres, para exhibila na exposición Gallaecia Pétrea, coa que a Xunta inaugurará o Museo de Galicia da Cidade da Cultura (o último edificio rematado ata o momento). A Pedra Alta será custodiada polo concello nas dependencias do pequeno museo local.

O acordo aínda non foi formalizado por escrito pero farase nos vindeiros días.

A estela de Pedra Alta é un monumento singular e única en Galicia. Un menhir antropomorfo cheo de gravuras que son a representación da panoplia (conxunto de armas) dun guerreiro do Bronce final, e que evidencia as influencias culturais dentro da Península. Aquí tes máis datos sobre a pedra. O seu achado fora feito público en maio do ano pasado.

Non podo menos que felicitar a José Luis Lozano, descubridor da estela, pola súa teimosía e a todos os veciños de Castrelo de Val, representantes municipais, ás persoas que colaboraron e achegaron ideas e á propia Dirección Xeral de Patrimonio pola súa decisión. Imperou o sentido común. E será un gusto, tamén, ver un día a estela en Castrelo do Val.

5 Comments

  1. 15 / Marzo/ 2012

    Semella que a Pedra Alta ficará moitos anos en Castrelo do Val!!!

  2. 15 / Marzo/ 2012

    Ben, habería que cambiar a lei de patrimonio para que esta telenovela non volvera a acontecer, se a chega a descubrir outro home calquera, en vez de meterse no jaleo que se meteu este, colle unha marra e adios pedra

  3. 15 / Marzo/ 2012

    Concordo en que a actitude de X.L. Lozano, constitue un exemplo de afouteza moral pouco común.
    Parabéns á sociedade de Galicia.

    Que a peza poidera ser vista en Compostela, rodeada dun contexto de contidos axeitado, sería un fito senlleiro pola mensaxe que as comunidades veciñais de moitos outros sitios poden recibir na voz da Pedra Alta de Castrelo, e tomando uns versos da Haka “Kapa o Pango”, dos N.Z. All Blacks:

    “Ko Aotearoa ngunguru nei / Au, au aue ha!”

    É a miña terra que treme / Agora é o meu intre!”

  4. Antón
    4 / Abril/ 2013

    É moita tolemia aventurar que o elemento descoñecido puidese ser unha honda e unha pedra?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará