O Curro da Parra: un novo gastrobar para as ruelas de Compostela

Last updated on 11 / Xullo/ 2011


Sergio Arias e Adrián Comesaña, propietarios do Curro da Parra. Fotos: Sole

Que un pequeno e noviño restaurante, que a penas leva meses aberto, estea de número un na estensa lista de restaurantes composteláns que aparece na rede social Trip Advisor dá moito que pensar. Que todos os xoves e os venres, o minúsculo localciño estea petado de compostelanitas xa é unha referencia. E gañar a convocatoria deste ano do Santiago (é)Tapas cunha magnífica etapa, un elegante Bloody Mary made in Galicia, xa é unha suma de datos que obrigan a prestar atención á rápida progresión do Curro da Parra desde o seu arrinque. Sito na recóndita rúa Travesa (ao carón do Belgo, o dos mexilóns) da Cidade Vella compostelana, o Curro da Parra [T: 981 55 60 59 / localización], é un gastrobar que se nutre do veciño mercado de abastos de Santiago para o seu menú diario.

O local está promovido por Adrián Comesaña e Sergio Arias. Teñen unha historia curiosa. Ambos os dous estaban en Londres e Arias chegou ao local no que traballaba Comesaña a pedir traballo en inglés. Cando lle escoitou o acento, Adrián xa lle dixo: “ti quedas aquí”. E desde entón, ambos os dous traballaron xuntos ata retornar e montar este coqueto local entre o restaurante e o gastrobar informal, cunha cociña á vista perfectamente integrada no escenario. O pequeno comedor superior ten un punto moi interesante. É unha pequena biblioteca con cheminea, e a penas unhas mesiñas onde se serve un menú moi ao xeito confort food, con platos resultóns que procuran convencer e agradar. A biblioteca, por suposto, está para examinarse, consultarse e lerse no local.


Croquetas cremosas de xamón ibérico


Ensalada caprese á galega


Arroz negro de chipirón e langostinos


Ravioli de rabo de vaca vella

Como vedes, estilo coidado e sinxelo para uns pratos ben efectivos. Entre os pratos que probamos, o arroz negro con langostinos e chipiróns estaba ben interesante, cun aceite afumado que contribúe a realzar os sabores, pero o pratazo do local, ao meu ver, son eses ravioli de rabo de vaca. Carne desosada en pasta oriental nun guiso delicioso do propio animal. Adrián comentounos que era un prato que se servía pouco, se cadra, penso eu, pola prevención que teñen moitos galegos ao rabo de vaca. Pero sen dúbida é o mellor prato do local, unha auténtica larpeirada de guisote.


Torrada caramelizada con xeado de limón


Brownie de chocolate de abelá, escuma de café

Os postres son tamén un capítulo interesante. Hai que destacar, pola lixeireza e frescura, esa torrada con xeado de limón, que é autenticamente pecaminosa.

O resultado é un espazo moi acolledor, cunha cociña resultona, directa, sen complicacións, que remata por ser moi persoal e propia deste local, na que hai abundantes chiscadelas á interacción entre os produtos galegos e receitas coñecidas internacionais; técnica académica na execución, cociña agradable. Un concepto moi ben resolto de local que está funcionando con gran resposta de público.

Por eses pratos e unhas cañas, pagamos 30 euros por cabeza. Pero de luns a venres, ás mediodías, sérvese tamén un menú a 11 euros. A carta de viños do Curro da Parra, que outorga preferencia aos caldos galegos, é ponderada e con prezos moderados.

Compostela está a converterse, cada vez máis, nun espazo para pequenos proxectos gastronómicos modernos e con moita personalidade. É unha ledicia ver que resultan e tiran para arriba.

5 Comments

  1. Pep
    6 / Xullo/ 2011

    ¿A qué hora se cena entonces?

  2. 8 / Xullo/ 2011

    O Belgo xa non é O Belgo, cambiou de donos, nome e non sei se segua a haber mexilóns ;) Eu tamén teño pendente unha visita :)

  3. Gonzalo
    12 / Xaneiro/ 2012

    Disfruto con teu blog e co que vas descubrindo. cando teño ganas de facer un agasallo gatronómico visito as túas páxinas busco lugar e de cabeza.Ainda non tiven ningunha queixa do recomendado o sábado 8 de xaneiro visitei este restaurant marabilloso

  4. 13 / Xaneiro/ 2012

    Moitas grazas, Gonzalo, alégrome moito. Como en moitos sitios, falo de poucos, pero dos que falo son os que me gustan de corazón.

  5. Bruss
    13 / Xaneiro/ 2012

    Como dí ifrit, o Belgo xa non é Belgo como tal. Pero tereí que provar ese ravioli de rabo de vaca. Grazas polo post.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará