A señora María e a alma dos lugares

Xurxo acábame de avisar. Hoxe á mañá morreu a señora María de Neixón. Quen teña pasado por esa fermosa península de piñeiros e antigas murallas, pode que se teña atopado con esta muller baixiña, de face enrugada e apergamada, que non paraba de falar; e que como todas as labregas ou mulleres do mar, era poeta en canto se lle permitía estenderse máis alá dos monosílabos e recapitulaba a súa vida. A señora María tivera unha vida terrible, moi difícil, e así foi tamén o seu final, atropelada por un camión nunha rotonda nas portas de Rianxo, ás seis da mañá. Ao mellor mesmo cruzou pola seca de Taragoña, atravesando a pé a ría de Beluso, camiñando sobre o mar ido, como antes facían as mulleres de Cespón para ir á vila. Toño Chouza fíxolle esta fermosa curta que podes ver; nela está a súa esencia, malia que falta o que dá o contacto físico: ese mirar intenso e fixo que tiña a señora María canto te relataba algo, un mirar dramático, que aspiraba a que a historia te atravesara, como lle teño visto a algúns vellos que posuían o misterioso don do relato. En certo xeito, aquela muller era o espírito do lugar, dos castros de Neixón; quen a coñecera, saberá o que digo. Aquela muller, María, que pareu de pé, soa, como nunha antiga lenda, o seu fillo na ribeira do mar, entre as algas, o arneirón e os mexilóns. Non deixa de fascinarme a misteriosa coincidencia de abandonos, como se todo en Neixón marchara cara outro lugar.

Adeus, señora María, alma, orfa, soíña do mundo.

10 Comentarios

  1. Xabres da Teixeira
    2 / Marzo/ 2011

    ¡Precioso! Que Deus, no que parece que cree a acolla.
    Gracias polo documento.

  2. Antón
    2 / Marzo/ 2011

    que a terra lle sexa leve

  3. miguel
    3 / Marzo/ 2011

    Descanse en paz.

  4. 3 / Marzo/ 2011

    que distinto escuitar o telejornal da noite depois de ler isto. Alí falarom dumha vítima mortal que cruzou imprudentemente a autovia etc. etc; eu sabia que era a senhora maria…

  5. herba
    3 / Marzo/ 2011

    Pouco máis que engadir o xa comentado. Triste e fermosa anotación. Grazas.

  6. 3 / Marzo/ 2011

    Lembroume moitísimo á miña avoa, que tamén era María. Cada velliño que morre é unha estrela apagada. Canta vida levaría no lombo, e que morte de século XXI, no medio do piche devorador, un vulto anónimo nun telexornal.

  7. Faisca
    4 / Marzo/ 2011

    Fermoso galego, proprio do Barbanza.Isto indica que ainda hai traballo de campo que facer.

  8. 6 / Marzo/ 2011

    A esencia mesma da terra, qué recordos! qué morriña! Cruzou a autovía? pero como fixo?

  9. 22 / Abril/ 2012

    Muito obrigado, Manuel, por escreveres estas cousas. Nom saberia dizer por que, mas conmovem-me. Nom me puidem resistir a fazer-me eco no meu blogue.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *