As pedras que fan viño

Last updated on 14 / Xaneiro/ 2012


Fotos: Servino

Publicado orixinalmente en culturagalega.org o 10 de xaneiro de 2012

Os folletos turísticos sobre Galicia adoitan repetir o tópico de que o viño entrou no país cos monxes franceses da orde do Císter no século XII. Nada máis lonxe da realidade. O sumiller coruñés Luís Paadín presentou estes días os resultados provisionais da súa investigación en campo nos que demostra a enorme proliferación de viñedos, cando menos desde época romana. As primeiras conclusións son fascinantes: non só a viticultura estaba plenamente implantada case dous mil anos, senón que a súa distribución coincide con algunhas zonas vitícolas máis prestixiosas do país.

“Temos que ser conscientes, e agora sabémolo con certeza”, di con orgullo Luis Paadín desde o seu coche, camiño de La Rioja, “que Galicia é unha das zonas de produción de viño máis antigas de Europa”. Paadín é un dos sumilleres, catadores e escritores de viño máis prestixiosos de Galicia, e un incansable defensor da calidade dos caldos galegos. Durante a realización dun máster de viticultura, intrigoulle unha cita que aparecía nun tratado que os alumnos chaman informalmente a “Biblia”, o Tratado de Viticultura General do doutor Luis Hidalgo. Nel facíase referencia á existencia dun lagar romano na zona de Monterrei, pero tras consultar con varias fontes e o consello regulador, seguía sen aclarar a existencia do lugar. Foi a través do xornalista Manuel Gago e o afeccionado á historia local Miguel Losada como deu co lugar no que se atopaba o que se coñece na zona como o Lagar dos Mouros, un establecemento rupestre de elaboración do viño de época romana. Naquel momento, sen sabelo, estaba descorrendo unha auténtica caixa de Pandora. Non había só un lagar en Galicia, como dicía a “Biblia”. Había moitos máis. Lagares rupestres, labrados en rocha nai, ao carón dos viñedos, e nas proximidades de antigos castros.

Paadín comezou a procurar lagares na bibliografía e grazas a institucións coma o Museo Etnolóxico de Ribadavia. O que apareceu confirmou a súa sospeita. En varios meses de investigación, deu coñecido a existencia de máis lagares distribuídos pola zona de Monterrei, do Ribeiro e no Condado –curiosamente, tres das rexións clásicas da produción do viño. Tamén consultou coa Dirección Xeral de Patrimonio, “todo foron boas palabras pero non me deixaron consultar a súa documentación”. Tirando dun cabo e doutros, Paadín localizou inicialmente 18 lagares que publicou no seu sitio web profesional, Servino.net, pero na actualidade xa apareceron máis.

Unha viticultura semellante á de hoxendía
Os indicios parecen amosar unha viticultura moi semellante á actual. “Todos están en altitude de viño”, asegura Paadín, “na zona de Bibei ou do Ribeiro están nos 300 metros de altura e na zona de Monterrei están nos 400 metros”. Todo indica que os lagares foron tallados nas pedras ao carón dos propios viñedos, que era onde se elaboraba directamente o viño. E a propia disposición dos lagares ofrece datos moi interesantes: “creo que só elaboraban branco ou crarete, porque para elaborar tinto tes que ter un lagar pechado, para que o viño fermente dentro”. Nas adegas medievais galegas, construídas no interior de casas, si que era posible elaborar viño tinto. Agora ben, o propio Paadín considera que tamén podería existir elaboración de tinto, pero aínda non hai evidencias claras ao respecto. Como saberían eses brancos? Como sumiller, Paadín fica cunha tremenda curiosidade.

Pero non é no único no que a viticultura galega de época romana se parece á actual. “Eu chego a poñer un pouco en dúbida de que foran romanos, por un motivo”, indica Paadín, “polo que sabemos doutras zonas da Península ou de Europa, os romanos tiñan uns cantos lagares agrupados nun só sitio, nunha sorte de factoría, vinculada a unha gran propiedade”. Pero no que se atopou Paadín o que asoma é máis ben o minifundio. “En Galicia hai tantos lagares, e con tan pouca distancia entre uns e outros, que fan pensar que son pequenas propiedades”. E hai diferencias rexionais entre eles. “Os máis grandes están en Monterrei, pero no Ribeiro son máis pequeniños, máis diferentes, teñen unha curvatura inferior e dous stipites (os encaixes das trabes que sostiñan o lagar) a cada lado”. No lagar máis estraño do conxunto, o coñecido como “Pedra da Coviña”, nas Neves, a existencia do lagar convive cuns interesantes petróglifos con motivos fálicos representados a penas a 2 metros da instalación rupestre.

Unha vella paixón
A existencia do viño en Galicia era ben coñecida en Galicia xa desde bastante antes da conquista romana. En poboados das Rías Baixas como Neixón, A Lanzada ou o Monte do Castro téñense atopado inxentes cantidades de ánforas de transporte que garantizaban un fluxo constante de viño desde o sur da Península ata os sedentos galaicos da costa, inicialmente traído polo comercio fenicio e despois, posteriormente, por mercaderes xa romanos. Pode ser que os galaicos dalgunhas zonas se apropiaran desta técnica agrícola igual que na Lanzada construíron unha pequena factoría de salgazón a imitación da tecnoloxía fenicia? “Esta é a miña teoría”, asegura Paadín, “pero aínda está por ver. No veciño Portugal, da banda sur do Miño, pensan que son romanos”. Sen embargo, nas diferentes análises feitas do gran en castros non se ten atopado vitis vinifera, a pranta do viño, pero o certo é que a maior parte dos grans preservados estábano en depósitos de cereais ou calcinados ao carón dos fogares, contextos nos que as pébedas de viño non son habituais.

Con independencia da súa adscrición cultural, Paadín quere resaltar o importantísimo valor cultural e económico destes sitios arqueolóxicos. “No mundo do viño, o antigo revaloriza”, asegura o sumiller, “pero por agora as denominacións de orixe e as institucións galegas teñen esquecidos estes lugares. Non todo o mundo ten un pasado tan glorioso no ámbito do viño coma nós”. Paadín explica como na Rioxa ou en Portugal os antigos lagares están integrados nos circuítos turísticos do viño, pero en Galicia fican todos ausentes da promoción oficial.

Este dinámico sumiller continuará peneirando montes para tentar dar con máis lagares, revelando a riqueza, preservada na pedra, da viticultura de Galicia e, se cadra, unha das explicacións da existencia de tantas variedades autóctonas de viñedo en relación ao resto da Península. De súpeto, o viño galego fíxose máis vello. E xa se sabe que, coa idade, algúns dos viños melloran.

Máis información e datos en Servino.

15 Comments

  1. 11 / Xaneiro/ 2012

    “Tamén consultou coa Dirección Xeral de Patrimonio, “todo foron boas palabras pero non me deixaron consultar a súa documentación”.”

    Que raroooooooo!!!!! :-)

    Interesantísimo. É só unha intuición, porque non teño máis datos que os que aquí se poden ler, pero todo isto chéirame moito a século III.

  2. 11 / Xaneiro/ 2012

    Hai que velo, eu non teño moita idea de cronoloxías deste tipo de lagares. Con todo, a última foto que puxen, o lagarciño este das Neves, é máis raro que o demo, ben curioso, cando menos para o que sei. O resto si que os teño visto pola Península adiante. Por certo, Paadín xa ten localizados algúns máis.

  3. 11 / Xaneiro/ 2012

    Pois si, o tema dá moito que pensar. No caso do castro de Muro da Cidade, perto de Medeiros, sobre o rio Búbal, na bisbarra de Monterrei, Ourense, conta a tradición que o cultivo da vide veu grazas a una Raiña moura que, abreviando, logo foi serpe co gallo de probar a afouteza dun mozo co que casou e viviu no castro ata que a parella houbo de marchar, polas boas, do pobo por causa da fame sen testo que tiña a rapaza xa que seica papaba ó día unha vaca ou un boi – que tamén lle sabía –

    Era muller de moita pensión e xa que logo, marcharon vivir cara outro lugar. Como recordo e agasallo polos vellos dias de (cervexa?) e rosas a moura regaloulle á xente do pobo a primeira vide e así atá hoxe xa que inda o curuto enteiro está inzado de de vellos bacelos, asocalcado e cheo, si, cheo de lagares vellos, mais de vinte nos arredores.

    Deste xeito a viticultura en Galicia tería xurdido en Monterrei? quen o sabe, mais a cousa seica ven de vello. E segundo a tradición foron os mouros.

  4. medulio
    11 / Xaneiro/ 2012

    Existe unha estela funeraria en Cidadela dun tratante de viños ou polo menos cun racimo de uvas. Eso din.

    OBSERVACIONES SOBRE LA ESTELA n: IULIUS SEVERIANUS …
    dialnet.unirioja.es/servlet/fichero_articulo?codigo=129979 (PDF)

  5. medulio
    11 / Xaneiro/ 2012

    me olvidaba

    Descripción de Estrabón de los pueblos del noroeste de la península

    “Los habitantes de las montañas llevan una vida sobria. No beben más que agua y duermen sobre el suelo; se dejan crecer mucho el pelo, como las mujeres, pero cuando combaten lo sujetan con una cinta en la frente… Las poblaciones de las montañas viven durante dos tercios del año de las bellotas: las secan y las muelen obteniendo una harina con la que hacen un pan que se conserva mucho tiempo. Normalmente beben cerveza y rara vez vino: el que tienen lo consumen rápidamente en las fiestas familiares. En vez de aceite emplean manteca… Los pueblos que están situados más al interior practican el trueque de mercancías o pagan con láminas de plata recortadas… A los condenados a muerte se los precipita desde lo alto de las rocas; a los parricidas se los lapida, pero siempre lejos de las montañas y de los cursos de agua.” Estrabón, Geográficos III (Iberia) 3, 7.

  6. 12 / Xaneiro/ 2012

    Miguel, interesantísima a lenda primordial do viño en Monterrei. Fermosa historia.

    Medulio, efectivamente, a referencia de Estrabón parece indicar algo como o que a arqueoloxía constata ata agora: a importación de viño vinculado, se cadra, ao seu consumo en banquetes. A min ese texto é a impresión que me dá. Por agora, a miña balanza inclínase máis cara o seu cultivo a partir de época romana, desde logo, malia as sospeitas de antigüidade de Paadín. Aínda que ese lagar das Neves évos ben raro…

    Pero, sería así en toda Galicia? Ou teriamos algún Amancio Ortega con capacidade de improvisación? :-)

  7. 12 / Xaneiro/ 2012

    Muy buen trabajo, respecto a la denominación de origen de los vinos del Ribeiro, es necesario aclarar que antes se conocían como viños de Castela o (castellanizado) vino de Castilla, por ser éste el nombre de la comarca orensana donde se producía más cantidad, como señalaba Xosé Posada en Os viños de Galicia, 1979: entraba en Santiago por la puerta de “Mazarelos e estaba reglamentada a súa importancia dende o ano 1133 e se decía que tiña que ser: «bó vino castellano». Según Antonio López Ferreiro, a Castela de Galicia viñan sendo as ribeiras do Miño e do Avia”. Rubén García Álvarez en Grial, nº 3, 1988: “non se conocía entón por «viño do Ribeiro», senón, paradóxicamente, por «viño castelán», é decir da Castela de Ourense”. Denominación que podía dar lugar a equívocos. Sobre la Castela orensana hay testimonios documentales “in territorio Castellae in ripa Minei” y estudios varios, como el del P. Sarmiento, “Castellanos de Orense”.

  8. 12 / Xaneiro/ 2012

    Dise que se chamaba “Castela” pola cantidade de castelos que tiña a comarca…pero fixádevos que só resistiron o paso do tempo como puideron o de Ribadavia…e algúns só mantiveron a sona, como o de Pena Corneira, hoxendía unicamente restos arqueolóxicos. Pero o fascinante do Ribeiro é que hai unha chea de castelos agochados nos montes, como esta marabilla que nos atopamos hai xa algúns anos:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2009/03/31/prg-77-secretos-fora-do-roteiro-na-senda-de-boboras/

  9. 13 / Xaneiro/ 2012

    Boas, alguén me poderia decir en que lugar das Neves esta ese lagar?? grazas.

    Hai outro castro preto das Neves entre as parroquias pontareáns de Cumiar e San Lourenzo de Olivira que ten unha estructura esteña nas aforas do poboado, tratase do Castromao e a uns metros del estan os restos dunha capela medieval onde hai unha especie de mehir dun metro máis ou menos ben tallado no cal hai 2 petroglifos con dous simbolos, pois ben, xusto detras do petroglifo como dixen hai unha estraña estructura en forma de bañeira con canalización de auga no seu interior, eu ata pensei nun primeiro momento que poderia tratarse dun monumento con forno, pero agora vendo o dos lagares do viño non sei que pensar… saudos!!

  10. 13 / Xaneiro/ 2012

    Ok moitas grazas, a verdade que esa zona de Taboexa (As Neves) aínda esconde moito, nunca fun pero teño un amigo que os avós son de ali e aparte do castro de Altamira o monte esta cheo de covas e antigas lendas sobre elas, a maioria de tesouros e mouros segun me ten contado…
    Saudos!

  11. Sergio
    28 / Xaneiro/ 2012

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará