Tras o ouro dos mouros (I): Juana e o son do cemento

Esta historia comezou a suceder nun frío mes de xaneiro de non hai moitos anos. Chovía, era pola tarde, había un tempo miserable, escuro, húmido e incómodo e estabamos no camposanto da Pobra do Deán. Acompañados do son horroroso da paleta do enterrador recebando con cemento os ladrillos do nicho recén clausurado, presentáronnos a unha muller fascinante: Juana, amiga íntima da muller que pechaba o seu ciclo baixo os acordes pastosos da masa gris.
Baixo o paraugas, todos apreixados contra as tumbas, Juana contounos a súa historia: os soños anticipatorios que lle permitiron saber días antes que a morte da miña avoa estaba ao chegar, eses soños nos que espertaba sen espertar rodeada de laranxas, e nos que vía persoas movéndose polos campos, ao lonxe, desde a fiestra da súa habitación, e ela sabía quen ía vivir e quen ía morrer.
Esa pequeniña muller fascinante, loitadora e brava, que sobrelevou con dignidade e esforzo incontable mil e unha penalidades, vive nunha casiña pequena no barrio pobrense de San Lázaro. Daquela humilde casiña era a súa familia e alí casou ela tamén. Juana falounos de centos de cousas, presadas de historias humildes e incribles: era como un loureiro cabo dunha corredoira, que vai estrando o chan de follas. Alí as recolliamos nós para gardalas na nosa memoria, e ao secaren, co tempo, cobran prestancia, substancia e sentido: as historias de Juana florecen, polas noites, cando Sole as conta. E deste agasallo de vida de Juana durante o tempo da morte soubemos dunha historia que xa relatei hai tempo en Capítulo Cero.
Juana falounos do Tempo da Fame, que é o nome sincero co que se coñece na costa galega a época que os historiadores definen como posguerra. Por Juana soubemos do tempo escuro, dos tiros nas corredoiras, dos medos e do colapso económico do Barbanza, canda moitos outros sitios, trala Guerra Civil. Nas Rías Baixas había unha fenda social e económica enorme entre os mariñeiros e os labradores, ata o punto de existiren economías de subsistencia distintas en a penas un quilómetro de distancia desde a praia cara o interior. Mentres os labradores gobernáronse na súa economía de subsistencia, as familias mariñeiras víanse en mil vicisitudes e aventuras para tirar para adiante. Lembro unha viaxe épica contada pola miña avoa, na procura de cereal, cara a montaña: unha terra na que vivían os outros, os labradores, de mentalidade máis conservadora e pechada que os mariñeiros -ou iso pensaban eles ao definírense. O marido de Juana tamén andaba ao mar.
Tamén pasou fame.
O home de Juana protagonizou, canda outros desesperados, un episodio que nunca comprendimos ben ata hai pouco.
-Ía buscar o ouro dos Mouros a Vitres -dixo Juana.
Durante un tempo, aquel home partía todos os días, entrada a noite, ata un lugar ignoto na Serra do Barbanza. E como el, moitos dos desherdados e desesperados do sur do Barbanza, mariñeiros sen terra, na procura dun sagrado mineral vinculado, de antigo, á Mourindade deste país. O punto máis recoñecible de toda esa área á que se refería Juana era Vitres.
Os rumores e as lendas de Vitres
Panorama explicativo do Castelo de Vitres
O castelo de Vitres é unha antiquísima fortificación, pendurada sobre unha ancha calzada que vence, desde os vales interiores da comarca, os grandes desniveis das abas da serra para internarse nos chans do Barbanza. Aquel debía ser un camiño desde vello, desde moi antigo, e hoxendía continúa a ser unha espectacular obra de enxeñaría civil para quen o visita. Os galeguistas como López Ferreiro, pero tamén Bouza Brey ou posteriormente, o primeiro profesor de Arqueoloxía ao estilo moderno, Alberto Balil, defenderon as orixes militares romanas de algunhas destas fortalezas. López Ferreiro defendía que naquel niño de aguias sobre a ría de Arousa acollera un destacamento da Legio VI Victrix, a Victoriosa, fundada polo mesmo Octavio Augusto para loitar especificamente na última confrontación contra galaicos, astures e cántabros. No Noroeste de Hispania permaneceron para aseguraren o control do territorio, especialmente os seus recursos produtivos, participar na represión das posibles sublevacións e protección de altos cargos do Imperio.

A Legio VI Victrix participou na construción do Muro de Hadriano, que dividía o territorio picto do britano
Do seu cuartel central en Legio, a lexión moveríase posteriormente ata a fronteira xermana e remataría no norte de Britania, en York, onde se lle perde o rastro xa no século V, converténdose nunha das guarnicións que tecen as lendas do rei Artur e estas historias de lexións perdidas ás que son tan afeccionados os británicos.
A hipótese de que Vitres/Victrix acollera unha fortificación romana abandonouse nos últimos anos, nos que tamén se cuestionaron as orixes romanas da ciclópea calzada que pasa polos pés do castelo. Sóubose de como a calzada fora reparada no século XIX. E sóubose por unha tradición oral contada por Blanca Caamaño como a calzada fora volta a reparar polos presos/escravos republicanos do campo de concentración da Pobra do Caramiñal, nun inverno durísimo, coa auga a escorrer polas canles, o vento a zoar e bater nos seus pulmóns con pulmonía e ósos reumáticos. As trazas da súa reparación pódense apreciar se cadra, nas coviñas pequenas e pouco erosionadas que se atopan canda certa obra de cantería, cabo da calzada, nos tramos máis difíciles e máis sometidos a erosión. Por que os presos repararan esta antiga vía cando, de aquela, xa había estradas aptas para coches e camións que comunicaban, a través de Moimenta, o sur do Barbanza con Noia?
Para algúns, o feito de que a vía fora reparada en datas máis ou menos recentes invalidaba, aparentemente, a súa antigüidade. E o castelo? Sería medieval ou tería esas orixes romanas que lle deron os eruditos do XIX?
O certo é que, arqueoloxicamente, os abundantes materiais en superficie do castelo de Vitres, e mesmo a configuración da fortificación, parécese moito ao que xa estou identificando noutros lugares de Galicia para as fortificacións en altura do século IX ou X, pero sen unha escavación precisa, non é doado de saber. Estamos falando dun solo con moi pouca potencia (pouco profundo) e, polo tanto, no que os elementos anteriores poden non ficar na terra. É difícil saber das orixes desta espectacular fortificación máis alá das lendas populares e das cábalas cultas.
A cuestión é que mesmo investigacións recentes, como as levadas a cabo por Antón Sánchez-Andrade e os seus compañeiros na Facultade de Historia da USC, non dan atopado constatación documental da existencia deste lugar nos albores (nin nos finais) da Idade Media. Pola contra, si atoparon unha interesante mención nunha delimitación da parroquia de Nebra do XVIII, onde o castelo de Vitres ten un nome máis natural para a área: Britte, un nome de suxerente orixe prerromana. Neste documento, o castelo fai fronteira desta parroquia sonense. A cronoloxía de Vitres figura por agora no limbo histórico das Repúblicas de Homes Libres.
Pero a tradición romana seguía aí. E máis cousas. Unha tradición culta, que sitúa alí a localización dunhas moedas romanas que poderían ter sido dadas a Fermín Bouza Brey. E das escavacións máis ou menos furtivas levadas alí nas últimas décadas, e que se poden apreciar, especialmente na zona superior. E tamén é parte da tradición a existencia dunha cova na que se fixo un depósito de machados da Idade de Bronce, alí nas proximidades do castelo. Quédense con este dato. Se cadra estes eran os machados que estiveron expostos durante moito tempo nas vitrinas da veciña Torre de Goiáns. Esa podería ser a cova á que se refiren, seguramente, as tradicións da veciña aldea de Mosquete, onde Vitres continúa a ter a tradición máis viva de todos os antigos lugares do Barbanza. Unha singular concentración de elementos lendarios, de achados que puideron ser ou non, de materiais perdidos, de referencias nebulosas, nun punto accidentado e pouco accesible da serra do Barbanza que ten ao Castelo de Vitres no seu estremo Leste e ao Outeiro dos Corvos no seu estremo Oeste. Hoxe non hai camiños que o atravesen, pero sabemos, hoxe sabémolo, que antes si os había.
O home de Juana ía buscar o ouro dos mouros a Vitres na posguerra. Inevitablemente, cando mo contou, puxen en relación esa actividade coa activísima minería de posguerra no Barbanza, cando a comarca se converteu nun niño de espías, bandoleiros de fortuna, falanxistas reconvertidos e especuladores aristócratas. Pero Juana non me falaba nin do wolfram. Falábame do ouro. Do ouro dos mouros, un ouro, polo tanto, vinculado a un antigo pasado preservado na memoria oral de algún xeito nese lugar.
A educación sentimental

Durante anos, cando eramos adolescentes, a nosa educación sentimental pasou por estas estribacións da serra do Barbanza. Faciamos de pequenos un camiño similar ao que debía facer a diario o home de Juana. Andadndo desde a Pobra do Caramiñal chegamos algunha vez a subir ata Vitres, por esta calzada, varias horas de camiño. Pasabamos polas aldeas das abas da serra, por Montaña e Montañó, onde unha vez nos contaron, como un agasallo perdido no tempo, a lenda da Loba Branca, da muller que mudara en besta e baixaba nas noites pechas a ver os seus fillos na aldea. Nunca máis din apreixado esa historia. Pero sei onde se refuxiaba a loba. Así nolo sinalou unha vella de enormes ollos azuis, marcando o horizonte petrificado ao norte da aldea.
Era a zona do Outeiro dos Corvos. No camiño observabamos ese mundo de outeiros accidentados, o puño pechado da orografía granítica, que se concentraba entre a Portela e o Castelo de Vitres, como unha sucesión de outeiros grises, impenetrables. Mirei moitas veces ese lugar. Ficaba atraído pola súa toponimia, que se me antollaba épica: o Outeiro dos Corvos. Pero nin eu, nin boa parte dos amantes da serra da miña xeración, nos achegamos nunca a eses lugares de orografía accidentada, toxamia impenetrable, excéntricos dos camiños onde criamos que estaba todo na serra: os Chans onde viven os mortos do Neolítico, as estribacións onde penduran as fortalezas, os regatos onde abundan aínda as humildes prantas carnívoras que son a marabilla humilde do Barbanza. Tempo despois marchei da Pobra. E aprendín, por experiencia noutros lugares, que aló onde hai un Outeiro dos Corvos sempre hai algo máis, algo ancestral, que nos remonta a épocas moi concretas do noso pasado: só hai que buscalo.
Hai dous meses, meu irmán faloume de como se achegara ata o Outeiro dos Corvos, no Barbanza, nesa sucesión de outeiros pedregosos que baixan cara o Castelo de Vitres. E como por aqueles lugares, atopara círculos de pedra de antigas cabanas. Por unha pista nova que abriron por un lateral, que permite contemplar toda esta área accidentada (a que ves na fotografía do inicio do post), vímos de lonxe unha depresión, aos pés daquel outeiro. Díxenlle a meu irmán: “temos que volver”. E volvimos ao día seguinte.
E aquí, á sombra do Outeiro dos Corvos, atopámonos coa historia que vos contarei estes días en Capítulo Cero, nesta serie que comeza hoxe. A fascinante historia do Ouro dos Mouros. Unha aventura cultural que, coma todas, chegou de súpeto e no lugar máis insospeitado.
Tras o Ouro dos Mouros editarase na última semana de xullo, todas as noites.
















Carallo!
Ficaremos logo atentos as noites de xullo.
Parabéns Manuel
A seguinte entrega será mañá pola noite. Os problemas de base de datos de onte fixéronme a puñeta coa programación. :-)
Ánimo, imos ser os perfectos lectores de historias «a luz da pantalla».
Fascinante relato, eche un pracer ler as vosas «pesquisas».
Sobre os outeiros dos corvos, totalmente dacordo, en; http://anosahistoria.blogspot.com/2009/05/bran-lug-deuses-celtas-nas-terras-do.html, andabamos na procura da súa historia.
Noraboa Manuel.
Manolo, pillabán, preséntate para Presidente, que ti si sabes «manexar os tempos» ;).
Agardamos a nova serie.
PD: O das diferencias entre mariñeiros e labregos dábase mesmo dentro das vilas. A miña nai sempre conta que, nos Anos da Fame, eles non pasaran a fame doutras familias na vila porque o meu avó era canteiro e labrego (daquela a maioría dos mariñeiros non tiñan terras, cousa que logo cambiou, escarmentados), polo que sempre había algo na casa, inda que fora pouco.
Van ser só 3 ou 4 entregas, pero a estensión era tan grande que era materialmente imposible facelo en post. Hoxe a nova entrega sairá algo tarde, posiblemente contra media noite. :-)
Gonzo, o dos Outeiros dos Corvos é case unha regla matemática para cousas vinculadas á Idade do Ferro e derivados…
Pancho, é que na Pobra teño escoitado unha gran definición destas diferencias, verbalizadas por un vello moi culto: a Fame Neghra (fame total) e a Fame Ghris (fame na que faltan determinados alimentos).
Olvidouse dos anfibios….