Pagáns e neopagáns en Adai
8 / Maio/ 2012 – 9:03 p.m. | 42 Comments

Nun bosque próximo a Lugo, levántase un intrigante conxunto de vestixios arqueolóxicos de diferente forma e condición. O sorprendente é que hoxendía levan unha discreta vida cultual.

Le a historia completa »
Home » Destacado, Diario, Notas arqueolóxicas

O posible santuario galaicorromano da cidade de Armea (Augas Santas)

20 / Marzo/ 2011 39 comentarios

Quen coñeza Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, saberá do especial do lugar. No alto do outeiro, a aldea de Augas Santas, a marabillosa basílica románica, o pazo de verán episcopal. E polo camiño da Santa, monte abaixo, pedras con pías, ata chegar á igrexa medieval que ficou a medio facer, e que envolve a enigmática cripta que protexe unha antiga sauna castrexa. O interesante é que a sauna está onde ten que estar: aos pés dunha fascinante acrópole da Idade do Ferro e do mundo galaicorromano: a cidade de Armea, que é un dos xacementos arqueolóxicos galegos que, sen estar escavado metodicamente agás en intervencións amateurs moi esporádicas, deu sorprendente material que revela unha intensa interacción entre o mundo cultural castrexo e o romano; dese material, a min sempre me sorprendeu a cantidade de pezas artísticas, ou o que é o mesmo, pezas de valor simbólico. Estatuas de guerreiros castrexos, cabezas, unha chea de trisqueis, a sauna castrexa co salmón e a serpe, capiteis, columnas, inscricións, petróglifos anteriores… É como se nese lugar, en Augas Santas e Armea, se levara concentrando un profundo universo simbólico ata hoxe.

Pois ben. O sábado, visitando a basílica de Santa Mariña de Augas Santas coa amabilísima señora que ten a chave, Visita (si, a muller chámase Visita), díxonos:

-E agora atopouse outra cousa máis desas enfronte da cidade de Armea, unha cousa así rara. Falade co señor Manuel de Armea, que el volo conta.

Non tardamos nada en baixarmos ata a inmediata aldea de Armea, onde o señor Manuel Losada nos indicou amablemente onde localizar aquelo. Aínda que poidas ter curiosidade por saber que apareceu, case mellor te recomendo que vexas enteiro o vídeo, e recoméndocho moito non só para ver o que alí se acaba de atopar, senón para coñecer a emoción dun sinxelo home de aldea comprometido con toda a súa cadea de devanceiros, no que localizar algo tan fascinante coma isto tivo algo de providencial pero tamén da curiosidade innata que temos os homes cando descubrimos o pasado.

O que vas ver tamén é un xacemento a penas descuberto, pendente dunha intervención arqueolóxica que nos permita comprender as implicacións e funcións deste lugar. Non sei se é unha primicia -creo que si- pero iso non é o importante: o relevante é a enorme importancia do que estás a punto de mirar.

Coma o señor Manuel, e discretamente, sen que ninguén me vira, eu tamén chorei no lugar. Volvín onda o señor Manuel, como fago sempre, para devolverlle en forma de palabras o que eu podía saber sobre este lugar. Foi alí cando gravamos a entrevista que vedes no vídeo.

Con certas prevencións lóxicas ata que se faga unha boa investigación do lugar, vou explicar que é o que eu -ou calquera lector que coñeza algo sobre este tema- pensará sobre o que acaba de ver e as fotos que seguen. Fágoo con humildade, sabendo que en arqueoloxía, como di Andrés Pena, as verdades de hoxe poden ser as mentiras de mañá, e que a penas fixen unha visita, case casual, ao lugar. Estamos ante un dos exemplos dun dos fenómenos da cultura castrexa máis descoñecidos e procurados en Galicia: un santuario, un posible santuario galaicorromano, no que se poderían fusionar as crenzas e o universo simbólico castrexo con determinada arquitectura e escenografía romana. A disposición cando menos en dúas terrazas, con dous niveles de escadas, a existencia de canaletas que delimitan ese banco central, acentúan a monumentalidade deste lugar. A súa disposición cara o nacemento do sol abre suxestivas hipóteses.


Chanzos para acceder á segunda plataforma e, por riba dela.


A segunda plataforma vista desde a dereita. Apreciade o banco central.


A segunda plataforma vista desde a esquerda. De aquí sae unha canle que posteriormente delimita e pecha todo o espazo central definido polo banco.

Estes santuarios son estraños e difíciles de ver. Os posibles casos que poden existir en Galicia localizados ata agora son unicamente chanzos labrados que permiten ascender a unha pedra, na que na zona superior pode haber algunhas pías, cuadrangulares ou redondas, así como coviñas e calzos de posibles postes. Levo un tempo traballando neste tema de santuarios castrexos, aínda que non estou a escribir moito no blog sobre esta cuestión, ata que non sume uns cantos indicios máis sobre algo que penso ao respecto. Pero ese é outro tema. Volvemos ao noso.

Só nalgúns xacementos da mundo dos castros estes santuarios adquiren outro notable valor monumental. Hai dous casos moi próximos a estes: A Fraga de Panóias, no concello de Vila Real (Portugal), ou o santuario do castro de Ulaca, en Ávila, próximo a unha sauna castrexa, igual que este de Armea. Os dous, especialmente Panóias, se entenden ata agora un pouco como as pedras Rossetta que permiten interpretar a función destes lugares.

Pois ben: no territorio da Galicia actual non hai ningún santuario tan elaborado nin complexo como este de Santa Mariña de Augas Santas. E se cadra, aínda que non son experto no tema, a disposición de elementos xa visibles neste monte do Señoriño permite supoñer que estamos ante un santuario de primeira orde, que revela unha disposición monumental e cultual complexa, nun lugar de intensísima tradición sagrada. A súa aparición, con todo, é coherente coa área da cultura castrexa na que se atopa, tremendamente coherente.

Saben por que chorei eu no monte do Señoriño? Levo máis de vinte anos percorrendo montes, cruzando silveiras, atravesando toxeiras, tentando comprender non só os lugares nos que vivían os nosos devanceiros, senón aquelo que non se pode apreixar nas mans: como pensaban, en que crían, como percibían o mundo. Subín murallas, baixei túneles, tentado escoitar algunha palabra que me relatase un mito, unha lenda, un territorio. O señor Manuel Losada de Armea turbulentamente desvelounos unha parte do seu universo de crenzas. De súpeto, case escoitamos o rumor das palabras e das oracións. Aínda non comprendemos o que alí vemos, e non sabemos onde conseguiremos chegar. Pero hai un mes e medio, o señor Manuel Losada abriu unha porta no tempo que nos achega máis aos nosos antepasados. E non podo menos que darlle as grazas. No meu nome, e estou convencido que tamén no de moita xente de ben. Se vostedes o escoitan falar no vídeo, saberán a que me refiro.

Mañá contaremos algunhas outras cosas sobre Santa Mariña de Augas Santas.

39 comentarios »

  • Anxo F. Saborido di:

    Noraboa, emocionante. Como ti dis, a xente é a que descubre as cousas. Parabéns e grazas por compartilo.

  • Xosé A. López Silva di:

    Dende logo, noraboa, Manuel. É emocionante que compartas esta nova. As fotos e o vídeo son abraiantes. Unha aperta enorme

  • breoghain di:

    No lugar da mártir proto-galega (Santa) Marinha de Águas Santas tinha que haver algo. Algo muito forte por que esse lugar é para nom esquecer desde que o visitei. É importante que nom perdamos a capacidade de emocionarmo-nos com estes achâdegos do nosso passado. Assi manteremos viva a lapa da esperança para o nosso pais.

  • Xabres da Teixeira di:

    Gracias Magago por compartir esto. Eu estiven nunha ocasión ou duas por ahí e non conseguin mais que na pía do principio fotografiar un lagarto arnal, e o lado dun valado atopou a miña dona unha machada. ¡Non vos preocupedes! era moderna marca bellota.
    A min o forno da santa pareceume unha construcción templária, e a cripta, nunha das veces que estive, tiña restos dun rito raro: Habia restos de plumas e velas detrás do que podia ser unha pedra fermosa.
    Repito gracias, e unha aperta.

  • Parabéns por esta achega e pola emoçom transmitida. E concordo com Breoghain: eu também estivem no lugar, escuitei da boca dos vizinhos as lendas sobre Santa Marinha, sobre a Processom dos Pendons ao castro de Armea, sobre a Pioca da Santa… Ali houvo (e hai) um fenómeno mitológico mui intenso que, em boa medida, ainda está por explorar e que de seguro que nos abriria a porta a muitas conexons.
    Ficamos à espera de novidades!

  • magago di:

    A mágoa do castro (aínda que isto non está dentro do recinto, senón nas proximidades) é que debeu perder moita pedra nos últimos anos. Vin o sábado fotos do castro nos anos 50 e a muralla é espectacular. Pero unha prospección intensiva dalgunhas das zonas pode deparar moitas sorpresas.

    De feito, mañá publicarei un post con outras cousiñas curiosas da área.

    Breoghain, efectivamente, en Santa Mariña é imposible non pensar moitísimas cousas. Sobre todo, polo vivo que segue todo nesas aldeas. É algo único. Só hai que ser educado, ter respecto, e preguntar. E todo aflora. Mañá colgarei un vídeo tamén pequeniño que o amosa.

  • O'Padín di:

    Parabéns. É un achado espectacular, estou fascinado. Antes de que alguén veña a criticar ao señor Manolo por ter limpado terra de máis do seu achado, teño que decir dende aquí que admiro a súa inmensa curiosidade e a empatía que amosa cos seus devanceiros, dúas virtudes que, de adornar con máis frecuencia aos arqueólogos deste país, darían lugar á máis fermosa das historias nunca escritas dun pobo. A empatía é unha arma cargada de pasado/futuro.

  • Boas M.Gago;

    primeiramente parabéns polo teu traballo de visibilización do patrimonio. Unha labor encomiable.

    Por outra banda supoño que saberás que fai pouco vímos de comprometernos, xunto co Museo Arqueolóxico de Ourense e o Concello de Allariz, nun ilusionante proxecto que pretende intervir no conxunto de Armeá para situar o xacemento no lugar que lle corresponde tanto no eido da investigación como da propia conservación e difusión do sitio.

    Xa tiñamos constancia deste achado, agardamos poder aportar máis información nun futuro. Con todo, parabéns novamente polo teu vídeo.

  • magago di:

    Laboratorio, moitas grazas!

    Si, sabía que estaba prevista a campaña pero entereime aínda onte que non comezara este verán pasado: por algún motivo eu estaba convencido de que se fixera algo. Alégrome moito de que se interveña en Armeá (por certo, a xente de alí chámalle Armea, non?). Ese sitio arqueolóxico é unha pasada. Estou convencido de que o faredes coa delicadeza e o respecto que merece este lugar para os seus veciños: ides tocar unhas das febras sensibles de Galicia e iso é un orgullo e unha responsabilidade!

    Moita sorte co proxecto de investigación e agardamos as vosas informacións con avidez. Supoño que o achado vos terá cambiado un pouco a planificación. :-)

  • Os meus máis sinceros parabéns,o achado é impresionante e o teu labor é digno de louvanza.

  • Bos días,

    tes toda a razón…o achado muda o cronograma e os obxectivos, con todo son moitos os frentes abertos e como ben saberás poucas as axudas para este tipo de intervencións…
    @s veciñ@s son unha peza esencial no proxecto a implementar, procuraremos non só o seu respecto senón a súa colaboración activa na recuperación da memoria do lugar. Estamos non só ante un xacemento cunha potencia prometedora senón ante un lugar de culto e un espacio simbólico aínda vivo para a comunidade, co que calquer intervención ten que contar coa súa aprobación.
    Por outra banda, agardamos tamén poder recibir no futuro a túa visita e comentar de primeira mán o proxecto, obxectivos, achados, etc…
    Seguiremos en contacto e de novo parabéns polo teu labor. Apertas!!

    Martín (LAUV-GEAAT)

    P.D. Alí din Armea aínda que o topónimo oficial é Armeá….como dicía un delegado de cultura fai anos…»cousas da RAG»….;)

  • Xurxo di:

    interesante descobremento! dende logo ese é un lugar máxico, e cada día aínda se volta máis. Esperaremos con moita ilusión os resultados do que se poida atopar dunha excavación organizada.

  • Parabens Manuel
    Eu tamén estiven alí un par de veces. E sen dúbida é un sitio onde se respira algo máxico

  • miguel di:

    Felicitacións ao Sr. Manuel de Armea, polo seu bo tino e a súa sensibilidade.

  • magago di:

    Pois claro que seguiremos con moitísimo interese o proxecto e que vaiades procurando nel! E o da visita estarei encantado de achegarme por alá cando andedes coas mans na terra. :-)

  • Manuel di:

    Primeiro de todo parabéns polo blog!

    Nunca acostumo a deixar comentarios nos blogs pero xa levo un tempo seguindoo (a partires dos links en Chuza!) e desta vez vinme obrigado a escribires.

    Moitas gracias por esta labor divulgativa e vou tomando nota para percorrer estos máxicos lugares cando volte a Galiza.

    Un saludo

  • Félix Neira di:

    Noraboa, Manuel. É certamente das aportacións máis interesantes e intensas que teño lido neste teu blog. Non se me ocorre outra maneira de facerlle xustiza que calificala de «experiencia relixiosa», e nunca mellor dito. Teño entendido que no Castro de Novás, en Xinzo da Limia, apareceron tamén uns chanzos realizados na rocha e que conducen a un lugar máis elevado, todo con buratos e canles. Pero os paralelos máis evidentes son Panóias e as estructuras abulenses vencelladas á cultura de Cogotas. Vendo as fotos non podo evitar recordar, mutatis mutandis -¡por supusto!- o Ara Pacis Divi Augusti, con esa escalinata tan simétrica, con esa centralidade… ¿Eran os galaicos tan «cuadriculados»? Supoño que non. Esta estructura parece moi romana, galaicorromana. Por certo, creo que esa emoción polos devanceiros lonxanos está bastante extendida entre os nosos paisanos, pero case todo é ignorancia, e non creo que as novas xeracións vaian valorar máis o noso patrimonio. Parabéns.

  • Lume di:

    Parabéns Sr. Gago, a túa laboura é moi importante para o noso País.

    Eu tamén levo buscando pías coma un tolo dende hai anos. De seguro que tamén choraría.

    Estiven en Sta. Mariña varias veces. A primeira cando tiña oito anos e sempre me pareceu curioso que os meus pais, que nin son de Allariz nin ten relación algunha co tema histórico nen arqueolóxico, me levaran alí. Aquel lugar ten algo especial e unha influencia sociolóxica que sobarda con moito o Concello de Allariz.

    Outro punto interesante, cunha extensa influencia territorial é o Santuario dos Miragres, á que vai xente incluso de fora da Galiza autonómica. Ían toda a noite de procesión para chegar alí ao amencer, cando sae o sol….

  • Optimista di:

    Hai que disfrutar o momento, así en quente, agora que é un santuario galaico, xa que dentro dun mes será un santuario moi galaico-romano, e dentro de dous un perfecto santuario romano, e dentro de seis meses xa falaremos do santuario hispano-romano con paralelos celtiberos. Hai que darlle Tempo os popes da arqueoloxia galega a a masticar axeitadamente o achadego.

  • Gosto do comentário do Optimista, polo de desfrutar do momento… e também polo resto :)

  • Gustavo A. Garrido di:

    Magnífico. Sinxelamente. Unha alegría máis.

  • Elixio Vieites di:

    Parabéns. Simplemente fantástico. . Tamén fun a Aguasantas pero haberá que voltar para ver este novo achádego. Aproveito para felicitarte polo artigo do Castelo Esteiro. Muros( o Bico do castelo Grande )e aproveito para informarte que por aí hai unha ruta que sobe dende a aldea de Silvosa no fondo do val e frente o castelo ata a planicie,unha corredoira ven empedrada.Tamén hai a ruta da Pedra do Cadro, onde se pode ver un altar pagano que cristianizaron,metendolle cruces, curiosamnete esta xunto a unha rocha en forma de falo. Todo ese monte e un pedregal fántastico.

  • magago di:

    Grazas, Elixio. Aínda non vin a Pedra do Cadro, pero téñolle moitas gañas. A iso e a outra cousiña que seica hai alí preto e que xa estaba en ruínas no século XVII… ;-)

  • magago di:

    Moi divertido o do optimista! :-) Aínda é cedo para saber a súa época, pero eu tírome á piscina igual (aínda que con inchadores). Eu creo que si pode ser de época galaicorromana. Máis que nada porque algúns outros que teñen aparecido así tamén son desa época. Outra cousa é ver que é exactamente, como «funcionaba». Nas proximidades, como vistes no vídeo que gravei, atópase tégula. E dígovos unha cousa. Mañá tentarei publicar as cousas que hai ciscadas por toda a aldea. A miña conxetura é que viñeron deste lugar. Hai unha delas que pode ser clave neste conto.

    Outra cousa é o que quere dicir «galaicorromano». Porque en Armea apareceron un sinfín de materiais plásticos, artísticos, como dicía, pero reflicten a cosmovisión castrexa. Ao mellor sempre que dicimos «galaicorromano» parece que facemos énfase no «romano», e mira ti que ao mellor hai que pensar no contrario.

    Ou dito doutro xeito. Non polo feito de ser de época romana deixa de ser castrexo.

    Son ideas.

  • «… en Armea apareceron un sinfín de materiais plásticos, artísticos, como dicía, pero reflicten a cosmovisión castrexa. Ao mellor sempre que dicimos “galaicorromano” parece que facemos énfase no “romano”, e mira ti que ao mellor hai que pensar no contrario».
    Nom poderia estar mais de acordo! É como as aras e inscriçons esteticamente romanas, mas que contenhem onomástica, simbologia e, em geral, traços da cosmovisom indígena. Está bem ir estabelecendo estas distinçons que durante muito tempo, em prol dum discurso (intencionadamente?) simplista, forom obviadas.

  • Curuxa di:

    Ola,
    Boa tarde. O tema ten o seu interese, pero sería bo comentar que a limpeza sen control é un risco que non debe pasar dun primeiro momento.
    Sobre a inscripción romana da palleira de Armea ha información clara e precisa nos traballos de Conde Valvís de hai máis de ssesenta anos, así como doutros elementos
    Saúde e sorte

  • magago di:

    Sen dúbida, Curuxa. Cónstame de que os veciños xa foron advertidos ao respecto: eu mesmo tamén lles avisei (e expliqueilles por que, algo que moita xente se esquence de dicir). Agora debe ser a quenda da investigación e, xa que logo, doutros procedementos de análise de campo metódicos e coidadosos. Grazas polo aviso sobre a inscrición: xa puiden consultar bibliografía ao respecto para documentar o vindeiro post, a transcrición, etc. Mencionareina con precisión no vindeiro post.

  • Gonzo di:

    Noraboa, un fenomenal traballo.

  • Javier Foz di:

    así a primeira vista semella o oco que hai no cumio do pico da frouxeira, onde se supón que había un «aljibe» ou a base dun torreón :D a ver se foron poñer o castelo nun altar prerromano. Bueno. En realidade non cadra que houbese alí unha torre a xulgar polos restos de habitacións do castelo (suponse que estaba apoiado contra o penedo). fago link á foto do artigo teu da frouxeira se non che importa, Manuel.

    mhtml:file://C:\Users\Usuario\Documents\11_03_10usb100311\Capítulo 0 » O castelo da Frouseira un niño de aguias sobre o Valadouro.mht!http://www.manuelgago.org/blog/wp-content/uploads/2006/07/a_frouseira_1.jpg

  • Castor di:

    Ola, un millón de felicidades ao descubridor, e grazas por acercarnos ao descubrimento na túa páxina!

    Teño algunhas fotos por eí tamén dunha pedra curiosa en Augassantas, alongada, con aparentes inscricións, por detrás da carballa da santa, no monte, a ver se as atopo no ordenador e chas mando.

    Apertas,
    Cástor

  • Después de ver este estupendo reportaje del hallazgo por parte del Señor Manuel, del santuario galaico romano de Armenia, que fue el antiguo nombre de Armea, pienso que estos lugares de culto próximos, todos ellos ligados a la Santa, que si las piocas, la fuente, el forno, y ahora este nuevo lugar impresionante, tuvieron que conformar una especie de paisaje procesional cual «tromenie» de Locronan, que tal vez culminase con la romería de los pendóns que nos cuenta Ulmo de Arxila más arriba. Enhorabuena a los dos.

  • Andregoto, parece-me umha sugerência verossímil conhecendo a disposiçom geográfica e simbólica do lugares, e, aliás, umha sugerência bem fermosa! Ainda ontem lia a notícia da descuberta de um petróglifo alô em Begonte, na minha terra, e os investigadores falavam da possibilidade de que também ali poda falar-se de algo semelhante.

  • Un lugar cheo de sorpresas Armeá. Lembro que cando fun ver «o forno da santa» chamoume a atención un petroglifo que está nunha pèdra que fai de chanto nunha horta da aldea.

    Hoxe lin a noticia e buscando na rede viñen dar a túa casa. Dende logo as túas fotos son moito mais descritivas cas da Voz de Galicia.

    Saúdos dende A Ulloa.

    Por certo, dicirlle a Ulmo de Arxila que o petroglifo de Begonte leva moitos anos descubertos pero, como sempre, parece que ata que non saen na prensa non existen.

  • Gracinhas pola informaçom! A zona em que foi «re-descoberto» o petróglifo é mui rica em restos deste tipo, mas devo reconhecer que nom a frequentei muito. Haverá que se chegar até ali!

  • artabris di:

    Manuel xenial! como sigas así aínda non nos has deixar nada por descubrir nas nosas prospeccións profesionais! encantoume o vídeo, aínda que me gusta leerte o vídeo ten un non sei que, que me compraceu moitísimo! Boto moito en falta que en Galicia ninguén se dedique a facer documentais sobre nós (patrimonio natural, cultural..) do tipo dos ingleses, este case case… xa digo, xenial. E o espazo cultual: excepcional.

    Agora un apuntamento: canle, non «canal» (home por poñer un pero…!)

  • sembei di:

    Iso do «monte do señoriño» parece un eufemismo para non chamarlle «mouro».

  • magago di:

    Desde logo é un topónimo ben singular.

  • Anónimo di:

    e increible o ipocritas que podende ser, ises monte foron trabllados polos veciños de toda vida, agora que iso sai a luz pensades que so vos tedes direito,que so vos sabedes, gracias a deus que a xente non contou con vos pra vivir so sodes cupa tintas diria mais profanadores de sitos unicos, so vos falta instalarlle o wifi

  • pim di:

    que pasou anónimo?

Deixa un comentario!

Engade o teu comentario debaixo, ou trackback do teu propio sitio. Ti tamén subscribirse a estes comentarios via RSS.

Pórtate ben. Manteno limpo. Queda no tema. Non sexas troll. Nada de anónimos vengativos nin outras trangalladas

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Este blog recoñece Gravatar. Se queres ter un, rexístrate en Gravatar.