A Pedra do Destino e o río dos relatos

Last updated on 15 / Xullo/ 2011

Hai uns días, peneirando a rede, topeime cunha destas xoias que te fan ficar pampo. Trátase dun texto moi específico, un cronicón histórico dos que eran tan habituais na Galicia dos séculos XVI ao XVIII. Desta volta, este texto, do ano 1722, fora escrito en Compostela por un franciscano, Xacobe de Castro. Chámase (resumo) Árbol Cronológico de la Santa Provincia de Santiago, e é unha historia das vicisitudes da orde franciscana nas terras galegas desde, máis ou menos, a visita de San Francisco a Compostela. Estamos, xa que logo, falando dun texto moi anterior ao Rexurdimento do XIX, onde Murguía e outros intelectuais comezaron a construír unha identidade celta e atlántica para o pasado galego. A Murguía e a outros, lembraredes, sempre se lles criticou que botaran man de textos irlandeses coma o Libro das Invasións para ‘construír’ a súa visión do pasado, o mito de Breogán e a conquista de Irlanda. Esta xente, segundo esta visión, ‘fabricaría’ o pasado celta de Galicia tomando textos foráneos, xa que en Galicia non hai tradición.

Pero vai aquí que leo con sorpresa o primeiro capítulo do Libro Segundo desta Árbore Cronolóxica que escribiu Xacobe de Castro. Titúlase Provincia de Irlanda, hija de la de Santiago, e alude a como os franciscanos galegos foron os primeiros introdutores da orde mendicante en Irlanda. Pero a sorpresa chega cando para explicar as relacións entre Galicia, Irlanda e Escocia, Xacobe de Castro bota man dun antigo mundo mítico, un mundo mítico moi similar ao que se atopa nesoutros países. O franciscano remóntase aos tempos do rei Gatelo, chegado de Exipto a Galicia, á cidade da Coruña, onde “sentou este príncipe o trono do seu reino”. E a sorpresa vén aquí. Na Coruña, Gatelo non parou quieto. A parte de ter coa Raíña Escota a Hybero e a Hemeco, decidiu crear algo máxico que o fixera forte no poder:

“Para facerse máis temido e máis respectuoso o seu Solio, fíxose cunha pedra de estraña corpulencia. Dicía que aquela pedra estaba fadada polos Deuses, que dela dependía a conservación da súa Coroa, e de cantas desexasen semellante fortuna. Con este motivo, deulla ao seu fillo Hybero, cando pasou este cos de Galicia a poblar aquelas illas, a quen puxo o seu nome: Hyberia ou Hybernia, e Escocia, en obsequido de Escocia e a súa nai. Desde Galicia, e porto de Santiago, saíron os primeiros Colonos daquel Reino…”.

A lenda, fascinante, estaba falando de que en Galicia fora creada a Pedra do Destino. Se no me cres, aquí podes ler o texto.

A Pedra do Destino é o obxecto máis mítico das monarquías das Illas Británicas. Os reis escoceses coróanse sobre esa pedra desde o século IX. A Pedra, levada posteriormente polos monarcas ingleses á Abadía de Westminster cando se fixeron co trono escocés, viviu 800 anos baixo o trono da Coroación, que ilustra o inicio deste post. Hoxe, a pedra, de enorme valor simbólico para os escoceses, está emprestada no Castelo de Edimburgo, custodiada polo Exército británico, e alí foi onde a vin eu abraiado, canda as xoias da coroa escocesa. Volverá a Londres para a coroación do seguinte rei británico. Ese valor simbólico tremendo da Pedra do Destino fíxoa destino de accións de reivindicación. No ano 1950 un grupo de estudantes nacionalistas de Glasgow conseguiron roubar de Westminster a Pedra do Destino e levárona de volta a Escocia. A súa historia cóntase nunha entretida película recente, Stone of Destiny, que só se proxectou en salas de Escocia pero que non é difícil conseguir. Eis o trailer:

Hai un detalle moi curioso e significativo da historia da Pedra do Destino que nos conta Xacobe de Castro. Os irmáns levaron desde Galicia a Irlanda e Escocia unha única pedra marcada polos Deuses. As lendas contan que a pedra foi traída a Escocia polos Dál Riata Gaels, un misterioso pobo irlandés que mantivo terras no Leste de Irlanda e na zona occidental de Escocia. Todo un símbolo de unidade alén dos mares.

Ao lermos a historia que conta Xacobe de Castro en 1722 un descubre o Río dos Relatos. Ese universo, ás veces subterráneo, ás veces superficial, no que as historias e as lendas van bebendo das outras. A cerna do celtismo de Murguía e os outros intelectuais da época non tiñan que ir procurala alén dos mares, en nacións que vivían procesos máis acusados de recuperación nacional. O fascinante é que o Río dos Relatos meandraba ao longo deste país, en innumerables ocasións, en lugares e en textos. Murguía sabíao ben, e bebeu nel en moitas ocasións. Poderemos darlle mil voltas ao asunto. Poderemos dicir que a Xacobe de Castro lle trouxeron un libro de non sei onde e non sei que, pero están errados. Xacobe de Castro bebe nunha antiga tradición mítica que por veces afloraba cristalina, unha tradición culta conservada durante séculos. Poderemos discutir, obviamente, canto hai de verdade nestes antigos relatos, pero non a súa xenea galega ou atlántica, por moi incómoda que lles resulte a algúns.

Se algún día van á fermosa cidade de Edimburgo (onde lles recomendo moito non só percorrela de día, senón tamén de noite), visiten o Castelo. E cando estean diante da Pedra do Destino, e se mergullen na súa incrible mitoloxía, recorden que, aínda que non o leredes nos libros de Historia galega, nin volo contarán os nosos fabuladores contemporáneos, os relatos tan antigos coma o mundo contan que os deuses labrárona en Galicia. E durante moitos séculos así se soubo e se contou.

Ata que nos entrou a tontería, claro.

Anexos

Coma sempre, para que vexades que non me tiro da moto, aquí van os textos dos que falo.

19 Comments

  1. Giannini
    11 / Xullo/ 2011

    A orixe na Coruña do pedrolo, xuraría que o lin nun manuscrito do s. XVII que teño fotocopiado e se conserva na sección de mss. da Biblioteca Nacional (podo buscar a referencia se lle interesa a alguén). Nel chégase a afinar de tal xeito que non so se di que o pedrolo saiu da Coruña, senón en concreto do monte San Pedro.

  2. pim
    11 / Xullo/ 2011

    Xusto estiven fai pouco buscando sobre este tema, que cousas… Nun deles relacionaba a esta pedra, ca tumba do apostolo, xa que tamen lle chaman a almofada de jacob, e o que se atopou en santiago non era o corpo do apostolo se non a tumba do apostolo, polo tanto a pedra…

  3. 11 / Xullo/ 2011

    O da pedra é curioso porque ten unha constitución xeolóxica de arenisca vermella. É dicir, unha pedra que hai en poucos sitios. Haina en Inglaterra, haina en Irlanda…e aínda que non son experto en xeoloxía, creo que en Galicia tamén a hai. :-)

    Tamén hai que ter en conta que a propia veracidade da pedra é parte da Historia. Hai quen di que a Pedra actual é un engano, e que os monxes de Scone agacharon a verdadeira noutro sitio. :-)

    Como digo, con independencia da veracidade ou non da historia -non podemos analizar unha lenda cos criterios da Historia, senón cos de lenda- o río de relatos ao redor da Pedra do Destino é divertidísimo.

  4. 11 / Xullo/ 2011

    Tanto tem. Seguirám a dizer (a dizer-nos) com a prepotência burlona de sempre que o “celtismo” é todo um invento de quatro “drogatas” do Resurgimento, e seguirám a confundir o toucinho com a velocidade e o discurso histórico com o imaginário mítico. E nós, mentres tanto, seguiremos a nos fascinar e a admirar o grandes e luminosos que poderíamos ser.

  5. Xosé
    11 / Xullo/ 2011

    Parabéns, unha vez máis.
    Relacionado con isto, hai un libriño escolar do 1976, de Juan Martinez Villar (que foi cronista da Coruña) que está na liña do que aquí se conta, di así: “Foi neste tempo, cando Gathol, rei de Escocia, entróu en Brigantia, roubou a Pedra do Destino e levóuna pra Irlanda, nove séculos antes do nacimento de Cristo”.

  6. o reino da abella
    11 / Xullo/ 2011

    Moi bonito, pero como vos gosta mirar cara Irlanda e as Illas Británicas, no libro tamén se fala da provincia de Portugal e de Marrocos como fillas da provincia de Santiago. Arriba o poder norteafricano. Galicia norteafricana.

  7. 11 / Xullo/ 2011

    Reino da Abella, creo que o libro -agás que eu non vira algunha parte-, como dixen ao principio, trata sobre as vicisitudes da Orde Franciscana en Galicia. Creo que te refires a que o libro conta que franciscanos galegos foron predicar a Portugal ou foron nomeados bispos de Marrocos. A min particularmente, para esta historia que conto, onde foran predicar os franciscanos e montar conventos dáme bastante igual, sexa Portugal, Marrocos ou Irlanda. Estou traballando coas lendas de épocas anteriores que se recollen no libro.

  8. Luis
    11 / Xullo/ 2011

    De todos modos, a historia non deixa de ser unha importación. Non se trata de lendas populares o dunha mitoloxía propia, senon dos relatos chegados desde o século XVII, da man dos irlandeses fuxidos da illa. Cando De Castro escribe o seu libro, os relatos probablemente levaban circulando un século por estas terras. Pero -insisto- non deixaba de ser unha importación por parte de determinados sectores cultos.
    Que Murguía bebera das fontes galegas século e pico anteriores, ou botara man da tradución contemporánea ao francés do “Libro das Invasións”… non sei, a verdade. Pereira González, nos últimos números de Gallaecia, publicou varios artigos sobre o tema.

  9. 11 / Xullo/ 2011

    Non, Luis, estas historias están desde antes. Simplemente un caso rápido, que é a crónica de Florián de Ocampo, do século XVI, un século antes do qeu ti dis, e na que mesmo el fai referencia a textos anteriores e hai algunha curiosa anécdota.

    Aquí pódese consultar en contexto. Podemos ir máis atrás, incluso, nas referencias, tendo un pouco de tempo. Por iso falo eu dun río de relatos: agroman de cando en vez no medio do tempo. Estas lendas estaban aquí, proceden dunha tradición que ten regatos na illa de Trezenzonio, na Primera Cronica General de Alfonso X, etc…

    Ollo, eu falo de Lendas, non de Historia. No caso proposto agora, Ocampo e Annio de Viterbo escriben mitoloxías. Vístenas de Historia pero son mitoloxías. Pero é de mitoloxías, de argumentos e de relatos do que estamos falando aquí.

    A min o que me marabilla é a teima en non pensar que aquí puidesemos ter estas historias e a teima en discriminar información e datos. O interesante dos estudos culturais é poñer todo sobre a mesa. Soa tan raro a existencia deste tipo de tradicións? Tamén habería que pensar na incidencia real dos irlandeses emigrados para conseguir impoñer o seu relato da Historia, mesmo a textos anteriores…

    E por certo, unha curiosidade. A que poboación e illa irlandesa se referirá Florián de Ocampo? Esa “Catafurda”?

  10. Luis
    11 / Xullo/ 2011

    Entendo que “la tal isla” é a propia illa de Irlanda. Sobre a vila… “Catafurda” semella unha castellanización dun topónimo de tipo Cadford ou Catford

  11. o reino da abella
    11 / Xullo/ 2011

    Perdoa polo tono impertinente, gustame ler o teu blog, e é marabilloso investigar con San Google, e atopar estas cousas en moi pouco tempo e con pouco esforzo. A verdade e que google books pon moita información de libros antigos e sen dereitos a golpe de click. E é marabilloso. Ahora entendo o de facer un google específico para o sector farmacéutico.

  12. Gallaecian Mist
    11 / Xullo/ 2011

    Nom temos que esquecer o “Trezenzonii de Solistitionis Insula Magna”, que ainda sendo do século XI tenho escuitado que poderia ser mesmo anterior, e o paralelismo entre esta e a lenda de Sam Amaro e as semelhanzas destas com o Leabhar Gabala (sempre o escoitei pronunciado por gaelófonos nalgo así coma “LeVar Gouila”). Nom esquezamos tampouco que há umha outra Lia Fail em Irlanda, e que está ainda em Tara (perto de Dublin). Outra pedra do destino irlandesa ficou empotrada na ameia do castelo de Blarney. Hoje podemos beijar a pedra ao formular um desejo mas esta é de diábase ou dolerito http://www.hauntedamericatours.com/ghosts/Banshees/BlarneyStone.php .

    O tema é muito emotivo para as gentes das ilhas, de facto há uns 10 anos para conmemorar o 400 aniversário da batalha de Kinsale, erguerom este monumento á luita pola soberania irlandessa com pedras trazidas das 4 provincias de Irlanda http://2.bp.blogspot.com/_0XmWqOlFpcs/TEceesjm4YI/AAAAAAAAHis/PicVuuqVkG8/s1600/11+chair+monument.JPG . Naqueles meses de desembarcos e liortas previas à batalha de Kinsale destacou entre os galegos um outro Ocampo, Alonso de Ocampo, quem desembarcou em Baltimore, ainda que tambem tenho escuitado que foi em Castletownshend. Acho que é muito provavel a que quando menos desde finais do século XVI quando Frei Martin de Oviedo, bispo de Dublin e guardiam de Sam Martinho Pinário (ou muito me equivoco ou temos outra vez aos franciscanos) e vinham por aqui irlandeses a preparar a revolta, ja se falava em Galiza do parentesco “mitico” e de lendas semelhantes à da Pedra do Destino. Logo disso viu o colegio de irlandeses de Compostela fundado por jesuitas onde é provável que também falaram algumha vez do “parentesco”. No libro “Historia da Universidade de Santiago de Compostela.Volume I. Das orixes ó século XIX” o ex presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro tratou este tema, ainda que nom tive ainda ocasiom de botar-lhe umha olhada.

  13. 12 / Xullo/ 2011

    Gallaecian, o bo do Díaz y Díaz falaba da historia de Trezenzonio como altomedieval. Desde logo o seu mundo é antiquísimo. Un día haberá que falar dela por aquí.

  14. Luis
    12 / Xullo/ 2011

    O relato de Trezenzonio é, en efecto, moi semellante ao de Bran Mac Febal (o cal probablemente foi cristianizado na lenda de San Brendan). A historia de Bran é moi suxerente, incluida a presenza da versión gaélica de Avalón.
    Sen embargo, este relato é un “immrama”. Que eu saiba, non está incluido no “Libro das Invasións”.

    Por certo, espero que se me perdoe o excurso “friki”: cada vez que oía falar de Trezenzonio, Bran ou Brendan, víñame á cabeza unha historia semellante que oíra -moitos anos atrás- nos debuxos animados de “Arale” (xa avisei que era un excurso friki)
    Fai algún tempo, linkando pola wikipedia adiante, atopeime con que, en efecto, na mitoloxía xaponesa hai unha historia moi parecida.
    http://es.wikipedia.org/wiki/Urashima_Tar%C5%8D

  15. Gallaecian Mist
    12 / Xullo/ 2011

    Manuel, ja vai tempo que um bom amigo betanceiro falou-me do tal Díaz y Díaz a conto da minha teima com isto. Se mal nom lembro foi a primeira pessoa que me falou do Trezenzonio, mas ainda tenho pendente (como tantas outras cousas) ler algo deste historiador e muito particularmente “Visiones del Más Allá en Galicia durante la ALTA EDAD MEDIA”, é um livro que tenho visto referenciado mais dumha vez.

    Luis, lembro ter lido algo de mitologia nipona anos atrás e sorprendera-me do paralelismo entre as lendas de immram e santos navigantes galegos com estas doutro lado do mundo. De facto os navegantes passam 300 anos fóra durante as suas viagens, justo o mesmo que por aqui. Vejo que na ligaçom que nos dás aconteze o mesmo. A ver se atopo aqueles contos e podo aportar algo mais.

    Nom sei se me expliquei bem anteriormente mas eu tampouco atopei immramas no Livro das Invasons. Mas semalha que os immrama inspiran-se nas lendas pagáns previas a critianizaçom das fisterras atlánticas, e os monges sucedem aos heroes pagáns nas mesmas lendas ou com contidos semelhantes. Aí chegamos ao ponto de deducir se o de Trezenzonio é umha re-interpretaçom dumha lenda galega e se chegado o caso há umha lenda partilhada entre Galiza e Irlanda desde a a antigüidade ou desde algum outro momento dos ultimos 1000 anos.

    Nom sei que opinades vós, ao melhor estou-me a tirar um pouco da moto :-)

  16. Ricardo
    12 / Xullo/ 2011

    COMPETITIVIDADE E GLOBALIZACIÓN

    China, a Gran Potencia Competitiva, basa o seu modelo de desarrollo na abundancia dunha man de obra mal pagada onde millóns de persoas traballan en condicións próximas ás da escravitude e o traballo infantil segue sendo unha realidade

  17. pereira
    23 / Agosto/ 2011

    Ola,

    Levo investigando dende hai tempo a historiografía galega dos séculos XVII-XVIII e a lenda de Gatelo, e podo dicir que esta é unha importación allea da que temos constancia por primeira vez nas nosas historias a comezos do século XVII. Efectivamente, a lenda de Gatelo é de orixe irlandesa e trátase dunha versión algo diferente do relato sobre as orixes dos gaélicos; de feito o nome de Gatelo (ou Gathelus, Gaithelus, etc.) non é máis ca variante latinizada do de Gaidheal (Goidel, Goidelus, Gotelo, Gatelo), é dicir, o devanceiro epónimo dos gaélicos ou goidelos. A lenda pasou a Escocia cos colonos irlandeses de Dál Riata e alí desenvolveuse até chegar a ser durante a Idade Media a explicación máis aceptada da orixe do reino escocés. O seu principal popularizador foi Hector Boece no século XVI. A historia de Gatelo recolleuna despois o xesuíta español Juan de Pineda na súa “Monarchia Eclesiástica” [1588] e a a partir de aí integrouse na historiografia galega, onde foi popular durante todo o século XVII, aínda que no XVIII entrou en devalo.
    Por certo, a lenda de Gatelo neses séculos non ten nada que ver co celtismo: Gatelo é un príncipe grego e a súa xente unha mestura de gregos e de exípcios, non celtas. O dos celtas xa é outra historia…
    Para a xente interesada, os meus artigos sobre o tema pódense consultar en Dialnet. Eis o link:
    http://dialnet.unirioja.es/servlet/autor?codigo=81732

  18. pereira
    23 / Agosto/ 2011

    A Catafurda de Florián de Ocampo semella ser Waterford, un importante porto no sueste de Irlanda. Aínda que na “Coronica General de España” Ocampo falou en varias ocasións das relacións entre Éire e o norte da península ibérica, Galiza incluída, nunca fixo mención da lenda de Gatelo, pero si da do rei Brigo, inventada no século XV polo monxe italiano Giovanni Nanni, máis coñecido por Annio de Viterbo. Ese Brigo pasou despois tamén á historiografía galega do XVII, onde se considerou un dos antigos reis da Galiza e o fundador de Brigantia/Betanzos. E ás veces tamén se puxo en relación co paso dos galegos a Irlanda, seguindo as informacións achegadas por Annio.
    Por outra banda, o papel do Colexio dos Irlandeses existente en Compostela dende comezos do XVII na popularización da lenda de Gatelo, ou na suposta introdución da lenda de Breogán (como mantiveron Murguía e Barreiro Fernández), non está nada claro. Aqueles que falaron de Gatelo nos séculos XVII e XVIII fixéronno a partir dos relatos transmitidos por Juan de Pineda e Hector Boece, incluídos dous autores que sabemos foron profesores no devandito Colexio: Benito Vázquez e Juan Álvarez Soutelo. E de Breogán non dixeron nin unha palabra. Seguramente os irlandeses que asistían ao Colexio coñecían as lendas nas que se falaba da procedencia hispánica dos gaélicos e comentáronnas cos seus mestres. Por exemplo, Álvarez Soutelo di expresamente que entre galegos e irlandeses hai moitas semellanzas (segundo a confesión dos propios naturais da illa); pero á hora de relatar as relacións históricas entre eles optou por seguir a lenda de Gatelo consonte a súa versión escocesa (Boece). Tamén Vázquez, para demostrar as relacións entre Galiza e Irlanda, seguiu a Boece no referido a Gatelo, e ao dublinés Richard Stanihurst (por certo, un autor anglo-irlandés moi mal considerado entre os irlandeses de ascendencia gaélica).
    O que si está claro é que durante a segunda metade do século XVI e todo o XVII, os irlandeses estiveron moi interesados en salientar os vencellos históricos cos hispanos, ás veces por medio da lenda de Breogán. Sabemos que unhas das primeiras cousas que fixo o xefe gaélico Aodh Ruadh O’Domhnaill (Hugh O’Donnell) ao chegar á Coruña en 1602 logo da derrota de Kinsale foi visitar a Torre de Hércules, que el coidaba ser a Tur Breogain… A fin de contas, a coroa española era a principal aliada dos irlandeses contra os ingleses; e ademais os exiliados irlandeses na península adoitaron gabarse da súa ascendencia hispánica para poder recibiren un trato privilexiado na Corte (grazas a iso non foron considerados estranxeiros, senón “naturais”). Curiosamente, a lenda de Breogán tivo moi pouco eco nas obras españolas desa época e ningún nas galegas até o século XIX.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *