Fotografías que son novelas (10)

No catálogo da magnífica exposición Os Adeuses. Fotografías de Alberto Martí sobre as partidas e as chegadas da diáspora, editado polo Consello da Cultura Galega, pódense ver estas dúas fotos. Como vedes, retratan a marcha destas tres vellas cara a emigración desde o porto da Coruña en 1962. Na segunda das fotos, o capitán do barco quíxose retratar con elas. Pero se sodes perspicaces, teredes observado un intrigante obxecto que se repite nas dúas fotos, un obxecto que non debera estar: o tallo, o banquiño branco que leva a vella do medio agarrado de forma moi consistente, para que non se escape.

Doulle volta á cara e fasquía destas vellas, pertencentes a esa caste de idade indeterminada que parecen sobrevivir, nalgunhas aldeas, a xeracións, que parecen estar antes e despois de todo. Vellas que tanto poden ter setenta como noventa anos, das que non tes clara a súa estrutura corporal baixo un corpo cheo de capas de vestimenta negra. E non podo menos que sospeitar. Por que o capitán do Trasatlántico se retrata con estas tres aldeanas, malia non parecer tranquilo na súa pose? Non podo menos que imaxinarmo: son as tres Parcas, as tres Moiras, ou as tres Matronas. Son Nona, Décima e morta, as tres fiandeiras mouras que controlan o tempo e determinan o Destino das xentes. Durante todo o século XX, as Parcas foron e cruzaron o Atlántico desde A Coruña, medindo as vidas da grea en Cuba, Bos Aires, Venezuela; cada ano, as Parcas volvían para as parroquias de Acó do Mar. Sentaban cabo dalgunha Pena Moura e prendían o lume da vida ou sopraban para apagar as súas últimas fachas. E o tallo branco? Aí a fiandeira Nona, -tamén chamada Cloto, ou Lola da Veigha-, fía os destinos das persoas.

É normal que te fixaras nese talliño branco. Alí fostes enfiado.

Podes ver todo o catálogo da exposición na Mediateca do Consello da Cultura Galega

9 Comments

  1. 17 / Marzo/ 2011

    Outra versión non menos fermosa, aínda que menos fantástica: esa velliña leva o talliño onde criou ao seu fillo. Teño visto moitas veces como estes talliños continúan nas casas, sen tirarse, como o principal rastro dos seres queridos que marcharon fóra ou xa non están. O tallo é un dos grandes símbolos da infancia.

  2. 17 / Marzo/ 2011

    E unha terceira, máis práctica. Se vos fixades ben na segunda foto, o tallo ten todas as trazas de ser novo. Para a viaxe, a vella veu preparada. E o carpinteiro da aldea preparoulle un bo tallo de madeira de carballo. A vella nunca foi de estar pechada nun camarote. Alí pasará a viaxe enteira.

  3. susob
    18 / Marzo/ 2011

    Unha imaxe conmovedora. Maís potente ainda que a célebre imaxe de Manuel Ferrol. Representa o auténtico drama da emigración pois estas vellas marcharon de Galicia únicamente para morrer. A mirada perdida da que leva ese tallo produce un estremecento.
    A exposición vai para a Fundación Barrié en Vigo, nunha montaxe que vai estar todavía mellor que a feita na Coruña.

  4. 18 / Marzo/ 2011

    “… como o principal rastro dos seres queridos que marcharon fóra ou xa non están”.
    Como o aparato de rádio da mítica fotografia de Virxilio Viéitez.
    Um post fermosíssimo. Gracinhas por o compartires.

  5. Rubén Leboreiro
    18 / Marzo/ 2011

    Que gran razón ten ese “galego avant la lettre” de John Berger cando fala dos modos de ver. Estas fotos, supoño que foron feitas a modo de lembranza para as súas protagonistas ou familiares,hoxendia teñen para nós un significado totalmente diferente. A nosa ollada por desgraza creo eu, xa non se cruza coa súa.Tanto mudou o país, tanto mudamos nós.

  6. 18 / Marzo/ 2011

    É que para min, o gran poder da fotografía é precisamente a polisemia, a capacidade de evocar situacións diferentes segundo o observador. Por iso fago esta serie de Fotografías que son novelas, porque creo que a foto ten esa capacidade de ser punto de partida.

    http://www.manuelgago.org/blog/?s=fotograf%C3%ADas+que+son+novelas&x=0&y=0

    Estou de acordo con que a nosa ollada xa non se cruza nada coa súa. De todos os xeitos, o tema da ollada nesta foto é importante. Creo que o fotógrafo as sacou, e o capitán quixo saír con elas, porque en certo modo, eran “indíxenas”, eran, mesmo nos anos 60, “pintorescas”. Non creo que foran para familiares: elas non quererían aparecer así. Esta ollada de Martí tamén indica moito sobre a propia foto.

    E hai outra cousa: o marabilloso é como as dúas fotos son coherentes nalgo máis: na aparente personalidade destas tres Moiras ou Matronas. A da esquerda, é a bondadosa e carácter doce. A do medio é a soturna e introvertida. A da dereita, sen pano, -cantas veces teño visto eu a esa muller nas aldeas- é a máis decidida, a máis varuda, a que abre o camiño. Insisto: tras desta realidade hai algo de mitolóxico, porque a mitoloxía, ao fin e ao cabo, está feita á imaxe dos homes.

  7. Nemigo
    19 / Marzo/ 2011

    e a foto é dos anos 60!
    Hoxe isas mesmas vellas serían declaradas talibáns! Mulleres ás que se lles impón levar o pelo cuberto pola opresión dos machos da aldea!
    Pero quen di que melloramos?

  8. 21 / Marzo/ 2011

    Moito teño eu agradecido este Capítulo 0 e o teu talento multidisciplinar.Por lugares coma este queda xustificada a existencia desta arañeira onde ás veces andamos un chisco perdidos. Pero tamaén teño pensado moito no gran novelista qeu perdemos, ou quizabes non?
    Parabéns unha vez máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará