O estraño caso do Dr. Phillips e o lobishome Romasanta


Joseph Pierre Durand De Gros (gravado orixinal) e Romasanta (recreación cinematográfica).

Aquí vai unha historia tan intrigante como cinematográfica ou de banda deseñada. Prepárense.

Os irmáns Castro Vicente, dinámicos avogados e etnógrafos, ademáis de lectores de Capítulo Cero, avisáronme dunha estraña descuberta que realizaron ao fío dunhas xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta, o mítico Lobishome de Allariz. Aquí podes ver a súa historia. Tras ser apresado nun pobo de Toledo, Romasanta foi xulgado en Allariz, nun caso que tivo repercusións internacionais polo truculento do asunto do lobishome asasino. Romasanta foi condeado a morte pero a raíña Isabel II indultouno. Unha das voces que clamaran polo indulto do asasino foi a dun curiosa e estraña personaxe: o hipnotista francés Joseph-Pierre Durand de Gros, que envía unha carta desde a Universidade de Arxel, baixo o seudónimo de Dr. Phillips, pedindo á raíña que non se mate a Romasanta e se lle permita poder ser recoñecido cientificamente. O Dr. Phillips estaba, ao parecer, exiliado en Arxel por “motivos políticos” e é autor dun destes tratados que orbitan entre a ciencia e o esoterismo tan clásicos dese momento do XIX: Electro-Dynamisme Vital, ou les relations physiologiques de l’esprit et de la matiere, tamén asinado baixo seudónimo. O xulgado de Allariz indultou a Romasanta, pero negouse a que Romasanta fose recoñecido polo Dr. Phillips, desobecendo á raíña.

Ou iso se cría.

O caso é que non se soubo nada máis de Romasanta tras ser indultado, onde fora parar e onde fora morrer. No seu relatorio, os irmáns Castro Vicente recollen algunhas desas conxeturas:

Algunhas versións recollidas polo propio José Dominguez din que morreu no cárcere de Celanova pouco despois por unha estrana enfermidade (remitíndose ao historiador Alfredo Cid Rumbao); tamén recolle a outra versión, quizais máis popular entre os paisanos, que foi asasinado por un garda que o levou á montaña para que alí probara que era verdade que se podía converter en lobo e que as balas non lle causaban dano… (á que tamén fai referencia Vicente Risco no seu discurso de ingreso na Real Academia). Outras versións apuntan que morreu no cárcere de Allariz. Estas versións acaso están vinculadas co relato que recolle Camilo José Cela en “Mazurka para dos muertos”, no que conta que morrera ao pouco tempo no cárcere, sen especificar de onde, e que lle ofrecían unha misa todos os 29 de febreiro na capela de San Verísimo de Espiñeiros ata a Guerra Civil.

Pero no transcurso de preparación da conferencia, estes investigadores bateron cun novo dato. Na prensa madrileña falábase que Romasanta fora finalmente enviado a Ceuta. A cousa encaixaba. No Código Penal da época a cadea perpetua só se cumpría en África, Canarias, ou Ultramar. Os irmáns Castro Vicente consultaron na Biblioteca Nacional as amplias hemerotecas da institución; non só aparecía indicado que Romasanta desprazárase a Ceuta, senón que morrera aló, dun cancro de estómago, “acaso un castigo divino polos seus crimes de antropofaxia”, como suxería algún xornal da época.

O fascinante é que a cousa non está nada clara. Os dous investigadores ourensáns chamaron ás parroquias de Ceuta, buscando as partidas de defunción do reo. E non aparecen por ningures. Non hai un só rastro del nos documentos preservados. Falta documentación nos Arquivos, ou é escasa para diferentes momentos desta época, pero tamén a viaxe a Ceuta, un novidoso dato, puido obedecer a unha decisión real. Interesouse a Raíña Isabel II porque o Dr. Phillips, o hipnotista Joseph-Pierre Durand de Gros, recoñecera a Romasanta? Que aconteceu cando se atoparon? Terá que ver o feito de que non se consiga localizar a súa partida de defunción con este encontro?

Faltan datos, se cadra unicamente por desleixo administrativo da época, pero se eu fose guionista, máis alá dos datos, xa estaría escribindo Romasanta II – Lobishome en África.

8 Comments

  1. 2 / Novembro/ 2011

    Pois si, podería ser un bo argumento para a segunda parte de Romasanta.
    Ademais xa se me está ocorrendo o punto álxido da película, a loita entre Romasanta convertido en lobishome e un Bouda ou Buda, un home hiena (ás portas de Harar – Etiopía, por exemplo).
    No leste de África (principalmente Kenia, Etiopía, e outros países) cren nos homes hiena, que serían o ser equivalente aos nosos lobishomes (noutras zonas do continente cren nos homes pantera).
    A forma de converterse é a mesma, ispense e envorcanse na terra, levantando remuiños de po, e dese xeito adoptan a súa forma monstruosa.
    É moi curioso este sustrato común, matinando no tema, quizáis a explicación é que unha das características principais dos humanos é a vestimenta, e mediante este procedemento de espirse (despoxarse dos elementos humáns) acércanse máis á natureza animal e é un paso necesario e lóxico para a transformación.

    Non é unha crenza de tempos pasados, a pesar de que unha parte da sociedade, pola influencia da cultura occidental rexeita dese tipo de crenzas. Estiven fai medio ano en Etiopía e preguntándolle cousas sobre maxia, etc. ao noso guía, contounos a seguinte historia: que el estaba unha vez cun amigo nun bar da capital de noite tomando unhas copas, e de súpeto escoitaron un gran balbordo fora, sairon a ver o que pasaba e viron no medio da noite unha grande poeira e algo, un bulto, como dunha persoa, que saía correndo a toda velocidade. Trataron seguilo pero dalí a uns cantos metros entrou nunha casa ou unha construcción, pechando a porta.
    O seu compañeiro díxolle que era un bouda, que había unha veciño dalí na zona que tiña fama de ser un bouda.
    Foi realmente moi interesante e excitante que alguén me contara no s. XXI o encontro cun destes seres, e no medio dunha gran cidade como é Addis.

    Saúdos
    Félix Castro

  2. 2 / Novembro/ 2011

    Que bo!

  3. elixio
    2 / Novembro/ 2011

    Interesante historia, e un gran traballo. A verdade que non deixo de sorprenderme a capacidade de traballo de Félix e Cástor.É un luxo poder compartir con eles algunha das actividades que levan a cabo(unha pena non poder ir a todas). Andiven eu estos días polos roteiros de Romasanta, por Rebordechao e pola serra de San Mamede (Vilar de Barrio) e déronnos noticias das súas recollidas por alí, sobre todo no campo da música(..casualidade?). Para quen queira máis información sobre a súa investigación sobre o caso Romasanta e outros traballos pódedes consultar http://www.castorfelix.tk/.

  4. 3 / Novembro/ 2011

    Moitas gracias amigo Manuel por ter recollido a nova das nosas investigacións no blog. É un pracer contribuir co noso traballo a engadir un tantiño de misterio na que é a miña páxina de cabeceira, e de obrigada consulta.

    Quería engadir ao comentario do amigo Elixio que a nosa páxina actual, onde continuaremos avanzando os resultados das investigacións é

    http://musicarabeosa.wordpress.com/

    Apertas grandes e peludas
    Cástor

  5. 3 / Novembro/ 2011

    Pois con moito gusto seguiremos a sección sobre Romasanta (e o resto dos contidos) no voso web!

  6. David Simón
    26 / Setembro/ 2012

    Nesta páxina do sergas podese descargar o meu libro “Locura, medicina y sociedad: Ourense (1875-1975)”, pubricado pola Xunta de Galicia no ano 2005.
    http://www.sergas.es/Publicaciones/DetallePublicacion.aspx?IdPaxina=40008&IDCatalogo=1245

    Neste libro é onde se aventura por primeira vez no pubricado ate o momento o feito de que o tal Dr.Philips puidera ser Durand de Gros. Fíxose en base a cruzar datos e pistas sobre o tema do magnetismo animal o nacemento do hipnotismo.

    decíamos en la página 48-9: “Ninguno de los autores que hasta el momento se han acercado al estudio del caso ha profundizado en la identidad de este hipnólogo francés que vino a tener una importancia fundamental en el destino del “lobishome”. El Dr. Philips era con mucha probabilidad Joseph-Pierre Durand de Gros (1826-1900) quien firmaba sus libros y se hacía conocer como Dr. Philips. Fisiólogo francés y uno de los más importantes expertos en el “magnetismo animal”47 en el siglo XIX, e introductor del braidismo– hipnotismo en Francia y autor de varias obras48 en torno al tema. Tenía un especial interés en conocer cómo afecta el cuerpo a los estados de consciencia, y especulaba acerca de una fuerza vital que afectaba al sistema nervioso y sobre la relación entre actos conscientes e inconscientes. La propia reina Isabel II, informada por la carta del Dr. Philips al ministro de Justicia, intervino en el caso, conmutando finalmente la pena de muerte por cadena perpetua mediante una Real Orden del 13 de mayo de 1854”.

    As investigacións expostas polos Castro Vicente nas xornadas do 2011 en Allariz viñeron finalmente a confirmar a nosa hipótese, xa que conseguiron un exemplar dun dos libros de Durand de Gros, que firma co Seudónimo de Dr. Philips e no que fala do caso de Manuel Blanco Romasanta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará