Cociñando ao pé da letra: dentro dos fogóns dos escritores

Yolanda Castaño:
“Durante catro meses, polo verán de 2009, Andrea Costas e mais eu tivemos a fortuna de sermos recibidas nos fogares destes 21 escritores e escritoras galegos. Abríronnos de par en par os seus espazos propios, convidáronnos xenerosos a sentármonos ás súas mesas”.
Así explica Yolanda Castaño o proceso de traballo do novo lanzamento de Galaxia Cociñando ao pé da letra, que me remitiu a editorial. Non é exactamente un receitario, no sentido estrito, senón un libro de literatura abeirada á gastronomía, con acenos de libro social e de agasallo para ter nesas bibliotecas das cociñas (sempre que entro nunha casa nova vou procurarlle antes a biblioteca da cociña que a do salón ou o despacho), nas que hai auténticas xoias. Agora, canda os libros italianos de Jamie Oliver ou de Anthony Bourdain, xa hai un destes libros en lingua galega: con coidado formato, boa fotografía e enfoque gastronómico humorístico, e certa inclasificación (de feito, no web de Galaxia figura como «Libro singular e fóra de colección). Iso indica a novidade duns formatos editoriais gastronómicos habituais en inglés, francés, castelán ou alemán pero que aínda non apareceran demasiado en Galicia.
Coordinado por Yolanda Castaño e con fotografías de Andrea Costas, o libro métese nas cociñas de 21 homes e mulleres das letras en lingua galega, para pedirlles unha receita explicada literariamente. Hainas mellores e peores, claro, pero hai que ver a Fina Casalderrei, toda unha experta, facendo unha boa empanada de millo de croques, a don Xavier Castro preparando un bacallau electoral (sic) baixo o seu querido emparrado do Morrazo, Xavier Rodríguez Baixeras cociñando un interesante bonito ao forno con ‘caponata’ (toque siciliano) no seu pazo familiar da Mariña ou o suculento coello ao xeito de Isolina (así chamado por ser criado por Isolina de Mosende), acompañado por mazás tabardillas do avó Feliciano de Mosende e regado cun bo vaso de viño branco de Emilio de Mosende que propón Marga do Val.
É unha ledicia poder ver un libro en galego así, que vén confirmando a lenta liberación de prexuízos da cultura galega ao redor dunha cerna tan básica da nosa identidade como é a gastronomía e -agardemos- inaugure unha nova etapa no coidado dos libros gastronómicos en Galicia, ata agora restrinxidos a receitarios máis ou menos conservadores. Como podemos ver en Cociñando ao pé da letra, a gastronomía é moito máis que iso. A gastronomía é a vida, nin máis nin menos.
Aquí vai un making of:















