…e outra Santa Mariña máis: a Pedra da Pía de Esteiro

Last updated on 3 / Xuño/ 2011

De verdade que con Santa Mariña pasa algo ben raro. Sempre que esta santa é a titular dunha parroquia galega, hai algo raro polas súas inmediacións. En concreto, coas zonas excéntricas ao espazo no que está a igrexa. Este é o caso da Pedra da Pía, en Santa Mariña de Esteiro (Muros). Hoxe tiven a sorte de que Elixio Vieites me amosara esta nova localización (que creo que non está no catálogo do concello de Muros) que os interesados na arqueoloxía e na relixiosidade popular xulgarán do máximo interese.

Esta pedra tan espectacular e inusual [localización] atópase no camiño tradicional de subida ao Pedregal de Esteiro, que se estende sobre e no propio monte da Pedra do Cadro. A relación entre a pedra e este camiño tradicional é, ao meu ver, clave para comprender este espazo. Aquí podes ver o lugar e a conexión entre pedra e camiño:

A pedra -que é enorme no seu desenvolvemento, e se estende ladeira abaixo bastantes metros- está orientada cara o NE e aparentemente non apunta cara ningún sitio importante, aínda que ocupa a posición máis elevada dun complexo sistema rochoso e controla todo o val do río Maior, que pecha polo norte o espectacular castelo altomedieval (e posible refuxio civil) do que temos falado aquí.


Detalle do panel central da Pedra da Pía

O máis chamativo, con todo, é en certo xeito o “programa” de representacións que xunta nun único espazo. A pía central, intervida e usada durante moito tempo, está acompañada de toda unha serie de motivos ben intrigantes, que van máis alá dos tradicionais cruciformes de “termo” ou de santificación dun espazo que vemos con frecuencia nas serras galegas. Na zona inferior, como vedes, aparece un grupo de coviñas cunha pinta antiquísima pola súa disposición. Sobre a pía, observamos gravadas un conxunto de cruces de varios formatos distintos, e tamén percibimos uns alfabetiformes. En concreto, unha M que tamén se repite na zona superior da pedra (Mariña?), acompañado doutro trazo que non puidemos interpretar. Pero o interesante é que un conxunto de covas vai rodeando todo o panel central e delimitando a superficie de representación, complementado na zona superior dereita cun suco que vincula as coviñas entre si.

Que raios é isto? A cuestión é que aínda non o sabemos. Ata agora Elixio non puido obter tradición oral sobre os usos desta pedra, que eu estou convencido que deberon ser moi habituais ao longo de moitos séculos. Pedra de termo entre parroquias ou coutos? Ten toda a pinta. Pero, que é máis? Que función relixiosa tiña isto? Desde aquí pedimos colaboración por ver se tentamos obter memoria dos usos deste lugar antes de que desapareza. Chegaba ata aquí algunha procesión de Santa Mariña? Foi empregado como altar católico de “campaña”?

A miña percepción é que estamos ante unha pedra de usos moi antigos que foi cristianizada (e recristianizada) durante moito tempo… Se cadra nos remontemos ao mundo da Idade do Ferro ou máis aló, pero nos falta aínda por comprender bastante o contexto e o folclore aquí é clave, ten que existir folclore, raio. Un elemento importante é que o espectacular conxunto de batolitos que se atopa baixo a pedra está inzado de covas, abrigos e labirínticas pasaxes que puidesen ser, nalgún momento, un suxestivo espazo mítico que esta Pedra da Pía debera de algún xeito consagrar ou conxurar. A existencia nas proximidades dun misterioso río subterráneo que descende cara o río Maior (atención, Clube Espeleolóxico Maúxo, xa preguntei para que nolo localizaran) tamén é tremendamente suxestivo.

Choutamos entre abrigos, túneles, pasaxes. Ás veces a luz e a erosión nas covas xóganos algunha mala pasada, como este falso amigo que nos deu unha volta ao corazón cando o vimos nun abrigo:

Unha ollada detida fíxonos ver que era un caprichoso xeito de erosión da rocha, pero durante dous segundos tivemos os ollos máis abertos que pelotas de tenis.

14 Comments

  1. 30 / Maio/ 2011

    É certamente moi rara a pedra que nos presentas, mañá teño un examen e despois tentarei botar unha ollada ao Die Schriften der römischen Feldmesser: Gromatici veteres, pois penso que é un petroglifo de termo, sobre todo polo topónimo Cuadro, que significa precisamente termo, e polo M, que indica límites polas fontes que terían que estar cerca, a dereita e esquerda.
    Saúdos.

  2. 30 / Maio/ 2011

    Ollo, que a pedra do Cadro queda bastante máis para arriba, noutro monte. Esta pode ser termo, efectivamente, pero está noutro lado. Hai que comprobar o límite parroquial.

  3. vero
    30 / Maio/ 2011

    Manuel… porque dis que sempre que aparece esta santa pasan cousas raras? gustaríame ler mais sobre isto pois tócame ben de cerca….

    graciñas!

  4. 30 / Maio/ 2011

    Umha perguntinha que vos queria fazer, a respeito precisamente do orónimo “Pena do Cadro”. Quando figem a tese de doutoramento, sobre a toponímia da documentaçom do Tombo de Tojos Outos, apareciam-me referências a um “monte Quadro”:

    – “ecclesia Sancti Iuliani de Beua que est sita in territorio Celtiberorum, discurrente ribulo Issa,sub monte Quadro […]” Refere-se à freguesia de Sam Giám de Beva (Maçaricos) e ao território de Céltigos, tam paveramente latinizado como Celtiberorum. O “ribulo Issa” eu cavilo que seria o rio Beva, afluente do Jalhas.

    – “alio loco ubi dicitur Bornalio subtus monte Quadro, discurrente ribulo Boual”, onde Bornalio é o actual Bornalhe e o “ribulo Boual” deve ser o rio Abelheira.

    A minha pergunta é se pensais que, geograficamente, este “monte Quadro” pode ser essa “Pena do Quadro”. Eu espero que sim! :-)

  5. 31 / Maio/ 2011

    Ten toda a pinta, Ulmo, pero o que pasa é que a Pedra do Cadro fica ben máis ao sur desa parroquia…as distancias non me casan moito.

    Vero, busca aquí en Capítulo Cero “santa mariña” a ver cantas cousas saen. :-)

  6. 31 / Maio/ 2011

    Cághina! Com o bem que me vinha que a Pena do Quadro e o “monte Quadro” fossem o mesmo… Gracinhas de todos os jeitos! :-)

  7. 1 / Xuño/ 2011

    Dice uno de los agrimensores antiguos: si se encuentra un “terminus subcavus”, es decir, que en uno de sus lados se ha excavado una forma a modo de escudo o hemiesférica, significa que el límite se continúa por tres monticellos (¿mámoas / montes?), y que en el tercero de ellos se encontrará un arca (¿cisterna / dolmen?) junto a un lavacrum (¿sepulcro / baño?). Dicha arca será el quadrifinium, donde se juntan cuatro límites territoriales.
    A lo mejor el límite iba de esta Pedra da Pía a Pedra do Cadro.
    Sobre la M grabada por lo visto podía significar muchas cosas: mensura, maximum, maiorem, minus; que el término siguiente está a 3.500 pies; que en sus inmediaciones se encuentran otros “signa finalia”; la inicial del nombre del territorio, etc.
    Ulmo, estuve mirando en el SIGPAC y en Beba tienes otra Pedra do Cadro :)

  8. Tono
    8 / Xuño/ 2011

    A respecto da pregunta de Ulmo, eu creo que o monte Quadro de “…Bornalio subtus monte Quadro…” si pode ser esta Pedra do Cadro, non? Efectivamente o lugar de Bornalle queda debaixo da Pedra do Cadro e parte da ladeira norte sobre a que se sitúa a pedra pertence á parroquia de Abelleira,da que forma parte Bornalle

  9. 8 / Xuño/ 2011

    Gracinhas Tono! Acabas de dar-me umha pequena alegria! ;-)

  10. Anónimo
    8 / Xuño/ 2011

    Impresionante! Magago alucino sempre cas cousas cas que amosas!.

    Mira vas ter que pasarte por Laracha,que o outro día faláronnos da “Pedra Cerdeira” un gran penedo en viseira, que “seica” ten unhas letras “pero non son en español, semellan do tempo dos romanos” e esta si que é limítrife.

    Na miña parroquia vou ter que buscar a ver se hai algo semellante, pois tamén está dedicada a esta santa.

  11. Elixio Vieites
    12 / Xuño/ 2011

    As coordenadas da Pedra do Cadro do pedregal de Esteiro son (o sigpac marca A Braña do pedregal como a pedra do Cadro) 42º 48´ 30,27¨ N
    8º 59´ 47,58¨ W,.A pedra e unha mole granítica non un espacio nin un monte, aínda que en Esteiro se poda decir o ” monte da Pedra do Cadro”. Está a 660 m.da Pedra da Pía en liña recta. Está a 331 m.sobre o nivel do mar. Podedes xogar a buscala no goolge earth ou no Sigpac, cando a atopedes, poderedes ver como proxecta unha sombra pola cara norte. As medidas son (usando o medidor do sigpac) 60 m. de norte a Sur,43 m. de Este a oeste. Ten unha grieta que a recorre de N. a S. por onde nacen plantas, e nos visores vese como unha liña que a divide en dúas partes iguais.Respecto a desembocadura do rio Bornalle,Abelleira, nas Brañas de Ventín, (aldea cara o oeste) o pxom muros di que pode haber un asentamento Romano, pois apareceron tégulas cando se ía poñer un poste. está catalogado co GA 15053011 . Espero que poidera aclarar algunha duda.

    http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/MUROS/documents/22396CA009.pdf

  12. elixio
    5 / Novembro/ 2011

    Cinco meses despois deste artigo a xente empeza a visualizar este espazo de unha maneira máis concreta grazas as achegas de información. A Pedra da Pía aínda que coñecida en Esteiro, non está catalogada no pxom, e que eu saiba non hai estudos feitos ata o de agora. A xente empeza a visitala nos roteiros usando o que hai publicado nas web:
    .http://roteirosgalegos.es/blogues/blog/2011/11/esteiro-pedra-do-cadro/

    En patrimoniogalego.net temos esto para quen quiera facer estas rutas:

    http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/05/pedra-das-pias/
    http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/10/o-pedregal-de-esteiro/
    http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/07/o-castelo-de-esteiro-2/
    http://patrimoniogalego.net/index.php/2011/06/camino-de-a-silvosa-a-laxe/

  13. j l galovart
    5 / Febreiro/ 2012

    Ayer acompañé a Fernando Alonso Romero y Antón Bouzas a la Pedra das Pías, pues ultiman un artículo sobre ella que pronto publicarán. Hay 8 cazoletas , 4+2+2… tres grupos alineados y casi paralelos….su orientación con brújula es Oeste-Este.

  14. Javier Mayo
    13 / Maio/ 2014

    Elixio, debo estar mirando mal o PXOM de Muros porque o GA15053011 refírese o Petroglifo do Monte do Cruceiro en Serres. ¿?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará