Fálalles de nós

Galicia é un país pequeno, e o que teñen os países pequenos; o problema dos países pequenos é que tenden a facer unha moral pequena, acorde á nosa circunstancia. Subordinamos o que temos, o que fixemos, a niveis intermedios. Pero isto que vos presento hoxe, vouno dicir xa, é para min unha das grandes pezas de retórica do século XX no mundo, algo capaz de remexerte por dentro e transformarte, aínda que sexa por cinco ou dez minutos. É este vídeo que vos quero amosar, e que é parte da colección orixinal As Nosas Voces que foi editando o Consello da Cultura Galega ao longo dos 90 en cassete e que agora estamos a redixitalizar gradualmente.

Isto que podedes escoitar aquí (avancei no vídeo de Youtube ata o momento no que comeza a parte intensa do discurso) é, ao meu ver, unha das grandes pezas retóricas do século XX polo que representa. Estamos en Bos Aires, en 1955. A colectividade galega financiara a viaxe a Bos Aires de Don Ramón Otero Pedrayo, un dos eslabóns do que significou Galicia antes da Guerra Civil, un dos poucos que puido ficar no país. Neste acto estano a despedir, de volta a Galicia. Sitúense: estamos nun salón ateigado de xente, despois de xantar. Hai que imaxinarse o salón cheo de fume, as copas de coñac, máis ou menos rematadas, os panos da man sobre as mesas, os manteis enrugados e unha manda de exiliados e emigrantes de todas as clases sociais.

Aquela xente sabía o que eran os símbolos. Crían nos símbolos. Eu recoméndote que escoites estes dez ou quince minutos coas luces baixas, para prestar atención ás voces que se escoitan atrás, á profundidade da sala. Vas escoitar, de súpeto, a historia da Europa do século XX. A historia dos emigrantes, a historia dos exiliados que tiveron que marchar do seu país por pensar diferente, esas historias difíciles, pero tamén as luminosas. Van escoitar a historia da perseverancia, da transmisión, da cadea, das pequenas nacións que teiman en agromar tralo Rexurdimento e o romantismo do XIX. Suárez Picallo sabe que esta despedida é para sempre: que Otero non vai volver, e el nunca vai retornar para Galicia, pero fala con tal autoridade moral, con tal forza espiritual, que o seu discurso é capaz de traspasar séculos e pór a pel de galiña, porque en certo xeito, as verdades que pronuncia Suárez Picallo hai que seguir pronunciándoas e afirmándoas. Neste discurso -unha peza que debera figurar en todas as antoloxías de retórica do século XX, canda I have a dream, e non bromeo- está a fenda, as arelas, as derrotas e o futuro, sempre o futuro, de Galicia. Escóiteno. E dígolles máis. Fáganllo escoitar a outra xente.

Para que fagas unha preescoita rápida, o vídeo comeza máis adiante, xa metidos de cheo no discurso de Ramón Suárez Picallo.

7 Comentarios

  1. Nemigo
    27 / Xaneiro/ 2012

    non estou certo que na galiza a día de hoxe teñamos a ninguén co nivel que naqueles anos. Con todo en contra tiñan un rexurdimento cultural e político abraiante
    Hoxe hai que desculparse por falar galego. Non sei cando se acada a conciencia de ser galego. Teño sobriños algúns só falan galego pero non o fan por seren conscientes da súa terra (son moi novos) pero o futuro está aí e de nós depende.

    Os nosos antergos tiñan que facer un esforzo titánico pra poñer sobre papel ou amosar a súa cultura e idioma. Nós temos infinitos máis medios pero nos falta o orgullo e o desexo de darnos a coñecer.

    Como dicía castela cando escribía sempre en galiza estando en new york ollando pola fiestra.
    Eu sei que aí fora hai xente de todolos sitios pero ningún deles sabe que eu son galego nin escoitou falar da galiza

  2. 27 / Xaneiro/ 2012

    Eu creo que hai que aprender moito, moito deles. Pero canda a aprendizaxe habitual -lelos, escoitalos, ler os estudos sobre eles- hai que acceder á súa correspondencia, publicada en moitos casos. A correspondencia axuda a desmitificar e, xa que logo, a facelos medrar como homes -gústanme os mitos, pero cando son fantásticos, as persoas gústanme como persoas- .

    O traballo deles foi inxente, construído puramente desde a vontade. E hoxe magnificamos a súa incidencia social, pero a cousa non era así. Unha vez, a unha compañeira, unhas vellas que tiñan un equipo de fútbol en Vigo no tempo da República -xente ben- respondéronlle así cando ela lles preguntou polos galeguistas: “Ay, sí, había aquellos chicos. La verdad es que no les hacíamos mucho caso”.

    Esta xente, sen medios, sen voces, teimou. Para a sociedade ben do seu tempo eran un pouco frikis, pero seguiron. Hoxe, mal que ben, temos os medios. Temos moitas máis posibilidades. Debemos aprender e reflexionar sobre que é o que falla.

  3. 27 / Xaneiro/ 2012

    Obrigado por este pequeno tesouro que de seguro me vai vir mui bem para algumha que outra aula de Literatura neste semestre.
    E nom, hoje nom há gente com um nível político nem cultural (quiçá nem sequer com o mesmo nível de entusiasmo e de ilusom) como a que havia naqueles tempos, e nom o digo por nostálgia cómoda e vantagista. Nom sei se fora Unamuno quem digera, escuitando um discurso de Soares Picalho no Parlamento espanhol, aquilo de: “¿Quién es esa voz pegada a un hombre?”. Imaginais a alguém digno de umha expressom de admiraçom como esta nos tempos que nos tocam viver?

  4. 28 / Xaneiro/ 2012

    o mandado tam-pouco é difícil de cumprir: falemos deles.

  5. alvarez
    28 / Xaneiro/ 2012

    Dandolle as gracias por deixarnos escoitar esta xoia e estando dacordo co seu comertario, so decirlle que non concordo con que Galicia sexa un pais pequeno.Parafraseando o mestre ourensan cando era alguen, direi que Galicia é un mundo de dios e que non chega unha vida para collerlle o punto, na miña modesta opinión.
    Outra cousa somos os habitantes desta nación que parece que vivamos na Venezuela que sufriu Celso e cada vez nos parezcamos mais o Pais dos enanos que tan ben retratou.
    Saude.

  6. 28 / Xaneiro/ 2012

    Galicia é un país pequeno: somos 2.800.000 habitantes. Hai que asumilo e non é malo. Irlanda, Portugal, Dinamarca, Bélxica, etc., son países pequenos. Pero unha cousa son as cifras pequenas e outra distinta son os nosos obxectivos como país, e tamén a nosa actitude: non debera ser pequena.

  7. 29 / Xaneiro/ 2012

    Caghonatós, emocioneime e todo!
    É realmente un momento descorazonador, o dese discurso. 1955 é o ano que a ONU acepta o ingreso da dictadura de Franco no seu seo, e con iso esborrallábase a esperanza do exilio en voltar algún día. Foi como cortar definitivamente as amarras. Ademais, era o canto de cisne dunha xeración que xa peiteaba canas, e algúns, coma Castelao, vivían xa no recordo. Debían sentir o peso dunha enorme saudade.
    Debemos aprender deles, si. Eran bos e xenerosos. Hai dúas cousas neste discurso que son difíciles de escoitar no discurso do galeguismo de hoxe. Unha delas é que esta xente sabía sumar. Nesa casa cabían xentes de todas as clases. Hoxe desgrazadamente, o galeguismo concéntrase máis os seus esforzos en restar e dividir. A outra cousa é que o obxecto do pensamento desta xente, aquilo ao que profesaban o maior dos seus amores e das súas lealdades, chamábase Galicia. Hoxendía, as únicas lealdades que se profesan van dirixidas ao partido. E así lles/nos vai.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *