Santo Alberte, baixar de camiño en camiño


O río Parga ao seu paso por Santo Alberte. Fotos: Sole

O que máis me sorprende das infraestruturas de comunicacións é a súa superposición ao longo dos séculos. Usando pés, rodas, raís, motores ou cabalos, a xeografía accidentada de Galicia, ao longo de miles de anos, segue a ter, con pequenas variantes, as mesmas solucións para atravesar o territorio. A consecuencia é bastante obvia. Se os camiños serven, esencialmente, para conectar núcleos humanos, case nos sae unha consecuencia darwinista: a base dos núcleos de poboación galegos están onde teñen que estar desde hai centos ou miles de anos.

Para chegar a este bonito e pouco coñecido lugar que é a ponte e a Capela de San Alberte [localización], en Guitiriz, hai que facer un descenso gradual na escala temporal das comunicacións. Hai que saír da autoestrada en Baamonde para percorrer a estrada nacional. Hai que aparcar á súa beira, atravesar con coidado e superar outra infraestrutura máis vella aínda, as vías do tren, nun perigoso paso a nivel (moito ollo). E despois aínda seguimos a retroceder nesta particular viaxe temporal de infraestruturas. A ponte medieval sobre o río Parga debe ter as súas partes máis antigas do século XIV, e nos permite entrar case de cheo nun vello tramo dun camiño aínda máis vello, onde entramos de cheo nun mundo inmemorial. Hai unha fonte máxica, que sanda os problemas da fala, e que debe nacer baixo o altar desta atípica capela. É unha das poucas capelas cun marcado carácter gótico en Galicia, chea de canzoriños divertidos coma o que vedes, pero tamén de caras fermosamente esculpidas. E ten unhas dimensións moi superiores ás das típicas capelas de romarías.

Santo Alberte está inmersa nunha carballeira e coas ruínas dun hospital de peregrinos, porque estamos no Camiño Norte. A carón do Parga, crúzana outros ríos, como se todo o lugar estivera definido por fronteiras de auga que corre.

Será por iso que apetece sentar en Santo Alberte e deixarse levar.

10 Comments

  1. Benito S.
    4 / Abril/ 2011

    Na segunda foto,no alto da fiestra podese ver unha estrela de David,ten algun significado ou é. tan soio decoración

  2. 4 / Abril/ 2011

    Na arte medieval, todo ten significado. As estrelas de David son relativamente habituais na arte medieval, pero ten en conta que moitas veces non teñen que ver cos xudeus (ou iso é o que se di).

  3. 4 / Abril/ 2011

    Fermoso texto e fermosas fotografias. Quando eu era pequeno seica “prendia” algo ao falar, e meus avôs levárom-me ao Santo Alberte, parece ser que com resultados mais que satisfactórios :) Desde aquela nom voltei (já passárom anos), mas o teu post é umha invitaçom que nom se pode deixar passar.
    Saúdos!

  4. 4 / Abril/ 2011

    Fermoso lugar…cada día son máis “fan” do teu blog e sinceramente coido que non hai ninguén que faga máis ca ti por nos descubrir o país que temos. Os meus parabéns.

  5. Pancho-lapatianco
    5 / Abril/ 2011

    ¡¡Outro acerto Magago!!. Bastantes veces teño feito este roteiro, a cachos pequenos, cando levo a amigos e coñecidos a coñeceren este lugar feiticeiro. Ou facelo enteiro, recomendo neste caso empezar en Bahamonde (Begonte), logo dunha visita á casa eco-escultura de Victor Corral, a igrexa románica e o seu carballo “historiado” polo ese escultor da terra; logo seguir dende o fermoso muiño que hai a rentes do río ó cruzar a vía do tren e rematando en Parga (Guitiriz).
    Para min o máis bonito é facelo no outono. Eses castiñeiros arredor da igrexa de Santo Alberte danche unhas estupendas castañas ben grandes, e o camiño polo río é unha zona alternativa para os que recollemos cogumelos.
    A próxima vez que vaias por esas corredoiras, a medio camiño entre a ponte románica de S. Alberte e Parga, nun gran meandro do río, (ese que se ve no enlace da localización) hai unha tradicional e potente ponte de poldras mesturadas con pequenos arcos (non lembro o nome da aldea á que da paso).
    Saúdos.

  6. Pancho-lapatianco
    5 / Abril/ 2011

    Ponte medieval de San Alberte, quixen decir.

  7. 5 / Abril/ 2011

    Bom roteiro o que propom o Pancho-lapatianco; somente um pequeno matiz: se começamos em Baamonde, antes de botar a andar, é mui recomendável fazer acópio de proteinas n’O Labrego, justo ao carom da casa-museu do Vítor Corral. Combustível de primeira para a caminhada! :o)

  8. 5 / Abril/ 2011

    Certamente, o roteiro está fantástico, non o vira eu así, pero é estupendo, especialmente chegando tamén a ese lugar pouco coñecido que é a Pobra de Parga e o que fica do seu castelo. Parabéns!

    Ulmo, teño que disentir. Se me meto un cocido ou un chuletón do Labrego antes de ir a facer o roteiro, case mellor a fago en padiola. Está visto que haberá que comezar na Pobra de Parga e rematar en Baamonde. :-)

  9. Pancho-lapatianco
    5 / Abril/ 2011

    Non descubro nada. Éche un roteiro marcado, e como ben dis Manuel, é parte do Camiño no Norte, e era o antigo camiño a Coruña ate que se fixo o que hoxe chaman Nacional VI. Todo vai polo mesmo rego, corredoira, tren, estrada e autoestrada.
    E quizais si, mellor empezar na ponte medieval de Parga, comprando algo na súa feira dominical, ou levando cosigo un pouco queixo de Friol e pan de Ousá para o camiño. Logo parar no Labrego, e se hai folgos, seguir polo río deica o Campo de Santa Isabel, lendo algún poema de Manuel María. ¡¡Pero eso para un só día seríanche palabras maiores!! :).
    Moi recomendable, e para os amantes da fotografía, no outono ofrece corredoiras, afastadas uns cantos metros do río, ¡desas xa escasas alfombradas de follas sen asfalto nen cables á vista!!.
    E xa paro.

  10. 10 / Abril/ 2011

    Unha boa oportunidade para esta Semana Santa e realizar a Rota da Auga de Guitiriz que comeza na capela de San Alberte e pasa por estupendan paraxes ao carón do río.

    Tamén podedes descubrir os “pasais” un sistema de pedras chantadas no leito do río para atravesalo. A Rota pasa por outros espazos naturais preciosos como “Os Sete Muíños” e atravesa as tres fontes minero-medicinais coas que conta o Municipio (Valdovín, San Xoan de Lagostelle e Partiñas).

    Deixovos a ligazón para solicitar un guía que nos acompañará pola Rota explicándonos todas as peculiaridade. É gratuíto, polo que creo que non podemos pedir moito máis.

    A ligazón para solicitar un guía é:

    http://www.turismoterracha.es/inscripcion

    Unha aperta ben grande

    Brais martínez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará